Elisardo Penas García

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaElisardo Penas García
Biografía
Nacemento6 de decembro de 1908 Editar o valor em Wikidata
Santiso, España Editar o valor em Wikidata
Morte6 de marzo de 1979 Editar o valor em Wikidata (70 anos)
Madrid, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmilitar Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Carreira militar
LealdadeSegunda República Española Editar o valor em Wikidata
Rango militarcapitán Editar o valor em Wikidata
ConflitoGuerra civil española Editar o valor em Wikidata

Elisardo Penas García, nado en Santiso o 6 de decembro de 1908 e finado en Madrid o 6 de marzo de 1979, foi un militar e aparellador galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Segundo fillo dunha familia de doce irmáns, dos que catro faleceron ao pouco de nacer, foi un estudante brillante. Fixo o Bacharelato no Instituto Eusebio da Guarda da Coruña. Quixo ser arquitecto, pero a larga duración dos estudos unida ás limitacións económicas dunha familia numerosa, fixérono decantarse polos estudos de Belas Artes, que realizou na Escuela de Bellas Artes de San Fernando de Madrid, coa axuda dunha pensión concedida pola Deputación da Coruña en abril de 1929,[1] licenciándose en 1931. Militou de mozo na Juventud Católica Española, pero pronto evolucionou ideoloxicamente cara posicións republicanas e de esquerda, mantendo sempre a súa independencia política. En novembro de 1932 foi nomeado catedrático de debuxo no Instituto da Fundación Fernando Blanco de Cee,[2] permanecendo no posto até 1936.

Guerra civil[editar | editar a fonte]

O golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 sorprendeuno en Madrid, onde ía presentarse a unhas oposicións en xuño de 1936. Foi sancionado coa suspensión de emprego e soldo por un ano no seu traballo como profesor en Cee.[3] Alistouse como voluntario no Batallón Félix Barzana, tamén chamado Batallón da FETE. Estreouse como miliciano en novembro de 1936 na zona do chamado Vértice Basurero, entre Villaverde e Usera. Detido o avance das tropas de Franco, o seu amigo o tenente Enrique Fábregas Carrión convenceuno para que fixese o curso de oficiais na Escola Popular de Guerra de Paterna, que realizou entre febreiro e abril de 1937, obtendo o grao de Tenente en Campaña o 11 de abril de 1937.

Foi destinado á 20ª Brigada Mixta con cuartel xeral en Villanueva de la Serena ao mando do capitán Justo López Mejías, quen sería o seu xefe case ata a fin da guerra. En xullo de 1937 interveu na ofensiva sobre Miajadas. A súa destacada actuación como oficial ao mando da súa Compañía (e por delegación do comandante á fronte do 2º Batallón da Brigada) reportoulle o nomeamento de Xefe de Operacións, Información e Cartografía da Brigada. Durante esta época (outono de 1937) proxectou a liña de resistencia da Serra de Ortiga, ao SO de Don Benito, considerada como a obra defensiva máis fabulosa do Exército da República na fronte estremeña. Tamén dirixiu un curso de formación de sarxentos.

En xaneiro de 1938 foi destinado coas mesmas funcións, xunto con López Mejías, á 37ª División, con sede en Castuera e en marzo á 38ª División, con cuartel xeral en Hinojosa del Duque, como Xefe de Información. En ambas planificou e interveu en operacións na Fronte Extremeña,aumentando o seu prestixio como oficial.

Ascendeu a capitán o 22 de abril de 1938 e foi destinado á 68ª División baixo o mando do comandante da Justo López Mejías, que foi desprazada como forza de choque á fronte de Levante para conter o avance das forzas inimigas sobre Castellón. Elisardo foi nomeado Xefe de Estado Maior da División e interveu na súa organización. Pouco despois quedou ao mando das seccións de Operacións, Información e Cartografía. A 68ª División participou a primeiros de xuño nas operacións da Serra de Borriol logrando conter ao inimigo durante varias xornadas, porén finalmente decidiuse o seu repregue ante o risco de quedar rodeada. Ante o imparable avance inimigo, moi superior en medios, a División batallou con tenaz resistencia e heroísmo na Batalla de Onda e as accións posteriores na Serra de Espadán, Fronte de Barracas e batalla final en torno ás poboacións de Viver e Jérica, completamente destruídas despois da batalla.

Caben destacar especialmente as accións da noite do 3 ao 4 de xullo de 1938, cando un intenso ataque da aviación e artillaría inimigas desfixo a resistencia republicana nos arredores da estrada que atravesa a Serra de Espadán (a actual CV-223), entre Tales e Alcudia de Veo). A súa eficaz labor localizando de noite as dispersas tropas e dando instrucións sobre as mellores posicións para reconstruír a liña de defensa e recobrar a moral defensiva da 189ª Brigada foi clave para evitar a penetración das tropas de Franco nese punto. Enfronte tiñan as mellores tropas do Exército franquista, os Regulares e outras, o que engade méritos á resistencia da 68ª División, cuxas unidades quedaron notablemente minguadas logo dos dous meses de campaña en Levante.

Acabada a batalla e freado o avance das tropas de Franco sobre Valencia, a 68ª División regresou a Extremadura, para contribuír a frear o avance inimigo sobre a zona do Valle de la Serena, o que se logrou a finais de agosto coa consolidación das posicións naquela fronte, e incluso a recuperación de terreo por parte das tropas republicanas. Logo de pasar dúas semanas nun hospital de campaña, en Serra Morena, debido ao esgotamento físico polos continuos combates a aos frecuentes accesos de febres palúdicas (que tiña contraído un ano antes nas zonas pantanosas de Rena, no río Guadiana), foi novamente nomeado Xefe de Estado Maior da División, con carácter accidental, pois que carecía do novo requisito legal de ser diplomado de Estado Maior. Neste cargo mantívose ata finais de 1938. Logo de dous meses en Belalcázar, a 68ª División estableceu o seu Cuartel Xeral na vila de Capilla, onde permaneceu ata a fin da guerra, despregándose as súas tres Brigadas (a 189ª, a 191ª e a 194ª) na Serra de Torozo e na zona semidesértica coñecida como La Siberia, situada ao norte de Cabeza del Buey.

A súa última intervención bélica importante tivo lugar en xaneiro de 1939, na chamada Batalla de Valsequillo, mediante un intento de amago sobre a poboación de Castuera, coa fin de distraer as forzas inimigas do verdadeiro ataque, producido máis ao sur e que foi o último avance republicano na guerra. O ataque sobre Castuera quedou frustrado debido ás chuvias torrenciais daqueles días, que impediron aos batallóns involucrados na operación (pertencentes á 189ª Brigada Mixta) cruzar o impetuoso torrente dun dos afluentes do río Guadalefra, que delimitaba as posicións inimigas polo punto do ataque. Isto produciu un notable abatemento nos soldados e oficiais, pois no ataque os dous batallóns non foron freados polo inimigo, senón polos elementos. Penas viu neste feito a principio da fin, ao confirmarse que a ofensiva republicana no Sur fora finalmente detida e despois de ver regresar os batallóns da súa División nun estado penoso, logo de varios días soportando unha chuvia torrencial á intemperie.

Seis meses antes da fin da guerra foi formalmente invitado a ingresar no PCE, pero declinou a invitación. Aínda que se identificaba co ideario da esquerda, no aceptaba "en bloque" ningunha ideoloxía concreta. Tamén, en decembro de 1938 chegou a ser proposto para o ascenso a comandante, pero o fracaso da operación sobre Castuera de xaneiro de 1939, as súas cada vez máis deterioradas relacións co Xefe da División (a quen reprochaba e acusaba de nepotismo) e a fin da guerra fixeron que ese ascenso no se efectuase.

Coa fin da guerra e a orde de evacuación da fronte foi o encargado de executar, como Xefe de Operacións, a misión de dirixir o repregue dos dez mil soldados da División cara Piedrabuena. Unha vez alí, soldados e oficiais quedaron libres da disciplina militar e cada un buscou a fuxida como puido. Tiveron que evitar caer en mans dunha patrulla inimiga de primeira liña, o que probablemente implicaría o fusilamento inmediato. Con enorme esforzo e varios golpes de fortuna conseguiu chegar ao porto de Gandía o 30 de marzo, logo dun periplo de tres días, que recorreu desde Capilla a pé e en camións e trens de feridos a través de Siruela, Piedrabuena, Ciudad Real, Albacete, Chinchilla, Hellín e finalmente Valencia, escapando varias veces de milagre dos controis que os membros da Falange tiñan establecido xa establecido nas diferentes poboacións. En Gandía logrou in extremis embarcarse nun torpedeiro francés que o levou ao exilio, grazas ás xestións do deputado francés Albert Forcinal, que se atopaba alí organizando a evacuación dun grupo de cidadáns franceses. Xunto con el embarcaron dous oficiais republicanos procedentes tamén de Extremadura, compañeiros seus de fuga.

Exilio[editar | editar a fonte]

Desembarcou en Port-Vendres, desde onde foi levado ao Campo de concentración de Argelès-sur-Mer, xa que carecía de pasaporte, onde sobrevivían con grandes dificultades uns cincuenta mil exiliados españois, en medio de enormes penalidades e carencias. Ante estas, organizou algúns equipos para crear unhas mínimas infraestruturas que mellorasen algo as duras condicións de vida. Residiu tamén durante algúns meses no veciño campo de Saint Cyprien. Ao ano seguinte, foi destinado a un campo de traballo en Availles-Limouzine. En xuño de 1940, ante o avance das tropas alemás na segunda guerra mundial, emprendeu a fuxida a pé cara ao sur, en compañía de Germán Pírez, que fora Comisario político do Quinto Rexemento. Tras percorrer 400 quilómetros en 22 días chegaron a Tolosa e pouco despois foi destinado a outro campo de traballo en Gragnague. Aquí sufriu fame rabiosa, xunto aos seus compañeiros de infortunio, a causa do duro traballo e o racionamento de alimentos imposto polo Goberno Nazi ao Réxime de Vichy. Viuse tamén en extrema necesidade, chegando a ter que vender a mellor das súas dúas únicas camisas, para poderse pagar o material de escritura, imprescindible para manter o contacto epistolar co exterior. Librou de ser enviado ás obras da base de submarinos de Bordeos na zona de ocupación alemá, e en setembro de 1941 foi destinado a outro campo de traballo en Catus, onde puido encargarse xa de labores administrativas e organizativas.

Finalmente, posto novamente en comunicación directa coa súa familia, esta puido reunir un número de avais suficiente para permitirlle regresar a España, xa que pese ás súas conviccións republicanas, non tivera activismo político e a súa actuación na guerra fora sempre impecable desde o punto de vista da ética militar máis estrita. Así atravesou a fronteira de Portbou o 22 de outubro de 1942. O Xulgado de Instrución de Arzúa abríúlle expediente de responsabilidades políticas en 1942.[4]

Regreso a España[editar | editar a fonte]

Ao seu regreso a España, logo de seis días de prisión nos calabozos da Dirección Xeral de Seguridade (DGS), foi posto en liberdade, quedando confirmada finalmente ata xa entrado 1943, unha vez revisado o seu expediente. Porén, quedou inhabilitado para exercer calquera tipo de cargo público, o que lle impedía regresar á súa antiga profesión de profesor. Compaxinou traballos puntuais como delineante cos estudos de aparellador, que finalizou en 1948. Traballou en diversos empregos, en Mieres e finalmente en Madrid. Entre outros traballos, participou no proxecto de varias obras de infraestrutura.

En 1972 escribiu un libro de memorias para a súa contorna familiar.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con María Dolores Lado, filla de Constantino Lado Lado e irmá máis nova do doutor Robert Lado, en xullo de 1947. A parella tivo cinco fillos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El Eco de Santiago, 4-4-1929, p. 2.
  2. El Ideal Gallego, 9-11-1932, p. 6.
  3. El Ideal Gallego, 6-9-1936, p. 3.
  4. BOE, 15-9-1942, p. 3618-3619.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Elisardo Penas García, Memorias. Edición de autor
  • Roberto Penas Lado, Notas y comentarios sobre las memorias de Elisardo Penas García: Doce lustros y pico. 2021. ISBN 979-8762204248
  • Carlos Engel, Historia de las Brigadas Mixtas del Ejército Popular de La República. Ediciones Almena. ISBN 9788496170193
  • Ramón Salas Larrazábal, Historia del Ejército Popular de la República. La Esfera de los Libros S.L. ISBN 84-9734-465-0
  • Clemente González García, Entre Peñagolosa y Espadán. Editorial de Tinta, S.L. ISBN 978-8461-73287-6
  • José Salvador Cubedo, La Batalla de Onda. Edición de autor. ISBN 978-84-615-7403-2

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]