Crónicas marcianas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Crónicas marcianas
Título orixinal The Martian Chronicles
Autor Ray Bradbury
País Estados Unidos
Lingua inglés
Colección Fóra de Xogo (nº 79)
Xénero(s) Relatos de ciencia ficción
Editorial Flag of the United States.svg Doubleday & Company
Galicia Edicións Xerais
Data de pub. Flag of the United States.svg 1950
Galicia2004
Formato 13 x 21 cm.
edición rústica cosida a fío
Páxinas 312
ISBN ISBN 978-84-9782-129-2
Tradución María Magdalena Fernández Pérez

Crónicas marcianas é unha serie de relatos de ciencia ficción do escritor estadounidense Ray Bradbury, publicada en 1950 co título de The Martian Chronicles.

Trama[editar | editar a fonte]

Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama e/ou do argumento.

A obra narra a chegada do ser humano a Marte e a colonización do planeta, provocando a caída da civilización marciana e a extinción dos seus habitantes. Os relatos carecen de liña argumental, estando ligados pola referencia contextual e temporal. As vinte e seis historias do libro están dispostas en orde cronolóxica, tendo lugar entre xaneiro de 1999 e outubro de 2026.

  • "Xaneiro de 1999. O verán do foguete". Foi publicada orixinalmente en Planet Stories na primavera de 1947. É unha pequena introdución onde se relata o lanzamento da primeira expedición, e de como o inverno de Ohio (marco referencial) se converte en verán por un momento por mor da calor extrema producida polo despegue do foguete.
  • "Febreiro de 1999. Ylla". Foi publicada en Maclean's o 1 de xaneiro de 1950 co título de "I'll Not Look for Wine". Discorre en Marte. Ylla é unha marciana atrapada nun matrimonio sen romanticismo, que soña coa chegada duns astronautas cos que fala mediante telepatía. O seu esposo, por mor dos celos, pretende negar a realidade dos soños, pensando que a súa muller ten sentimentos románticos cara a un dos astronautas. Finalmente, mata os dous homes da expedición nada máis chegaren ao planeta.
  • "Agosto de 1999. A noite de verán". Publicada en Arkham Sampler en inverno de 1948 co título de "The Spring Night". Os marcianos de todo o planeta comezan a cantar cancións populares de América do Norte, que non comprenden ao estar nun idioma descoñecido (lingua inglesa). Os marcianos comezan a recoller pensamentos perdidos dos humanos que van a bordo da nave da Segunda Expedición, que se está achegando ao planeta. Neste relato cítase a primeira estrofa dun poema de Lord Byron.
  • "Marzo de 2000. O contribuínte". Na Terra un home insiste en que ten dereito a partir no próximo foguete a Marte, pois paga os seus impostos e é un bo cidadán. Móstrase atemorizado ante unha inminente guerra nuclear, e afirma que ninguén quere estar na Terra cando comece. Finalmente, tras sufrir a mofa dos homes uniformados que coidan a nave, a policía lévao e ve como o foguete parte, deixándoo en Terra.
  • "Abril de 2000. A terceira expedición". Foi publicada orixinalmente en Planet Stories en outono de 1948 co título de "Mars Is Heaven". Narra a chegada e desaparición da terceira expedición de homes en Marte. Os marcianos xa están preparados para a chegada dos terrestres, e espéranos cunha típica vila norteamericana da década de 1920, habitada polos seus familiares mortos. Os astronautas aceptan esta marabilla e sepáranse para visitar os familiares que non ven desde anos atrás, pero o capitán John Black decátase de que os marcianos usaron as súas memorias e desexos para reconstruír un poboado típico da súa infancia, e que en realidade quen está con eles non son os seus seres amados senón marcianos coa súa aparencia. Finalmente, todos os homes da expedición son asasinados á noite, e á mañá seguinte dezaseis ataúdes son enterrados entre os choros das persoas da vila.
  • "Xuño de 2001. ...e nos ilumine o luar". Foi publicado por vez primeira en Thrilling Wonder Stories en xuño de 1948. Este capítulo abre cos membros da cuarta expedición apañando leña para pasar a fría noite marciana, coa esperanza de seren os primeiros homes en Marte despois do fracaso das tres misións anteriores. Os científicos do grupo descobren que os marcianos morreran de varicela, traída polas primeiras expedicións. Spender, un dos tripulantes, sae dar un paseo por Marte e volve con ideais en contra dos humanos. Spender decide asasinar á tripulación agás ao capitán para evitar a destrución de Marte. Logo de matar a un pequeno grupo, é capturado e morto polos demais.
    É un relato ben cruel, cunha visión completamente pesimista acerca da humanidade por parte de Spender. Defende que o ser humano se destrúe a si mesmo por errar o camiño en temas como a relixión ou a arte, ao non saber deterse a tempo na procura do racional. Critica directamente á sociedade, principalmente á norteamericana, dicindo que arruinará o planeta vermello como fixeran coa Terra.
  • "Agosto de 2001. Os colonos": Trata da colonización a Marte e da promoción que lle daban á viaxe. Os primeiros sentíanse sós, deprimidos, estrañaban as súas familias e os seus fogares; vivían en soedade. As seguintes expedicións non foron tan tráxicas, pois os que chegaban xa se encontraban coas tripulacións anteriores.
  • "Decembro de 2001. A mañá verde". Conta a transformación de Marte noutra Terra, coa aparición de vilas similares ás existentes no planeta azul. Benjamin Driscoll vese obrigado a volver á Terra por mor de problemas de saúde relacionados co enrarecido aire marciano. El négase e decide tomar a tarefa de plantar miles de árbores nas chairas marcianas para facer incrementar os niveis de osíxeno. Debido ás propiedades do solo marciano e á choiva, as sementes que planta transfórmanse nunha soa noite nunha fraga de miles de inmensas árbores.
  • "Febreiro de 2002. As lagostas". Fala da chegada de miles de persoas a Marte e o xurdimento de vilas iguais ás da Terra. O título fai referencia aos foguetes e colonizadores que rapidamente se distribúen por toda a superficie de Marte. Os marcianos ven ao ser humano coma unha lagosta pola súa actitude destrutiva e colonizadora, e pola pouca importancia que se dá á cultura e as formas de vida marcianas ao destruílas ao seu paso e construír un mundo semellante á Terra.
  • "Agosto de 2002. Encontro nocturno".
  • "Outubro de 2002. A praia".
  • "Novembro de 2002. Os globos de lume".
  • "Febreiro de 2003. Ínterim". Aparecida por vez primeira en Weird Tales en xullo de 1947. Relata os avances nas construcións dos humanos en Marte. Crean unha cidade totalmente igual a unha terrestre en Iowa, con materiais traídos da Terra, como a madeira ou os cravos.
  • "Abril de 2003. Os músicos". Os colonos da Terra intentan deliberadamente destruír todo resto das cidades marcianas. Un grupo de nenos entra a xogar nos destruídos fogares dunha cidade marciana morta. Alí xogan cos cadáveres e caveiras dos marcianos, pero axiña chegan os bombeiros a queimar os restos.
    Amais de mostrar imaxes costumistas de norteamérica, aparecen os bombeiros provocando lume, como fan noutras obras de Bradbury.
  • "Xuño de 2003. Camiño do ceo". Aparecida por primeira vez en Other Worlds en xullo de 1950. Os afroamericanos planean emigrar a Marte, buscando unha vida mellor. Samuel Teece é un vello caucásico vello e rabudo, que fai ver que nnon lle importa a marcha dos negros, pero que en realidade intenta detelos. Retén a Belter, un rapaz negro que quere marchar, por unha débeda de 50 dólares, pero outras persoas de cor fan unha colecta para pagaren a débeda. Isto enfurece a Teece, que intenta asustar aos negros dicíndolles que os foguetes estouparían. Despois intenta reter a Silly, un rapaz que traballa para el, obrigándoo a cumprir o contrato. Un branco ofrécese a facer o traballo por el, e Teece vese obrigado a aceptar.
    Antes de partir Silly enfróntase a Teece e pregúntalle que vai facer agora polas noites ao marcharen os negros, aludindo implicitamente á pertenza ao Ku Klux Klan.
  • "2004-2005. A elección dos nomes". As diversas vagas de inmigrantes a Marte van mudando a xeografía marciana con topónimos da terra e dos membros das catro primeiras expedicións, eliminando os nomes orixinais de auga, aire e colinas.
  • "Agosto de 2005. Os vellos". Fala da chegada das persoas maiores ao planeta vermello.
  • "Setembro de 2005. O marciano". La Farge e Anna son unha parella de anciáns que se mudaron a Marte na procura dunha nova vida, pero seguen botando en falta a Tom, o seu fillo morto. Un día atopan un marciano cunha habilidade empática que lle permite cambiar de forma: para La Farge e Anna é o seu fillo morto, pero outra familia veo como a súa filla perdida. O marciano e La Farge viaxan á vila, onde a habilidade do marciano fai que se transforme ao mesmo tempo en todos os seres perdidos e botados de menos pola xente do lugar, unha proba excesiva para o marciano, que se derruba no chan e morere.
  • "Novembro de 2005. A tenda de maletas". Un sacerdote fala co dono dunha tenda de maletas da guerra nuclear que está a piques de estoupar na Terra. O padre móstrase escéptico cando o comerciante lle di que cría que ao estoupar a guerra os que emigraran a Marte volverían, pois aínda que fuxiran escapando do conflito bélico, a Terra seguía sendo o seu fogar. Finalmente, ao se iniciaren os ataques, moita xente merca as maletas para facer a viaxe de volta.
  • "Novembro de 2005. Temporada baixa". Publicada en Thrilling Wonder Stories en decembro de 1948. Parkhill abre un restaurante de comida rápida no cruce de dúas autoestradas, coa esperanza de que axiña cheguen a Marte os dez mil foguetes previstos. Unha noite atópase cun dos poucos marcianos que quedan, que vai ao posto en son de paz, pero Parkhill asústase e mátao. Ao pouco, ve chegar numerosos marcianos en barcos de area. Parkhill toma a súa esposa e escapa, pero os marcianos os perseguen e lle dan unha mensaxe: agora é o dono da metade de Marte, e debe prepararse, pois esa noite é a Gran Noite. Os marcianos marchan e Parkhill espera que esa noite cheguen miles de foguetes con clientes famentos e se prepara para recibilos, pero mentres está a mirar a Tierra, sta parece arder de repente, e unha parte estoupa en mil pedazos. É o inicio da guerra nuclear.
  • "Novembro de 2005. Os observadores". Os colonos de Marte son testemuña da guerra nuclear que comezou na Terra, e dedicen regresar inmediatamente á Terra para estar cos seus familiares e amigos, cumpríndose a predición do vendedor de maletas.
  • "Decembro de 2005. As vilas silenciosas". Publicada por primeira vez en Charm en marzo de 1949. Case todos deixaron Marte para regresar á Terra, pero Walter Gripp quedou vivindo nunha vila marciana, agora totalmente abandonada. Ten toda a cidade á súa disposición, pero está só e trata de encontrar outras persoas, especialmente unha muller para casar. Finalmente contacta por teléfono cunha rapaza chamada Genevieve Selsor, e vai cara á vila onde está a fume de carozo, imaxinándoa fermosa, pero ao atopala, desilusiónase ao vela fea, insípida e molesta. Finalmente escapa ao propoñerlle ela casaren. Gripp termina cómodo e só noutra vila, sen coller o teléfono.
  • "Abril de 2026. Os anos longos". Publicada orixinalmente en Maclean´s co título "Dwellers in Silence" o 15 de setembro de 1948. A Terra leva máis de 20 anos en guerra, e Marte é unha tumba. Hathaway está vivindo só no planeta vermello: a súa familia morreu e el substituíunos por robots. O Capitán Wilder regresa a Marte para ofrecerlle volver á Terra, pero Hathaway morre antes de partir. Finalmente o grupo decide marchar, pero resolve non deixar aos robots 'vivos'. Un membro da expedición regresa á casa de Hathaway cunha pistola, pero volve axiña co rostro transpirado, pois é incapaz de matar a familia de robots mesmo sabendo que non eran humanos.
  • "Agosto de 2026. Chegará o orballo". Publicado orixinalmente en Collier’s, o 6 de maio de 1950. Fala dun fogar en California, despois da guerra nuclear que arrasou con toda a poboación. A pesar de que toda a familia está morta, os robots domésticos continúan funcionando coas tarefas cotiás. Porén, hai un accidente e a casa comeza a arder. O título da historia está tomado dun poema de Sara Teasdale que a casa le á muller.
  • "Outubro de 2026. A excursión dun millón de anos". Publicada por primeira vez en Planets Stories no verán de 1946. Unha familia escapa da guerra e a destrución na Terra e vai a Marte nunha viaxe a pescar. O pai, ex-gobernador, promete á familia que axiña os levará a ver marcianos. Despois dille aos fillos que escollan unha cidade, e regálallela. Ao caer a noite, fai unha cacharela onde queima varios textos legais e burocráticos da Terra. Despois vailles mostrar os marcianos, e nun canal amósalles os seus propios reflexos na auga, facendo referencia a que agora eles son marcianos.

Narración[editar | editar a fonte]

Ten numerosas descricións poéticas e melancólicas de Marte, as súas dúas lúas e os marcianos, así como da sociedade estadounidense de mediados do século XX. Trátanse temas propios da existencia humana, como a guerra, o impulso autodestrutivo e o racismo cara aos marcianos e cara a outros humanos.

Bradbury mencionou como influencias na estrutura do libro ás obras Winesburg, Ohio de Sherwood Anderson e a The Grapes of Wrath de John Steinbeck.

Edicións[editar | editar a fonte]

A edición galega de 2004 toma como base The Silver Locusts, publicada en 1951 en Gran Bretaña, onde o relato Usher II é substituído por "Novembro de 2002. Os globos de lume".

Segundo a biografía autorizada de Sam Weller sobre Bradbury, existen catro capítulos aínda non publicados: "They All Had Grandfathers", "The Disease", "The Fathers", e "The Wheel".

En 2005 Hill House publicou unha nova edición, incluíndo varias historias de Bradbury sobre temas marcianos: "The Love Affair" (escrita en 1948 e publicada por Lord John Press en 1982), "Night Call, Collect" (publicada en Super Science Stories en abril de 1949) e "Dark They Were, and Golden Eyed" (Thrilling Wonder Stories, agosto de 1949).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Ficha na web de Xerais.