Batán (máquina)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Batán do conxunto etnográfico dos batáns de Mosquetín no concello de Vimianzo.

O batán é unha máquina construída de xeito artesanal que funciona coa enerxía hidráulica e que tiña como función principal bater os tecidos que se fabricaban nos teares para darlles unha textura máis compacta e homoxénea. Estas máquinas están formadas por unha roda, que activa os mazos que baten os tecidos ata compactalos. Foron moi empregadas en Galicia, e a maior parte delas estiveron en funcionamento ata finais do século XIX, quedando moitos topónimos espallados pola xeografía galega.

Historia[editar | editar a fonte]

Crese que a expansión dos batáns foi posterior á dos muíños. A primeira referencia que se ten en España de batáns é do século XII, onde uns documentos datados en 1160 sitúan dous batáns moi preto de Xirona.

Os batáns extendéronse pola Península Ibérica, sendo numerosos os existentes en Galicia e Asturias aproveitando os numerosos ríos que cruzan a súa xeografía. En Asturias, a mediados do século XVII, contabilizábanse uns 200. A día de hoxe a gran maioría deles están nun estado ruinoso ou case desaparecidos, sendo moi poucos os que se conservan, quedando únicamente con fins museísticos.

Un exemplo de batán-museo está na parroquia de Mezonzo no concello coruñés de Vilasantar. Crese que foi construído polos monxes que habitaban o mosteiro de Mezonzo, onde agora atopamos a igrexa parroquial que data do século XII. De ser certa esta crenza popular, sería un dos batáns máis antigos de España. Este batán funcionou ata o ano 1954, momento en que se abandona ata a súa restauración no ano 2001, podendo ser visitado na actualidade polo público.

Mentres estivo en activo, o batán funcionaba desde o mes de febreiro ata xuño. Durante o verán pechábase porque o río non tiña suficiente auga para o seu funcionamento e no inverno non se podía empregar ó non dar secado as mantas que batían.