Día Mundial das Zonas Húmidas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán (Ribeira, A Coruña).

O Día Mundial das Zonas Húmidas celébrase o 2 de febreiro e conmemora en todo o mundo a data na que se apobou a Convención de Ramsar sobre as Zonas Húmidas de Importancia Internacional, na mesma data de 1971. Tamén aparece denominado como Día Mundial dos Humedais (sic)[1] e, nalgunhas fontes, Día Internacional dos Humedais (sic).[2]

Historia e características[editar | editar a fonte]

En outubro de 1996, o Comité Permanente da Convención Ramsar designa oficialmente o 2 de febreiro como Día Mundial das Zonas Húmidas e en 1997 celébrase por primeira vez, con diversos actos en máis de 50 países. Inmediatamente convértese en referencia mundial.

A celebración ten como obxectivo a organización de diversos actos dirixidos a aumenta-la sensibilidade dos cidadáns cara aos valores medioambientais das zonas húmidas e os beneficios ecolóxicos, económicos e sociais que representan.

Para conseguir este obxectivo, organismos oficiais, organizacións non gobernamentais e diferentes colectivos cidadáns, naturalistas ou non, aproveitan esta data para desenvolver accións dirixidas a difundir información, abrir debate e concienciar ó público respecto dos valores e beneficios das zonas húmidas.

Patuda común (Himantopus himantopus)

A Secretaría da Convención Ramsar recolleu numerosos informes sobre as actividades desenvolvidas en máis de 80 países diferentes, incluído España. Este arquivo, con máis de 680 informes de actividades desenvolvidas desde as primeiras celebracións do Día en 1997, é público e pode consultarse na web oficial da Organización [3] como fonte de inspiración de ideas e propostas para futuras celebracións.

Día Mundial das Zonas Húmidas 2007[editar | editar a fonte]

Para o ano 2007, o lema escollido foi “As zonas húmidas e a pesca”, proposta que buscaba a concienciación social sobre os problemas da sobreexplotación pesqueira. As zonas húmidas, interiores ou costeiras, son imprescindibles na conservación das especies pesqueiras en tódolos planos, desde a pesca industrial a grande escala ata a pesca artesanal (de subsistencia), e desde a captura de especies silvestres ata a cría de peixes ou crustáceos en piscifactorías (acuicultura).

Vista parcial da enseada Umia-O Grove.

Moitas zonas húmidas desempeñan un papel fundamental na conservación das poboacións de peixes ó se-las áreas naturais de desove e cría de numerosas especies, aínda que a súa vida adulta se desenvolva en augas profundas, onde finalmente se capturen. Esta realidade por si soa converte estes ecosistemas en zonas húmidas de importancia internacional e senta as bases para a súa protección fronte á actividade humana.

Os seguintes datos xustifican a necesidade de racionaliza-la pesca, se queremos que sexa unha fonte de riqueza sustentable, e de preserva-las zonas húmidas[4].

  • Non menos de mil millóns de persoas atopan na pesca a principal fonte de proteínas de orixe animal, localizadas principalmente nos países en desenvolvemento.
  • O comercio internacional dos produtos da pesca xera máis de 55.000 millóns de dólares anuais.
  • O 75% das especies mariñas de interese pesqueiro está sendo obxecto de sobrepesca ou se capturan en cantidades que achegan as poboacións ó seu límite biolóxico.
  • A sobrepesca, unida á destrución dos hábitat, está acabando con boa parte das capturas que obteñen os pequenos pescadores das frotas artesanais e, polo tanto, provocando a súa progresiva desaparición. E hai que ter presente que a pesca artesanal representa o 90% das persoas dedicadas á pesca.
  • Segue sendo desgraciadamente frecuente o uso de prácticas de pesca altamente destrutivas, como as redes de arrastre, dinamita ou velenos.
  • O 90% da pesca comercial realízase nas augas continentais, nas que cada país costeiro ten autoridade para deseña-la explotación sostible dos recursos pesqueiros. Porén, as políticas pesqueiras que ditan os gobernos (épocas de veda, talles mínimos, cotas máximas, artes prohibidas etc.) non son homoxéneas.
  • A acuicultura, nos últimos 30 anos, é a actividade de maior crecemento dentro do sector da produción de alimentos, proporciona numerosos empregos e achega xa a terceira parte do peixe que se consome no mundo.
  • Os actuais sistemas de acuicultura nas zonas húmidas son insostibles para estes ecosistemas, porque se desenvolven sen ter en conta os problemas medioambientais que producen, como o importante consumo de enerxía, os produtos químicos que utiliza e verte ás augas libres ou ó mar, a introdución de especies exóticas etc. No sueste asiático, a extensión dos parques de acuicultura faise a costa da destrución de amplas áreas de mangleiral.
  • Os consumidores, que aceptan e mesmo solicitan exemplares pequenos ou especies en época de veda, son tamén corresponsables desta sobreexplotación. Seguen sendo necesarias as campañas dirixidas ó consumidor para que non merque peixiños [5].

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]