Dead Kennedys

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dead Kennedys
Dead kenennedys live in armony concert5ac28.jpg
Orixe San Francisco, California, Flag of the United States.svg
Período 1978 - 1986
2001 - actualidade
Xénero(s) hardcore punk
Selo(s) discográfico(s) Cherry Red, Faulty Products, Alternative Tentacles, Manifesto/Decay
Membros Ron "Skip" Greer
East Bay Ray
D. H. Peligro
Klaus Flouride
Antigos membros Jello Biafra
Brandon Cruz
6025
Ted
Jeff Penalty
Dave Scheff
Greg Reeves
Na rede
deadkennedys.com

Dead Kennedys é unha banda estadounidense de punk rock formada en San Francisco, California en 1978. O grupo foi pioneiro do movemento hardcore punk durante os anos 80 e gañou unha boa base de seguidores no underground da escena punk rock internacional.

A súa música mestura os elementos máis experimentais do punk británico dos 70 coa enerxía da escena hardcore estadounidense dos 80. As cancións de Dead Kennedys mesturan deliberadamente letras con forte sátira, sarcasmo e ironía sobre temas sociais e políticos dos 80.

A finais dos anos 80, a banda viuse envolta nun xuízo por obscenidade nos Estados Unidos debido ao libreto do seu álbum Frankenchrist (1985), que incluía a explícita pintura de H. R. Giger Penis Landscape. A banda foi acusada de distribución de material prexudicial a menores, pero o proceso rematou cun xurado indeciso.

Dead Kennedys editou cinco álbums de estudio antes da súa separación en 1986. No ano 2001 a banda reformouse sen o seu vocalista orixinal Jello Biafra, que estivo envolto en disputas legais cos outros membros polos royalties.

Dende a disolución de Dead Kennedys, Biafra continuou colaborando e gravando con outros artistas, como Mojo Nixon, Al Jourgensen of Ministry ou Melvins.

Historia[editar | editar a fonte]

Formación da banda[editar | editar a fonte]

Dead Kennedys formouse sen xuño de 1978 en San Francisco, California, cando East Bay Ray (Raymond Pepperell) puxo un anuncio buscando compañeiros de banda no xornal The Recycler, despois de ver un concerto ska-punk no Mabuhay Gardens en San Francisco. A composición orixinal do grupo consistía en Jello Biafra (Eric Reed Boucher) na voz, East Bay Ray na guitarra, Klaus Flouride (Geoffrey Lyall) no baixo e 6025 (Carlos Cadona) na batería e na percusión. Con esta formación gravou as súas primeiras demos, e a principios de xullo a banda quería un batería máis experimentado, polo que recrutou a Ted (Bruce Slesinger). 6025 deixou o grupo, porén, foi convidado a volver como segundo guitarrista. O seu primeiro concerto sería o 19 de xullo dese ano no Mabuhay Gardens.

Dead Kennedys realizou numerosos concertos en clubs locais despois diso. Debido ao provocativo nome da banda, ás veces tocaron baixo pseudónimos como "The Sharks", "The Creamsicles" e "The Pink Twinkies". O nome xerou controversia, e o columnista Herb Caen escribiu no San Francisco Chronicle en novembro de 1978, "xusto cando pensas que o mal gusto acadou o seu punto máis baixo, aparece un grupo de punk rock chamado The Dead Kennedys, que tocará no Mabuhay Gardens o 22 de novembro, o día do 15 aniversario do asasinato de John F. Kennedy"[1]. Porén, a pesar da crenza popular, o nome non quería insultar á familia Kennedy, pero Biafra dixo que a súa intención era "chamar a atención sobre o fin do Sono Americano". 6025 deixou a banda en marzo de 1979. En xuño editaron o seu primeiro sinxelo, "California Über Alles", a través do selo independente Alternative Tentacles. Posteriormente a banda realizaría unha ben recibida xira pola costa leste.

Irrupción na entrega de premios[editar | editar a fonte]

O 25 de marzo de 1980, Dead Kennedys foi convidada para actuar nos Bay Area Music Awards en San Francisco para, segundo os organizadores, dar maior credibilidade ao evento sobre as "nova onda", xa que se centraba en artistas pertencentes a grandes selos. O día da actuación pasárono practicando o tema que lles pediron que tocasen, "California Über Alles". A banda converteríase no tema de conversa da cerimonia cando despois de 15 segundos de canción Biafra dixo, "Alto aí! Temos que probar que agora somos adultos. Non somos unha banda de punk rock, somos unha banda de new wave".

Os membros da banda, vestidos con camisetas brancas cun gran S pintado en negro, tiraron dunha garavata negra que tiñan nas costas formando así o símbolo do dólar, e entón comezaron a interpretar un novo tema titulado "Pull My Strings", unha satírica canción que atacaba á industria da música comercial e que contiña letras como "É a miña pirola o suficientemente grande e o meu cerebro o suficientemente pequeno para que me fagas unha estrela?". O tema tamén facía referencia á canción de The Knack "My Sharona". "Pull My Strings" nunca foi gravada para unha edición de estudio, aínda que a actuación nos Bay Area Music Awards, que foi a primeira e única vez que foi interpretada, foi editada no álbum recompilatorio Give Me Convenience or Give Me Death.

"Holiday in Cambodia" e Fresh Fruit for Rotting Vegetables[editar | editar a fonte]

A principios de 1980 gravaron e editaron o sinxelo "Holiday in Cambodia". Posteriormente nese mesmo ano, a banda lanzou o seu álbum de estrea, Fresh Fruit for Rotting Vegetables. O disco acadou o número 33 na lista de álbums británica. En xaneiro de 1981 Ted anunciou que quería deixar o grupo para seguir unha carreira na arquitectura e que buscaría un substituto. Realizou o seu derradeiro concerto en febreiro de 1981 e sería substituído por D.H. Peligro (Darren Henley).

Jello Biafra ao vivo coa banda

Por esas mesmas datas, East Bay Ray intentou meter presión ao resto da banda para asinar co gran selo Polydor Records; Biafra dixo que estaba preparado para deixar o grupo se o resto dos membros querían asinar coa discográfica, aínda que East Bay Ray afirma que el recomendou non realizar o contrato con Polydor. O selo finalmente decidiu non asinar cos Dead Kennedys despois de saber que o seguinte sinxelo que tiña planeado o grupo sería "Too Drunk to Fuck".

En maio a banda publicou "Too Drunk to Fuck". A canción causou moita controversia no Reino Unido e a BBC temía que acadara o Top 30; o que requiriría ser mencionado no programa Top of the Pops. Porén, isto nunca sucedeu xa que o sinxelo só chegou ao posto 36.

In God We Trust, Inc., Plastic Surgery Disasters e Alternative Tentacles[editar | editar a fonte]

Despois de que Peligro se unise á banda, o EP In God We Trust, Inc. (1981) amosa á banda indo cara o hardcore/thrash. Ademais do controvertido traballo artístico do EP, no que aparece a figura dun Cristo de ouro nunha cruz de billetes de dólar, as letras de Biafra son máis políticas, e temas como "Moral Majority", "Nazi Punks Fuck Off!" e "We've Got a Bigger Problem Now" converterían a Dead Kennedys nos líderes dun movemento social. En 1982, editaron o seu segundo álbum de estudio, Plastic Surgery Disasters. A súa portada amosa a man dun neno desnutrido en África sobre a man dun home branco. Esta imaxe gañou o premio World Press Photo en 1980, e foi tomada por Mike Wells no distrito de Karamoja en Uganda.

A música da banda evoluíra en pouco tempo, movéndose novamente das fórmulas hardcore cara a un máis innovador estilo jazzeiro, cunha musicalidade e dinámica máis aló doutras bandas do xénero. Nese momento a banda convertérase nunha forza política de facto. A banda continuou xirando polos Estados Unidos, ademais de tocar por Europa e Australia, e gañou moitos seguidores no underground. Aínda que continuaron facendo concertos durante 1983 e 1984, tomáronse un descanso e non editaron novas gravacións para concentrarse no selo Alternative Tentacles, que converteuse en sinónimo da cultura alternativa do "faino ti mesmo". A banda continuou compoñendo e interpretando novo material durante ese tempo, e eses temas aparecerían no seu seguinte álbum.

Frankenchrist e xuízo por obscenidade[editar | editar a fonte]

A edición do álbum Frankenchrist en 1985 amosou a unha banda máis madura en termos musicais e de letras. Aínda que había un feixe de temas rápidos e ruidosos, a meirande parte da música amosaba unha ecléctica mestura de instrumentos que incluían trompetas e sintetizadores. En cuestión de letras, a banda continuou escribindo sobre temas sociais, destacando temas como "MTV Get Off The Air" e "Jock-o-rama". En certa medida o álbum representaba un pico artístico para o grupo.

Porén, o álbum tamén foi o inicio dunha prolongada época de problemas legais para a banda. As imaxes incluídas no libreto enfureceron á acabada de crear Parents Music Resource Center (PMRC). En decembro de 1985 unha adolescente mercou o disco na tenda Wherehouse Records no condado de Los Angeles. A nai da rapaza escribiu cartas queixándose ao Procurador Xeral de California e aos fiscais de Los Angeles. En 1986, os membros da banda, xunto con outras partes involucradas na distribución de Frankenchrist, foron acusados penalmente pola distribución de material prexudicial a menores. A tenda onde a adolescente realmente mercou o álbum nunca foi nomeada na demanda. A acusación centrouse nunha ilustración de H.R. Giger, titulada "Work 219: Landscape XX" (tamén coñecida como "Penis Landscape", paisaxe de penes). Incluída como un póster no álbum, Penis Landscape representa nove penes copulando.

Os membros da banda e outras persoas da cadea de distribución foron acusados de violar o Código Penal de California por un delito menor cunha pena máxima dun ano de cadea e unha multa de 2.000 dólares. Biafra dixo que durante ese tempo axentes do goberno invadiron e rexistraron a súa casa. A fiscalía tentou presentar o póster ao xurado de forma illada para consideralo material obsceno, pero a xuíza Susan Isacoff ditaminou que o póster debía ser considerado xunto coa música e as letras. Os cargos contra tres dos acusados orixinais, Ruth Schwartz (dona de Mordam Records), Steve Boudreau (un distribuidor involucrado na subministración de Frankenchrist á tenda Los Angeles Wherehouse) e Salvatore Alberti (dono da fábrica onde o disco foi feito), foron retirados por falta de probas.

En agosto de 1987, o xuízo penal foi presentado ao xurado cos dous acusados restantes: Jello Biafra e Michael Bonanno (antigo representante de Alternative Tentacles). Ese mesmo mes o proceso rematou cun desacordo entre o xurado. 7 dos seus 12 membros estaban a favor da absolución de todos os acusados. Os fiscais de distrito Michael Guarino e Ira Riener presentaron unha moción para un novo xuízo que foi rexeitada pola xuíz Isacoff, da Corte Superior do condado de Los Angeles. O álbum, porén, foi retirado de moitas tendas de discos de todo o país.

Bedtime for Democracy e separación[editar | editar a fonte]

Ademais do xuízo por obscenidade e de ser ignorados polos principais medios (a MTV e a meirande parte das radios prestáronlle á banda moi pouca atención), o grupo tamén se desilusionou coa escena underground. A escena hardcore punk, que tiña sido un refuxio para intelectuais do libre pensamento e inconformistas oprimidos, estaba atraendo a hooligans que ían aos concertos punk só para bailar violentamente e pegarse coa música. Nos primeiros anos a banda criticara aos neo-nazis por intentar arruinar a escena punk, pero un problema crecente foi o aumento de popularidade do thrash metal e o macho estereotipado "post-1982 hardcore" que levou ao grupo (e ao seu xénero) a unha audiencia que pouco tiña que ver coas ideas e ideais que representaba. En xaneiro de 1986, frustrados e alienados pola súa propia escena, os Dead Kennedys decidiron separarse para perseguir outros intereses e realizaron o seu último concerto o 21 de febreiro. A banda continuou traballando en cancións, con Biafra compoñendo temas como "Chickenshit Conformist" e "Anarchy for Sale", nas cales articulaba os seus sentimentos con respecto ao embrutecemento do punk rock.

Durante o verán dese ano gravaron esas cancións para o seu derradeiro álbum, Bedtime for Democracy, que foi lanzado en novembro. A portada, que representa unha Estatua da Liberdade desfigurada invadida polos nazis, os medios, os oportunistas, membros do Ku Klux Klan, membros corruptos do goberno e zombis relixiosos, fíxose eco da idea de que a escena punk xa non era un refuxio seguro para a xente que quería "respirar en liberdade". O álbum contén un feixe de rápidas e curtas cancións intercaladas co jazz ("D.M.S.O."), o spoken word ("A Commercial") e a psicodelia ("Cesspools In Eden"). O enfoque lírico é máis introspectivo e serio ("Where Do Ya Draw The Line?"), con temas contra a guerra e a violencia ("Rambozo The Clown"), alonxándose da imaxinería violenta dos seus primeiros discos, sen deixar de ser tan subversivos coma nunca ("I Spy", "D.M.S.O."). En decembro a banda anunciou a súa separación. Biafra falou sobre as súas crenzas políticas en numerosos programas de televisión e editou un feixe de discos de spoken word. Ray, Flouride e Peligro tamén comezaron carreiras en solitario.

Conflitos legais[editar | editar a fonte]

Demandas por pagos de royalties[editar | editar a fonte]

A finais dos anos 90, os antigos membros da banda descobreron problemas coa cantidade de pagos que cada un deles recibira do selo Alternative Tentacles. Os membros afirmaron que Jello Biafra conspirara para pagarlles menos taxas de royalties. A pesar de que ambalasdúas partes acordaran que que a falta de pago deses cartos fora un erro de contabilidade, estaban molestos porque Biafra non informou á banda despois de que el e os seus colaboradores o descobreran.

Biafra afirmou que os seus avogados lle dixeran que iso tiña que falalo a través dos propios avogados e non comunicalo el directamente á banda, xa que o conflito ao parecer aparecera aparentemente antes de que o erro fose descuberto. As dúas bandas aseguran que procuraron resolver o asunto sen iniciar acción legais, pero finalmente complicouse nunha disputa legal (onde tamén entraron dereitos de publicación e outros motivos) pasando ao pouco tempo aos tribunais, onde Biafra foi declarado responsable dos royalties e culpable de fraude e malicia, e foi condenado a pagar danos por preto de 200.000 dólares, incluidos 20.000 en perxuizos, ao resto dos membros.

A malicia foi definida polo xurado como "a conduta que ten a intención de causar lesións ou a conduta despreciable que se realiza cun desprezo deliberado e consciente dos dereitos dos demais". A apelación de Biafra foi rexeitada; el tivo que pagar os royalties pendentes e os danos punitivos, e ademais foi forzado a ceder os dereitos da meirande parte do catálogo dos Dead Kennedys a sociedade Decay Music.

O xurado e os xuíces tamén destacaron, nas súas propias palabras, que Biafra "carecía de fiabilidade" no tema das composicións e polas probas presentadas por ambalasdúas partes atoparon que os créditos de composición correspondían a toda a banda, e usando unha cláusula da sociedade do grupo deuselle unha pequena parte dos royalties das canción á banda.

Discografía[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Caen, Herb (November 17, 1978) "On the Rotunda." San Francisco Chronicle.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]