Toupa ibérica
| Toupa ibérica | |||||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Estado de conservación | |||||||||||||||
| Clasificación científica | |||||||||||||||
|
|||||||||||||||
| Nome binomial | |||||||||||||||
| Talpa occidentalis Cabrera, 1907 |
|||||||||||||||
|
Distribución Talpa occidentalis
|
|||||||||||||||
A toupa ibérica (Talpa occidentalis) é unha especie de mamífero soricomorfo da familia Talpidae endémica do oeste e centro da Península Ibérica[1] que vive comendo vermes e miñocas baixo terra. A toupeira adóitase atopar en praderías, cultivos regados e terreos de bo solo orgánico. Tamén habita bosques de chopos, freixos e olmos.
Índice |
Características [editar]
Diferénciase da toupa europea polo seu menor tamaño, por ter os ollos totalmente tapados polo pelo, un cranio máis alongado e estreito, e polos pelos brancos que cobren as poutas e mailo fociño. A cola é curta e atópase cuberta de pelo, as súas poutas son grandes. O fociño é cónico e con longos bigotes (vibrisas) que, ao igual cós pelos das poutas, serven para detectar vibracións e apalpar.
Historia natural [editar]
É unha especie escarvadora que, como o seu parente europeo habita en lugares con solo profundo que non sexa nin moi pedregoso, areoso ou encharcado. Áchase con frecuencia en praderías e pasteiros. No sur da súa área de distribución está restrinxido ás zonas montañosas. Aliméntase de invertebrados, sobre todo de miñocas. Considérase unha praga que dana os pastizais, sendo perseguido polos agricultores.[2]
Sinonimia [editar]
As formas máis comúns da lingua estándar son toupa e toupo, pero existen numerosas variantes dialectais: teipa, teipe, teupa, tiopa, tiopo, topia e toupeira.
Tamén existen numerosas denominacións para os acúmulos de terra que forma na superficie da terra: toupeira (a máis común), teipeira, teipoeira, teipueira, teupoeira, tiopeira, tiupeira, topieira, toupeiro, toupiñeira ou tupieira.
A toupa na cultura popular [editar]
A pesar da aparente torpeza deste animal, matar unha toupa resulta extremadamente difícil porque perciben as vibracións das nosas pisadas no chan. Por iso crese que a persoa que é quen de matar unha coa man adquire poderes máxicos (ou ben é que xa os tiña, e por iso puido facer tal cousa). Así, os médicos-etnógrafos Jesús Rodríguez López e Víctor Lis Quibén recolleron a crenza de que esa persoa será capaz de cura-la dor de moas con só toca-la cara coa man; ou que pode cura-los cólicos fregando no ventre coa man. Contan que unha curandeira de Cualedro (Ourense) tiña a virtude de bendici-los coxos (ou herpes), que adquiriu matando tres toupas de tres puñadas.
Tamén recolleu Lis Quibén a crenza de que, para cura-lo fogo ardente ou fogo de san Antón [3], en Agolada (Pontevedra) recollían terra de nove toupeiras e mesturábana cun pouco de unto de porco branco, obtendo unha pasta coa que facían cruces na cara do enfermo á vez que recitaban certos ensalmos.
Locucións [editar]
O feito de teren os ollos atrofiados deu lugar na lingua común a numerosas expresións. Tamén foron fonte metafórica os seus hábitos subterráneos:
- Andar por baixo do chan coma as teupas: andar ás agachadas, escondendo algo.
- Beber máis que unha toupeira: beber moito (deriva da imposibilidade real de inundar unha toupeira, por máis auga que se lle bote).
- Cambia-los ollos polo rabo, coma a toupa: facer un negocio ruinoso, cambiando algo bo por outra cousa claramente peor. ¡Parvo, ti fas coma a toupeira, que cambiou os ollos polo rabo!
- Cego coma a toupa / toupeira: cego de todo. Tamén en castelán: Más ciego que un topo, e italiano: Cieco come la talpa.
- Estar coma unha toupa / un toupo: úsase tanto en sentido recto: non ver nada case nada; como en sentido figurado: non darse un conta do que pasa ó seu redor (dise, como tal, dos mamorados).
- Ir para o ceo das toupas: dise de alguén que vai morrer axiña, porque vai ir baixo terra (Rivas Quintas localízao en Curtis: Iste vai ir logho pro ceo das téupoas).
- Ser unha toupa: ser torpe, ser un manazas.
Adiviñas [editar]
- Atoupo un home no camiño/ todo vestido de mouro,/ nin é home nin mullera/ que é o que xa dixera. (a toupa)
- Atóupoo pola mañá/ todo vestido de mouro,/ nin é cura nin é frade,/ é o que che digo primeiro. (a toupa)
- Esburata nas leiras,/ esburata nos prados/ e amontulla a terra/ onda os valados. (a toupa)
- Fura como unha toupeira e non é toupeira, luce como a prata e non o é. (a rella do arado)
- Nin é frade/ nin é crego/ e sempre/ viste de negro. (a toupa)
- ¿Que é unha cousiña cousa?/ relampra como a prata/ e foza coma a toupa/ e toupa non é. (a rella do arado)
- Reloce como a prata/ e prata non é;/ foza coma unha teipa/ e teipa non é./ ¿Que cousa é? (a rella do arado)
Outros [editar]
Só coñecemos un topónimo probablemente relacionado coa toupa: o lugar da Toupeira, da parroquia de San Pedro de Cea, en Vilagarcía de Arousa.
Galería de imaxes [editar]
Notas [editar]
- ↑ Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (editors). 2005. Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference (3rd ed).
- ↑ IUCN - Talpa occidentalis
- ↑ Denominacións populares do ergotismo, intoxicación provocada polo cornizó do centeo, con intenso proído e gangrena, moi frecuente na Galicia da Idade Media.
Véxase tamén [editar]
Bibliografía [editar]
- GARCÍA GONZÁLEZ, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe. Verba. Anuario Galego de Filoloxía. Anejo 27. Secretariado de Publicacións da Universidade, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela 1985.
- GÁRFER, J.L. e FERNÁNDEZ, C.: Adivinancero popular gallego. Taurus, Madrid 1984.
- LIS QUIBÉN, Víctor: La Medicina Popular en Galicia. Madrid 1949 (reed. Akal, Madrid 1980).
- RIVAS QUINTAS, Eligio: Frampas. Contribución al Diccionario Gallego. Ed. Ceme, Salamanca 1978.
- RODRÍGUEZ, Francisco Javier: Diccionario gallego castellano, edición preparada por Antonio de la Iglesia González, A Coruña, 1863. (Citado polo Diccionario de Diccionarios, 2003) .
- RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Ed. Celta, Lugo 1974.