Guaimaro III de Salerno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Guaimaro III (tamén coñecido como Guaimaro IV) (circa 983circa 1027) foi príncipe longobardo de Salerno desde o 994 ata a súa mrte, que tivo lugar segundo algúns sobre o 1030/1031, pero máis probabelmente no 1027.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Durante o seu reinado, Salerno entrou nunha fase de gran esplendor, testemuñado pola inscrición Opulenta Salernum incisa sobre as moedas da época. A el débese a redución a vasalos do Principado de Salerno das cidades de Amalfi, Gaeta e Sorrento e a anexión de moitas das posesións bizantinas en Puglia e Calabria. Fillo segundoxénito de Xoán II, asociado ao trono polo pai no 989 tras a morte do primoxénito Guido, xa correxente con Xoán II do 984 ao 988. No 994 (segundo algúns no 998 ou 999) o príncipe Xoán morreu e Guaimaro asumiu o rango de único soberano.

No 999, durante unha parada no porto de Salerno dunha banda de peregrinos normandos de retorno de Xerusalén, a cidade foi atacada polos piratas sarracenos. Os salernitanos, temerosos, non presentaron batalla aos invasores, mentres os normandos se lanzaron valorosamente contra o inimigo. A súa coraxe animou aos salernitanos, que se uniron á batalla e rexeitaron a ameaza musulmá. Guaimaro ofreceu rápido numerosos incentivos aos normandos para que ficasen en Salerno, pero estes rexeitáronos e volveron a Francia, prometendo difundir a noticia de que o sur de Italia precisaba de homes prontos a combater contra os sarracenos.

Como xefe dun dominio longobardo independente no Mezzogiorno, Guaimaro apoiou as loitas de independencia do longobardo Melo de Bari, que buscou refuxio onda el despois da derrota sufrida no 1011. Nominalmente, Guaimaro era vasalo do emperador Henrique II, pero tras a derrota sufrida por este en Canne no 1018 pasouse secretamente ao partido do emperador bizantino Basilio II. Á morte de Henrique, no 1024, Guaimaro enviou unha embaixada onda o novo emperador Conrado II para demandar a liberación do cuñado Pandulfo IV de Capua, o Lobo dos Abruzzi. Conrado, mostrando toda a súa inxenuidade, consínteo. O Lobo cerca inmediatamente a súa antiga capital, Capua, da que fora príncipe un tempo. Unha empresa na que obtén a axuda de Guaimaro e dos normandos guiados por Rainulfo Drengot e o catapán de Italia.

No 1015 Guaimaro asociou ao trono ao fillo máis vello, Xoán III, que tivera coa súa primeira muller Porpora de Tabellaria (m. 1010 ca.), pero este morreu no 1018. A correxencia foille dada ao segundoxénito Guaimaro, tido coa segunda muller Gaitelgrima, irmá de Pandulfo de Capua. Outro fillo de Guaimaro, Guido, foi nomeado gastaldo de Capua polo seu tío Pandulfo e posteriormente tamén duque de Sorrento polo irmán máis vello. O cuarto fillo de Guaimaro, de nome Pandulfo, converteuse á súa vez en Señor de Capaccio. Probabelmente no 1026 o príncipe de Salerno tivo tamén unha filla, Gaitelgrima, que posteriormente casou cos irmáns Drogón e Umfredo d'Altavilla, condes de Puglia.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Gwatkin, H.M., Whitney, J.P. (ed) et al. The Cambridge Medieval History: Volume III. Cambridge University Press, 1926.
  • Norwich, John Julius. The Normans in the South 1016-1130. Longmans: Londra, 1967.
  • Caravale, Mario (ed). Dizionario Biografico degli Italiani: LX Grosso – Guglielmo da Forlì. Roma, 2003.