Lingüística teórica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A lingüística teórica é unha póla da lingüística que se concentra no desenvolvemento dos modelos de coñecemento lingüístico. Os eidos que se consideran xeralmente a esencia da lingüística teórica son a sintaxe, fonoloxía, morfoloxía, e maila semántica. Malia estar moitas veces vencellada á fonoloxía, a fonética, adoita ser excluída da esfera da lingüística teórica, xunto á psicolingüística e maila sociolingüística. A lingüística teórica implica tamén a busca dunha explicación da lingüística universal, é dicir, as propiedades que tódalas linguas teñen en común.

Eidos principais[editar | editar a fonte]

Fonética[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Fonética.

A fonética é a disciplina da lingüística que estuda a produción, as calidades físicas e a percepción dos sons dunha lingua, en canto realidades físicas concretas. A fonética persegue o coñecemento do son lingüístico en xeral.

Fonoloxía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Fonoloxía.

A fonoloxía é a disciplina da lingüística que estuda a función da materia fónica como constituínte dun sistema lingüísticos; estuda os fonemas como unidades sonoras mínimas capaces de diferenciar significados. A fonoloxía persegue o coñecemento e determinación dos sons puramente funcionais nas distintas linguas.

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Morfoloxía (lingüística).

A morfoloxía é unha ciencia que se encarga da forma das palabras nas linguas flexivas, da combinación dos diversos morfemas e das categorías en que estes se organizan.

O seu eido de traballo é variable, segundo sexa o tipo de palabras coas que se traballe (verbal ou conxugación, nominal ou flexión e declinación, ...), os morfemas (raíz, formantes, bases, terminacións, ...), o sistema de derivación (flexión, derivación, paronomasia, sufixos, prefixos, interfixos, infixos, afixos)

Semántica[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Semántica.

A semántica é a subdisciplina da lingüística que se encarga de estudar o significado. Entre os seus temas de estudo principais están os casos de sinonimia, homonimia, polisemia e campos semánticos. Co desenvolvemento multidisciplinar da lingüística cognitiva por parte de Ronald Langacker na década de 1980, reabríronse temas de traballo coma a metáfora, a metonimia e a categorización. Tamén está moi asociada á lexicoloxía (e polo tanto coa lexicografía), sobre todo mediante a estrutura chamada campo léxico.

Sintaxe[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Sintaxe.

A sintaxe é unha subdisciplina da lingüística encargada de estudar as regras que gobernan a forma na que as palabras se organizan en sintagmas e, á súa vez, estes sintagmas en oracións, así como de estudar a función que cumpren os elementos dentro de cada unidade.