Adquisición da linguaxe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Denomínase adquisición da linguaxe á aprendizaxe e desenvolvemento da capacidade lingüística por parte dun individuo. Distínguese entre aprendizaxe da primeira lingua, que realizan todos os nenos, e aprendizaxe dunha segunda lingua ou dunha lingua estranxeira. Este proceso é estudado pola Lingüística, a Psicoloxía e a Lingüística aplicada co obxecto de comprender os procesos utilizados na aprendizaxe da linguaxe, identificar as etapas e comprender a natureza da linguaxe.

Na adquisición da linguaxe débense tomar en consideración as diferentes teorías explicativas, a existencia de diferenzas individuais e a hipótese da existencia dun período crítico no que ela é posíbel.

A orixe e adquisición das regras de produción é obxecto de múltiples controversias, tanto respecto á súa natureza (lingüística cognitiva ou especificamente lingüística) como da súa aprendizaxe (innata ou aprendida desde o medio social). Para moitos autores, a linguaxe implica unha función simbólica anterior a ela, que se materializa nos diferentes sistemas de signos. Estes sistemas de signos da linguaxe combínanse, pola súa vez, con aspectos emocionais e afectivos que expresan a actitude, relación ou interacción do falante respecto da súa mensaxe, e pretenden influír no oínte.

Pódense distinguir dúas teorías explicativas da adquisición da linguaxe: a teoría condutista e a teoría innatista.

A teoría condutista, ou behaviourista, estende á conduta da linguaxe os mesmos principios deseñados para explicar a adquisición das condutas non verbais, e sostén que a súa adquisición obedece aos principios do reforzo e ao condicionamento. Para Skinner, a conduta verbal pode ser controlada eficazmente co emprego de reforzos e estímulos discriminativos, de forma que as respostas reforzadas tenderán a repetirse indefectibelmente no futuro. A aplicación dos principios da teoría condutista á descrición da conduta da linguaxe ten recibido fortes críticas.
No centro da polémica sitúase Chomsky, principal representante da teoría innatista, que propón a existencia dun ‘mecanismo innato’ que desempeña un papel fundamental na linguaxe. Suxire que os seres humanos nacen cunha habilidade lingüística innata, que emerxe principalmente do proceso de maduración. O cerebro humano posúe un sistema neuronal, o dispositivo de adquisición da linguaxe que permite a comprensión da estrutura da linguaxe e proporciona estratexias e técnicas para a aprendizaxe das características exclusivas dunha lingua nai determinada. A formulación de Chomsky supón que a mente do neno está preparada de xeito predeterminado para procesar a estrutura que caracteriza a linguaxe humana, chegando a unha especie de gramática transformacional da súa lingua materna; mais isto non quere dicir que o sistema gramatical veña dado como coñecemento innato, senón só que se posúen uns medios innatos para procesar a información e xerar estruturas internas.

A afirmación de que o neno nace con todos os universais lingüísticos foi entendida por algúns autores dun xeito moi literal. Así McNeill suxire que os nenos nacen cunha hierarquía de categorías lingüísticas. Pola contra, outros fan unha interpretación máis moderada. Para Fodor, os universais lingüísticos son intrínsecos ao neno, máis ca innatos. O punto de vista de Chomsky tampouco carece de críticas. Así, para os teóricos condutistas é un punto de vista en contra da perspectiva innatista a aparente capacidade dos animais, tales coma os chimpancés, para aprender os rudimentos da linguaxe. As investigacións sobre a linguaxe poñen de manifesto a existencia de diferenzas individuais na adquisición dela, non só en relación ao seu inicio e rapidez de desenvolvemento, senón tamén no uso de diferentes mecanismos de aprendizaxe e no uso de rotas evolutivas non exactamente iguais.

Pola contra, a hipótese dun período crítico na súa adquisición, tal como foi inicialmente formulada por Eric Lenneberg, áchase con problemas na actualidade. Este investigador baseouse, por unha banda, no feito de que o período no que se sitúa xeralmente a adquisición da linguaxe é entre un período anterior ao dos dous anos e os doce, sen que poida adquirirse a partir desta idade; e, por outra, na existencia de recuperacións da linguaxe en suxeitos que sufriron afasia en idades temperás, pero non (ou moi defectuosa) en afásicos adultos. Resultados de investigacións posteriores poñen en evidencia a capacidade para adquirir a capacidade lingüística despois deste período considerado como crítico. Non obstante, a pesar da súa adquisición, o desenvolvemento non é normal. Parece existir un período "sensíbel" (16 meses-8 anos, aproximadamente) no que se produce o esencial do desenvolvemento lingüístico.

Etapas da aprendizaxe[editar | editar a fonte]

Idade
(meses)
Trazos morfosintácticos das etapas do desenvolvemento normal da linguaxe
0-6
Vogalizacións non lingüísticas bioloxicamente condicionadas. Escasa influencia da lingua materna sobre aspectos produtivos.
6-9
As vogalizacións comezan a adquirir certas características propias da linguaxe: entonación, ritmo, ton...
9-10
Preconversación: maior vogalización durante os intervalos deixados libres polo adulto; intenta espaciar e acortar as vogalizacións para deixar lugar á resposta do adulto.
11-12
Comprende algunhas palabras familiares (mai, pai, neno...). Vogalizacións máis precisas e mellor controladas na altura tonal e a intensidade. Agrupa sons e sílabas repetidas por propia vontade.
12-18
Primeiras palabras funcionais, aínda que con sobreextensión semántica (chama «can» a todos os animais...). Aumento cuantitativo de comprensión e produción de palabras.
18-24
Aparición de frases con dous elementos. Hai un período transicional con unión de secuencias dunha soa palabra, pero sen a coherencia prosódica que caracteriza as oracións, senón cunha pausa entre as verbas («pai – aquí», «máis – auga»...). Comezan as flexións (plural) e negacións, ben co «non» illado, ou colocado antes ou despois do enunciado («comer non»...). Comezan as interrogativas («que?», «onde?»).
24-30
Primeiras secuencias de tres elementos («neno come pan») coa estrutura N-V-N. Este período é coñecido como de «fala telegráfica», pois carece de artigos, preposicións e flexións de xénero, número, persoa e tempos verbais, que aparecen ao final do período.
30-36
Secuencias de catro elementos, e aparición de frases coordinadas («pai está e mai non está»...). Aumenta o uso de flexións de xénero e número, mentres aparecen formas verbais nos auxiliares ser e estar. Aparecen os pronomes de primeira, segunda e terceira persoa (eu, ti, el, ela) e os artigos determinados (o, a). Frases simples diversas, e comezan a aparecer os adverbios de lugar combinados en oracións («El está detrás a porta»...).
36-42
Estrutura das oracións complexas de máis dunha cláusula coa conxunción coordinada «e». Aparecen as subordinadas («pero», «porque»...) e as comparativas («máis ca»...). Uso rudimentario dos relativos («neno que chora»...). Uso da partícula negativa integrada na frase («o neno non durmiu»...). Aumenta a complexidade das interrogativas. Os auxiliares «ser» e «estar» son usados correctamente. Aparecen as perífrases de futuro («vou saltar»...).

Xa coñece os recursos esenciais da lingua, pero o amplo abano de tipos oracionais aínda contén unha serie de «erros» desde o punto de vista adulto, e estruturas que aínda necesitan aprendizaxe. Pódese xa xogar coa linguaxe e amosarse creativo.

42-54
As estruturas gramaticais vase complementando co sistema pronominal («me, te-che, se»...), cos posesivos e os verbos auxiliares. Vanse eliminando os erros sintácticos e morfolóxicos. Aparecen estruturas pasivas, así como formas máis complexas de frases nominais («despois de», «tamén»...), se ben estas estruturas non se consolidarían até os 9 ou 10 anos. Úsanse correctamente as principais flexións verbais (infinitivo, presente, perfecto, imperfecto e futuro (en perífrase), aínda que máis que a forma correcta exprésanse as características do aspecto (acción durativa ou non, comido / comendo...). As modalidades do discurso (afirmación, negación e interrogación) son cada vez máis complexas. As preposicións de tempo («agora, despois, hoxe, mañá»...) son frecuentes, pero aínda hai confusión coas temporais e espaciais.
54-60
Apréndense estruturas sintácticas máis complexas: pasivas, condicionais, circunstanciais de tempo («irei xogar cando remate os deberes»...), e vanse perfeccionando as xa frecuentes, como as subordinadas causais («Ana caeu porque tropezou cunha pedra»...). Diversas estruturas de frase aínda están perfeccionándose e xeralizándose (usos da pasiva, conexións adverbiais: «aínda que si, realmente, de todos xeitos»...), sen chegar a unha completa adquisición até os 7 ou 8 anos. Comezan a apreciarse na linguaxe efectos distintos á mera comunicación (adiviñas, contos...) e é quen de xulgar o correcto uso da linguaxe. Comezan as actividades metalingüísticas.
60-
Desaparece a articulación vogal defectuosa. Adquírese a fala dun adulto.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]