Bryan Habana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bryan Habana nun evento social.

Bryan Habana, nado en Benoni (Transvaal) o 12 de xuño de 1983, é un xogador surafricano de rugby. Xoga na posición de á nos Stormers do Super Rugby, no Western Province da Currie Cup e na selección de rugby de Sudáfrica. Foi premiado como mellor xogador internacional do mundo no ano 2007 pola IRB, o ano no que gañou o Mundial. Durante a Copa do Mundo de Rugby 2011 converteuse no máximo anotador de ensaios da historia dos Springboks, batendo a marca de 38 ensaios de Joost van der Westhuizen.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De pequeno tiña claro que quería ser futbolista, e xogar algún día no Manchester United, ata que no ano 1995 asistiu á final do mundial de rugby co seu pai, na que gañaron os Springboks, e dende aquela só quixo ser xogador de rugby.

Habana formouse nas categorías inferiores dos Golden Lions, cos que debutou na Currie Cup en 2004. Rematou aquela tempada debutando coa selección de rugby de Sudáfrica, e fichando pola Blue Bulls Rugby Union para disputar cada tempada o Super 12 cos Bulls no primeiro semestre do ano, e a Currie Cup no segundo semestre cos Blue Bulls.

Cos Blue Bulls gañou a Currie Cup nos anos 2006 e 2009. Cos Bulls gañou o Super 14 nos anos 2007 e 2009, sendo decisivo no 2007 anotando o ensaio da vitoria no derradeiro minuto da final. Ese mesmo ano participou no mundial sendo unha das estrelas lo torneo, o cal gañaron os Springboks. Habana anotou 8 ensaios nese torneo, igualando o record de Jonah Lomu do mundial de 1999, o que lle valeu para ser nomeado mellor xogador do mundo pola IRB en 2007. No 2009 axudou á súa selección a gañar o Tri Nations.

Firmou coa Western Province Rugby Football Union para xogar a partir da tempada 2010 cos Stormers no Super 14 e con Western Province na Currie Cup. Na súa primeira tempada cos Stormers axudou a que o equipo de Cidade do Cabo chegase á súa primeira final do Super 14 en 15 anos de competición, aínda que nela perderon.

Equipos Tempadas Títulos
Golden Lions 2004 - 2004
Blue Bulls 2005 - 2009 2 Currie Cup (2006, 2009)
Western Province 2010 -
Bulls 2005 - 2009 2 Super 14 (2007, 2009)
Stormers 2010 -
Springboks 2005 - 1 Mundial (2007), 1 Tri Nations (2009)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]