Fadesa
| Tipo | Sociedade Anónima |
|---|---|
| Fundación | 1998 |
| Localización | A Coruña |
| Persoas clave | Fernando Martín Álvarez (presidente) |
| Industria | inmobiliaria |
| Páxina web | martinsafadesa.com |
FADESA é un dos principais grupos inmobiliarios españois, que naceu con capital galego e que ten a sede na Coruña.
Índice |
Historia[editar]
Foi creada na Coruña a finais dos anos 70 polo empresaio Manuel Jove, e especializouse ao comezo no desenvolvemento de grandes proxectos de vivenda protexida. En 1993 comezou a súa expansión fóra de Galiza, empezando por Castela e León. En 1999 deu o salto internacional, entrando no mercado de Portugal, e no 2000 abriu a súa delegación en Marrocos. Actualmente diversificou a súa actividade con investimentos patrimoniais en hoteis, campos de golf, adegas de viño...).
No 2006 a inmobiliaria Martinsa, presidida por Fernando Martín, lanzou unha OPA amigable polo 100% de Fadesa por 4.045,2 millóns de euros. O 14 de decembro de 2007 levouse a cabo a fusión entre Fadesa e Martinsa, dando lugar a un novo grupo cotizado co nome de Martinsa-Fadesa.
Martinsa-Fadesa reduciu a venda de vivendas en 2007 nun 36 %, con 6.691 vivendas fronte ás 10.446 do 2006. Actualmente ten presenza na práctica totalidade do estado a través de 20 delegacións e máis de 50 puntos de venta. A nivel internacional participa en grandes proxectos, como o maior resort turístico de Marrocos, cunha superficie de 300.000 metros cadrados. O novo grupo ten previsto diversificar a súa actividade cara á obra civil e cara ás enerxías renovables e, malia que trasladará a sede operativa a Madrid, manterá a sede social na Coruña.
En 2008 anunciouse a quebra de Martinsa-Fadesa, cunha gran débeda contraída en boa medida durante o proceso de fusión. O 14 de xullo dese ano convocouse un concurso de acreedores, o maior de España até ese momento. A decisión do consello de administración foi presentada nos xulgados da Coruña, e propúxose ao Ministerio de Traballo un expediente de regulación de emprego que afectou a 234 persoas empregadas (o 26,5 % do plantel).
O concurso de acreedores foi superado en xaneiro de 2011[1].
Críticas[editar]
No 2004, 1.200 veciños agrupados no Colectivo Nacional de Afectados Síndrome Fadesa, iniciaron a vía penal contra a compañía, baixo as acusacións de delito de risco, falsidade documental e estafa. O proceso xudicial non foi iniciado.
Notas[editar]
- ↑ "Martinsa supera el concurso de acreedores, el mayor de la historia en España", artigo en Xornal de Galicia, 19 de xaneiro de 2011 (en castelán).