Furón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Furón
Estado de conservación
Domesticado
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Familia: Mustelidae
Xénero: 'Mustela'
Especie: 'M. putorius'
Subespecie: ''M. p. furo''
Nome trinomial
Mustela putorius furo
Linnaeus, 1758
Sinonimia

Mustela furo Linnaeus, 1758

O furón doméstico (Mustela putorius furo, Linnaeus, 1758) é un descendente do tourón ou furón bravo, que foi domeado hai polo menos 2.500 anos. Outros mamíferos da familia dos mustélidos teñen tamén a palabra "furón" nos seus nomes comúns. Por exemplo, hai un escaso e protexido tourón de Norteamérica coñecido como furón de pés negros.

Historia[editar | editar a fonte]

Representación antiga dun furón branco.

Ninguén sabe de certo cando foi domesticado, pero algúns achados arqueolóxicos de furón datan do 1500 adC. Crese que a domesticación foi similar á do gato. Hai quen di[quen?] que os antigos exipcios tiñan furóns, pero é máis crible que os europeos que visitaban Exipto visen gatos, e pensaron que usar un pequeno carnívoro para protexer as reservas de gran era unha grande idea. O furón descende probablemente do tourón (Mustela putorius), polo que o nome científico máis utilizado para este animal é Mustela putorius furo. Tamén é posible que os furóns teñan como antepasados o tourón da estepa (Mustela eversmanni).

Caza[editar | editar a fonte]

Durante centos de anos o principal uso dos furóns foi a caza. Coa súa natureza agresiva e o seu corpo longo e estilizado, están ben adaptados para entrar en tobos e cazar os animais que haxa dentro. Aínda se usan para cazar nalgúns países, sobre todo en Australia onde os coellos son unha praga e, malia a tecnoloxía moderna, a combinación dunhas cantas redes e un par de furóns resulta moi efectiva.

Furóns como mascotas[editar | editar a fonte]

Furón

En moitos sentidos, os furóns son como gatos que nunca medran. Son enerxéticos, curiosos e con todo, son moito máis sociables cós gatos,[Cómpre referencia] e gústalles xogar cos seus donos. Dise que os humanos domesticaron furóns pola curiosidade que espertaban; sexa isto certo ou non, a súa curiosidade é maior có seu sentido común e isto fai que as súas posibilidades de supervivencia na nosa contorna sexa bastante limitada.

Os furóns son a terceira mascota máis frecuente en Estados Unidos, logo dos cans e gatos. Afirmouse en ocasións que os furóns atacan os nenos pequenos, pero esta afirmación é falsa ou polo menos posúe moi pouco fundamento. En proporción, os furóns causan moitos menos danos cós cans ou gatos.

Perigos para os furóns[editar | editar a fonte]

Os furóns son expertos en coarse polos buracos das paredes, os armarios, ou detrás dos electrodomésticos, onde poden resultar feridos ou ata mortos polos cables eléctricos, os ventiladores e outros aparellos perigosos. As cadeiras pregables son unha auténtica trampa mortal para eles, pois soben con frecuencia sobre estes mobles, pregándoos despois e morrendo esmagados. Por estas razóns é necesario tomar unha serie de medidas no fogar antes de adquirir un furón como animal doméstico, como retirar ou asegurar calquera aparello ou moble perigoso ou tapar os posibles buracos repartidos pola casa. Moitos donos optan por recluír os seus furóns nunha gaiola durante a noite ou mentres se ausentan de casa.

Alimentación[editar | editar a fonte]

Os furóns son obrigatoriamente carnívoros. A comida para gatos non proporciona normalmente as proteínas ou a proporción de graxas necesarias para o correcto metabolismo do furón, aínda que o alimento de alta calidade destinado aos gatos máis novos pode ser utilizado durante un tempo se a comida específica para furóns non se atopa nese determinado momento. Non son apropiados alimentos de baixa calidade na dieta do animal. Cando se lea a etiqueta, os tres ingredientes máis abundantes deben ser derivados cárnicos, pois os furóns non poden dixerir correctamente os compostos de cereais usados nas marcas máis baratas de alimento para gatos. O alimento do furón ideal contén un 32,38% de proteínas e un 15,20% de graxas (a orixe das proteínas do alimento do furón debe proceder sempre de carne, non de soia ou plantas similares). Aínda que un alto contido proteico é esencial, se este é maior do 38% pode xerar ocasionais cálculos renais e obstrucións urinarias nos furóns máis vellos. Á maioría dos furóns encántanlles os doces como pasas e manteiga de cacahuete, pero tales caprichos débenselles dar só ocasionalmente, pois ata unha cantidade pequena de azucre pode ocasionar ás veces anomalías no funcionamento das glándulas suprarrenais e o páncreas, onde se produce a insulina. Malia que os produtos vexetais poden prover aos furóns de certos elementos e unha dieta variable, o feito de que o seu aparello dixestivo sexa relativamente curto impide que poidan extraer moita enerxía deles, e por esta razón deben ser só un suplemento, e non unha alternativa, á súa dieta habitual.

Actividade[editar | editar a fonte]

Os furóns pasan a maior parte do tempo (de 14 a 18 horas ao día) durmindo, pero cando están espertos son moi activos, dedicándose a explorar o seu mundo de forma exhaustiva. Os furóns son animais crepusculares, é dicir, que son máis activos durante o amencer, o atardecer e parte da noite. Se están engaiolados, deben ser sacados de diariamente para que fagan exercicio e satisfagan a súa curiosidade; necesitan polo menos unha hora e un lugar de xogo. Os furóns, do mesmo xeito cós gatos, poden utilizar unha caixa para realizar as súas deposicións cun pouco de adestramento, aínda que é necesario ter caixas en distintos cuartos porque non a buscarán se lles queda lonxe. Os furóns son tamén bos inquilinos do patio traseiro e encántalles que os acompañen no xardín. Así a todo, non se lles debe permitir vagar libremente; os furóns son audaces, chegan á insensatez e exploran calquera buraco que atopen, incluídos os desaugadoiros para a choiva. Sempre que se atopen no exterior deben ser vixiados de preto, e preferiblemente suxeitos por unha correa con arnés.

Xogos[editar | editar a fonte]

Os furóns son animais moi sociables e á maioría encántalles xogar cos humanos.[Cómpre referencia] O "xogo", dende o punto de vista dun furón, pode ser algo parecido ao xogo das agachadas ou máis ben unha forma de representación da caza na cal o ser humano debe capturar ao furón, ou o furón intenta morder os humanos nos dedos de mans e pés. Do mesmo xeito ca un gato enredante, os furóns non morden de verdade os seus compañeiros humanos a maioría das veces, senón que agarran suavemente un dedo da man ou o pé coa boca e logo roldan ao redor del. Pola contra, os furóns que sufriron tratos incorrectos ou están feridos morderán firmemente o ser humano. Os furóns teñen unhas mandíbulas extremadamente fortes e poden atravesar con facilidade a pel humana. Unha vez correctamente educados, así a todo, os furóns morden moi raramente. A maioría dos xoguetes para gatos funcionan ben cos furóns. Porén, os que están feitos de caucho ou de espuma débense evitar, pois os furóns poden mastigalos e tragar anacos pequenos que ocasionan obstrucións intestinais. Cando os furóns están particularmente estresados, poden realizar a danza de guerra da donicela, caracterizada por unha serie de frenéticos saltos laterais acompañados dun berro característico similar a un ¡Dok, dok, dok!.

Os furóns e os nenos[editar | editar a fonte]

Os nenos pequenos deben ser vixiados cando se atopan con furóns, xa que a miúdo pensan que un furón é un simple animal de peluxe que poden estrullar canto queiran, sen darse conta de que en realidade o están estrangulando.[Cómpre referencia] O animal adoita reaccionar retorcéndose, rabuñando, ou, cando xa está totalmente desesperado, mordendo con forza.[Cómpre referencia] Non ten por que haber nada malo en que un neno xogue cun furón, a condición de que exista un control por parte dos adultos, como no caso de calquera outro animal.[Cómpre referencia]

No Reino Unido, os furóns úsanse ás veces para capturar as ratas e ratos que infestan as casas. Estes furóns cazadores de roedores coñécense como furóns galgo debido ao seu menor tamaño e capacidade para desprazarse rapidamente por espazos estreitos. Algúns donos de furóns cazadores adestran os seus animais para que sexan moi agresivos; xa que logo, un neno que teña un contacto previo con furóns domésticos pode correr perigo cando se atopa cun furón criado de forma non doméstica ou simplemente irresponsable, como ocorre con calquera outro animal.

Natureza social[editar | editar a fonte]

Furóns que brincan xuntos

Os furóns son animais extremadamente sociais, aos que lles encanta xogar con outros membros da súa especie. A miúdo amontóanse uns sobre outros cando dormen. É recomendable que en caso de ter furóns como mascotas, sexan dous ou máis preferiblemente tres furóns á vez para non expoñelos á soidade. Porén, tampouco hai nada malo en posuír un só furón, a condición de que reciba as súas porcións de tempo, atención e xogos por parte do seu dono. Algúns furóns xogan tamén con gatos domésticos.[Cómpre referencia]

Coidados necesarios[editar | editar a fonte]

Os furóns necesitan unha serie de coidados. As uñas deben ser recortadas e o seu pelo cepillado con certa regularidade. Deben visitar o veterinario polo menos unha vez ao ano. Non facer caso do primeiro pode causar problemas, dificilmente recoñecibles, de sobredesenvolvemento, podendo facer dano ao furón sen o coñecemento do dono. Se un furón se comporta de xeito distinto á habitual, deberá ser levado ao veterinario.

Os furóns deben ser vacinados contra o virus do distémper canino, mortal para eles. A maioría dos países requiren tamén a vacina contra a rabia, aínda que non hai casos documentados de contaxio de rabia aos humanos por parte dos furóns.

Outros usos dos furóns[editar | editar a fonte]

En tempos recentes os furóns son utilizados para levar cables a través de longos condutos. Empregáronos deste xeito no Jet Propulsion Laboratory da NASA e polos organizadores de eventos en Londres. Os cables de televisión e de son foron instalados por furóns na voda de Carlos de Inglaterra e Diana Spencer, e para o concerto Millenium no parque de Greenwich.

Os furóns tamén se utilizan moito, xunto con outros animais, en (usualmente controvertidos) experimentos para investigacións médicas e biolóxicas.

Furóns como logos[editar | editar a fonte]

Recentemente[cando?], a Business Software Alliance elixiu un furón como mascota, o cal será utilizado nas escolas para ensinar aos nenos sobre os perigos da piratería.[1]

Bioloxía do furón[editar | editar a fonte]

Como moitos outros carnívoros, os furóns teñen glándulas olfactivas xunto ao ano. As segregacións destas úsanse para marcar o territorio. Demostrouse que os furóns poden identificar se unha marca foi deixada por macho ou unha femia. Como a mofeta, o furón pode usar as súas glándulas cando se excita ou se asusta, pero o cheiro desaparece rapidamente. A maioría dos furóns de Estados Unidos véndense coas glándulas quitadas.[Cómpre referencia]

Nos Estados Unidos coñécese que moitos furóns sofren varios problemas de saúde. Os máis comúns son os cancros que afectan á glándula adrenal, ao páncreas e ao sistema linfático.

Enfermidade adrenal[editar | editar a fonte]

A enfermidade adrenal, un crecemento excesivo das glándulas adrenais que pode ser producido por hiperplasia ou cancro, é usualmente diagnosticada polos síntomas como a perda de pelo, incremento da agresividade, e (nas femias) ensanchamento de vulva. Ata se é crecemento é benigno, pode causar un desequilibrio hormonal que pode ter efectos devastadores na saúde do furón. Algunhas opcións de tratamento son extirpar as glándulas afectadas e terapia de esteroides e/ou hormonas. A causa da enfermidade adrenal é descoñecida, pero algúns especulan que os ciclos de luz artificiais aos que os furóns son expostos pode ou contribúe á crecida deses tumores. Outros suxiren que o problema é hereditario, e tamén se especulou moito con que pode ser producido por unha castración precoz, antes das seis semanas de idade.

Insulinoma[editar | editar a fonte]

Sábese que os furóns poden sufrir tamén de insulinoma, un cancro do páncreas. O crecemento de nódulos canceríxenos nos lobes do páncreas ás veces, aínda que non sempre, produce un incremento na produción de insulina, a cal regula o metabolismo da glicosa. Demasiada insulina supón unha baixada de nivel de azucre, o cal produce letargo, ataques e finalmente a morte. Os síntomas de insulinoma inclúen letargos, babeo, bufar ou escumar pola boca, miradas "perdidas" ao baleiro, e ataques.

Coma co cancro adrenal, descoñécese a causa da insulinoma. Especúlase con que a dieta dos furóns domésticos é demasiado diferente á dieta natural dos seus antecesores, e inclúen demasiado azucre e/ou carbohidratos. O tratamento de insulinoma inclúe extirpación dos lóbulos canceríxenos, tratamento farmacéutico con esteroides que supriman a produción de insulina, cambios suplementais na dieta (a miúdo tarros baseados en polo), ou unha combinación. Desafortunadamente, o crecemento dos tumores non se pode deter totalmente, e o furón sufrirá eventualmente os síntomas de novo.

Enfermidades virais[editar | editar a fonte]

A enterite catarral epizoótica (ECE nas súas siglas en inglés), unha enfermidade vírica aparecida por primeira vez no nordeste dos Estados Unidos en 1994, é unha inflamación das membranas mucosas do intestino. Nos furóns, a enfermidade maniféstase como unha severa diarrea (a miúdo de brillante cor verde), acompañada de perda de apetito e unha forte perda de peso. O virus pode pasar por medio de fluídos e indirectamente entre human[Cómpre referencia]os. Malia que a miúdo resultaba fatal cando foi descuberta, a ECE é hoxe en día unha ameaza menor, sempre que se conte co tratamento adecuado.

O virus da enfermidade aleutiana (ADV) é unha enfermidade que se achaba a comezos do século XX nos visóns das Illas Aleutianas. Nos furóns, o virus afecta ao sistema inmunitario (facéndoos incapaces de producir anticorpos eficaces) e moitos órganos interiores, sobre todo os riles. Non existe cura nin vacina para esta enfermidade, e os furóns poden portar o virus durante meses ou anos sen presentar síntomas exteriores. Como resultado, moitas organizacións de amantes dos furóns, así como vendedores, recomendan que os propietarios sometan as súas mascotas ás probas de identificación da enfermidade con regularidade, e que os separen doutros furóns se os resultados son positivos.

Coloracións[editar | editar a fonte]

Furóns de diferentes coloracións

Os furóns posúen unha gran variedade de coloracións e tonalidades, sendo as máis comúns as seguintes:

Cores basee (segundo cabeza, ombreiros, patas e cola; non se ten en conta o resto do corpo):

  • Albino
  • Negro
  • Negro sabre
  • Champaña
  • Chocolate
  • Canela
  • Branco con ollos negros (non albino)
  • Sabre
  • Prateado

Patrón de cor:

  • Estándar: Diferenza apreciable, pero escasa (10-20%) entre os puntos de cor que definen a coloración base e o resto do corpo.
  • Punto de cor ou Siamés: Diferenza entre os puntos de cor e o resto do corpo maior có 20%.
  • Roano: 50-60% de calquera cor e 40-50% de branco, sen puntos de cor definidos.
  • Sólido ou uniforme: Sen distinción de cor entre as distintas partes do corpo.

Marcas ou Patróns de cor brancos:

  • Luvas (Mitts): Polo menos unha das patas de cor branca.
  • Labarada (Blaze): Liña branca continua dende o nariz ata o peito.
  • Panda: Pelo branco en todo o corpo agás cola e patas, sen anteface.
  • Babeiro (Bib): Mancha branca no peito.

Os furóns brancos foron apreciados durante a Idade Media debido a que eran fáciles de ver nas zonas de maleza densa, e a súa propiedade quedou reservada a aqueles que gañasen máis de 40 xilins ao ano (unha suma importante para a época). A obra Dama con Armiño, de Leonardo da Vinci, representa un furón e non un armiño propiamente dito (Mustela erminea), xa que nesa época se usaba ese nome para un tipo de coloración e non para unha especie de animal en concreto. Do mesmo xeito, o Retrato da Raíña Isabel con Armiño mostra a Isabel I de Inglaterra co seu furón-mascota, ao cal lle debuxa unhas heráldicas manchas de armiño.

Síndrome de Waardenburg[editar | editar a fonte]

Os furóns con raias ou cabeza completamente branca (labaradas, pandas etc.) son portadores seguros dun defecto conxénito coñecido como Síndrome de Waardenburg. Esta síndrome causa, entre outras cousas, unha deformación na bóveda do cranio, que se ensancha e produce as marcas brancas da cabeza, pero tamén unha xordeira total ou parcial. Estímase que ata o 75% dos furóns con signos visibles da síndrome son xordos. Ademais disto, a deformación cranial causa tamén un alto número de cachorros que nacen mortos e algún caso de fisura no padal. Debido a isto, moitos coidadores non crían furóns que presenten síntomas da síndrome de Waardenburg.

Furóns como pestes[editar | editar a fonte]

Os furóns (do mesmo xeito que outros mustélidos coma o armiño) depredan sobre a fauna indíxena de Nova Zelandia. Introducidos por primeira vez en 1879 como medio de control sobre os coellos asilvestrados, os furóns causaron gran preocupación entre os neozelandeses cando comezaron a cazar aves en lugar da súa presa máis típica. Isto debeuse a que as aves neozelandesas evolucionaron sen contacto con mamíferos depredadores, e son xa que logo unha presa moito máis doado para estes.[Cómpre referencia]

Os propietarios de furóns de Nova Zelandia deféndense lembrando que, ao contrario que os furóns que se teñen normalmente como mascotas, os animais que se liberaron entón eran cruces de furón e tourón (furón salvaxe europeo) provenientes de granxas peleteiras, co fin de asegurar a súa supervivencia na natureza. Na actualidade, os gatos domésticos causan máis dano nas poboacións de aves salvaxes cós furóns, pois estes se castran normalmente a unha idade moi temperá (de 6 a 8 semanas) e mantéñense recluídos nas casas.[Cómpre referencia]

Porén, moitos lugares en todo o mundo[Cómpre clarificar] prohibiron a posesión de furóns como mascota debido aos problemas rexistrados en Nova Zelandia.

Leis[editar | editar a fonte]

Furóns

Australia[editar | editar a fonte]

É ilegal ter furóns como mascotas en Queensland e o Territorio do Norte; en Victoria e Camberra necesítase unha licenza.

Canadá[editar | editar a fonte]

Sen limitacións.

Nova Zelandia[editar | editar a fonte]

É ilegal vender, distribuír ou criar furóns en Nova Zelandia dende 2002.

Estados Unidos de América[editar | editar a fonte]

California e Hawai posúen leis que restrinxen a propiedade de furóns. En California, algúns residentes realizaron unha petición para que ter furóns fose legal no estado [2], pero a demanda foi rexeitada por un comité gobernamental a mediados de 2005. O resto dos estados non dispoñen limitacións na cría, posesión e venda de furóns.

Os furóns están tamén restrinxidos nalgunhas cidades como Nova York, Washington DC, Beamunt (Texas) e Bloomington (Minnesota). Necesítase un permiso especial nalgunhas zonas como Nova Jersey e Rhode Island. Os furóns non foron legalizados en Dallas (Texas) ata agosto de 2005.

Unión Europea[editar | editar a fonte]

Non existen limitacións na maioría de países. En xeral, agás permiso da administración competente, o uso do furón para cazar animais está prohibido por considerarse daniño para o medio ambiente, pero a súa posesión como mascota é totalmente legal, menos en Portugal onde están totalmente prohibidos.[Cómpre referencia]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]