The Grapes of Wrath (novela)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

The Grapes of Wrath
Autor/aJohn Steinbeck
OrixeEstados Unidos
Linguainglés
Xénero(s)Novela
EditorialThe Viking Press
Data de pub.1939
editar datos en Wikidata ]

The Grapes of Wrath é unha novela do escritor estadounidense John Steinbeck publicada en 1939, pola cal recibiu o premio Pulitzer en 1940. O autor recibiu, ademais, o Premio Nobel de Literatura en 1962.

Steinbeck exalta os valores da xustiza, dignidade e solidariedade nun momento de forte crise. O título é unha referencia á canción "The Battle Hymn of the Republic" da Guerra Civil Americana.

Trama[editar | editar a fonte]

Relata a historia dunha familia pobre do estado de Oklahoma, que durante a Gran Depresión de 1929 se ve obrigada a abandonar as terras que ocupaba desde décadas atrás por mor do progreso (chegada de tractores e máquinas) e dun novo réxime de propiedade. Este factor volveu obsoleto o traballo manual de arado e sementado da terra, forzándoos a emigrar cara a California.

A personaxe principal, Tom Joad, regresa a casa logo de tres anos na cadea, e atopa a súa familia lista para marchar despois dun ano de malas colleitas e da presión por parte dos donos da terra para botalos. Cos poucos cartos que lles quedan, logo de vender a maioría das súas propiedades, mercan unha vella camioneta, enchéndoa cos seus colchóns e útiles de uso diario. De camiño cara ao oeste, crúzanse con outras familias que camiñan na mesma dirección e co mesmo propósito, seducidos por promesas de traballo e de bos salarios.

Porén, tales expectativas saen frustradas, pois á chegada decátanse de que hai pouco traballo e está mal remunerado, o que obriga á maioría dos emigrantes a vivir en campamentos temporais ao longo da estrada, sempre atentos á aparición de traballos nos que se precise man de obra barata.

Influencia[editar | editar a fonte]

No momento da súa publicación causou unha forte polémica.

Foi levada ao cine en 1940 por John Ford co título homónimo de The Grapes of Wrath, se ben o final da película é diferente do da novela. Conta con Henry Fonda e Jane Darwell como protagonistas, e John Ford acadou o Premio Oscar ao mellor director por esta adaptación.