Chester Himes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Monumento en homenaxe de Chester Himes en Moraira.

Chester Bomar Himes, nado en Jefferson City (Missouri), o 29 de xullo de 1909 e falecido en Moraira (Alacant), o 12 de novembro de 1984, foi un escritor afroamericano, coñecido sobre todo polas súas novelas de serie negra, se ben tamén practicou outros xéneros.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo dunha familia de clase media, Chester Himes creceu en Missouri e Ohio. Os seus pais foron Joseph Sandy Himes e Estelle Bomar Himes. Estudou no instituto de Cleveland (Ohio) e na Universidade de Columbus, de onde foi expulsado en 1926 trala súa detención por participar nun roubo. Por entón xa se desenvolvía en ambientes delituosos e do xogo. Logrou evitar o cárcere, pero, dous anos despois, ingresou en prisión por roubo a man armada cunha condena de 20 anos. Durante o seu encerro comezou a escribir relatos curtos e a publicalos en revistas. O primeiro apareceu en 1934.

Posto en liberdade en 1935, desempeña diversos oficios e segue escribindo ata que en 1945 publica a súa primeira novela, If He Hollers Let Him Go! (Se berra, déixao ir), que obtén un grande éxito e lle permite dedicarse á literatura.

En 1953, seguindo o exemplo doutros escritores americanos, como Ernest Hemingway, Himes comeza a pasar longas tempadas en Francia, onde se converterá nun escritor popular, ata que en 1956, canso do racismo do seu país, se instala permanentemente en París, onde coincide cos tamén escritores afroamericanos Richard Wright e James Baldwin.

Nesta época comeza a serie de novelas de xénero negro policial que protagonizan os detectives do Harlem Ataúde Ed Johnson e Sepultureiro Jones (Coffin Ed Johnson e Grave Digger Jones), que o farían mundialmente famoso e o porían á altura doutros recoñecidos autores do xénero, como Dashiell Hammett ou Raymond Chandler.

En 1969 Himes trasládase a vivir a Moraira (Alacant), onde finou en 1984.

Obra[editar | editar a fonte]

Se ben as novelas e relatos de Himes pertencen a varios xéneros, especialmente os policiais e os de denuncia política, todas teñen en común o tratamento do problema racial nos Estados Unidos.

Chester Himes escribe sobre os afroamericanos en xeral, especialmente en dous libros que tratan sobre as relacións laborais e os logros dos negros americanos: If He Hollers Let Him Go, que contén moitos elementos autobiográficos, presenta a loita contra o racismo nos Ánxeles, durante a Segunda Guerra Mundial, dun traballador dos estaleiros. The Lonely Crusade é unha obra máis longa con temática similar. Cast the First Stone baséase na súa experiencia no cárcere e foi a súa primeira novela, pero publicouse con dez anos de atraso, quizais debido ó tratamento positivo que fai Himes do tema da homosexualidade.

A serie de novelas máis popular de Himes foi a que presenta ós detectives Ataúde Ed Johnson e Sepultureiro Jones, da policía de New York, que prestan servizos en Harlem. As narracións desenvólvense nun ton sarcástico e unha visión fatalista da vida nas rúas do barrio negro. A esta serie pertencen nove libros, todos eles escritos entre 1957 e 1969.

Narrativa[editar | editar a fonte]

Saga de Ataúde Ed Johnson e Sepultureiro Jones[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]