Fundación Carlos Casares
Fundación Carlos Casares | |
---|---|
Interior do local da fundación | |
Tipo | Cultural |
Data de fundación | 9 de setembro de 2002 |
Nomeado en referencia a | Carlos Casares |
Sede | Casa de Fernando Carreras |
En | Vigo |
País | Galicia |
Na rede | |
http://fundacioncarloscasares.org/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Fundación Carlos Casares é unha entidade con obxectivos culturais de promover a cultura galega e a obra de Carlos Casares.
Creación
[editar | editar a fonte]A Fundación Carlos Casares foi promovida por familiares a amigos do escritor despois da morte deste. Constituíuse o 9 de setembro de 2002 na cidade de Vigo.[1]
Forman o padroado da fundación cinco membros vitalicios -a viúva, Kristina Berg, os dous fillos, Håkan e Lars Christian, e os dous irmáns, Mercedes e Xabier - e dez das institucións nas que o escritor desenvolvía un papel importante (Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega), empresas (La Voz de Galicia e a Editorial Galaxia), e persoeiros como Manuel Rivas, Darío Villanueva, Manuel Rodríguez Álvarez, Damián Villalaín, Xosé María Fonseca Moretón (Adegas Terras Gauda) e Manuel Rodríguez Vázquez (Rodman Polyships).
Ademais tamén forman parte do padroado a Xunta de Galicia, Caixa Galicia, Caixanova, as deputacións de Pontevedra e Ourense, os concellos desta última cidade e Vigo, ademais da Fundación Penzol.[2]
No ano 2004 a Fundación abriu en Ourense, cidade natal do escritor, o Centro de Estudos Carlos Casares,[3], sen actividade pública de seu, coordinado por Marcos Valcárcel (ata o seu pasamento en 2010) e a partir de 2011 por Delfín Caseiro.[4]
Obxectivos
[editar | editar a fonte]- Velar polo estudo e difusión da obra de Carlos Casares e preservar a súa biblioteca, o seu arquivo e as súas coleccións.
- Promover e difundir o legado casariano no que atinxe ao desenvolvemento cívico, social e cultural de Galicia, sustentado na comunicación, o diálogo e a tolerancia
- Constituírse como entidade mediadora entre a cultura galega e a cultura universal dende criterios de apertura, pluralismo e respecto á diversidade cultural.
- Apoiar iniciativas culturais de promoción da lingua e da cultura galega tanto dentro de Galicia como fóra dela.
Actividades
[editar | editar a fonte]- Encontros de Mondariz Balneario: Foros de debate sobre problemas cotiás.
- Diálogos literarios do Gaiás: Encontro entre escritores galegos e doutros recantos do mundo.
- Curso de Comunicación Audiovisual de Celanova: Curso organizado pola Fundación en colaboración coa Universidade de Vigo - Campus de Ourense.
- Café Voltaire - O sabor das letras: Xuntanzas gastronómicas que teñen como pé referencias literarias.
- O Xogo do Papapío: Proposta didáctica interactiva para centros de Primaria para dar a coñecer a figura de Carlos Casares.
- Os mundos de Carlos Casares e O Principiño ao redor do mundo. A colección de Carlos Casares: exposicións de obxectos e coleccións do escritor ourensán que circulan por colexios, bibliotecas, museos etc.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nova da creación da fundación en La Voz de Galicia
- ↑ «A Fundación Carlos Casares estende as súas actividades por toda Galicia» Arquivado 13 de marzo de 2016 en Wayback Machine. La Voz de Galicia, 15/12/2003.
- ↑ "Fundación Carlos Casares na ACAMFE". Arquivado dende o orixinal o 15 de xaneiro de 2012. Consultado o 27 de abril de 2015.
- ↑ Nomeamentos na Fundación Carlos Casares