Bandeiras do Canadá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Xeneralidades[editar | editar a fonte]

As bandeiras do Canadá teñen unha variada historia canto á súa admisión e significados. As provincias e territorios da federación foron territorio colonial británico e iso inflúe nas súas orixes, adhesións civís e mantemento: algunhas son un simple pavillón, outras unha adaptación da Red ensign inicialmente usado en rexións da actual Commonwealth (v. Columbia Británica, Manitoba e Ontario), algunhas veces con usos simbólicos menos explícitos (Nova Brunswick, Nova Escocia ou Illa do Príncipe Edward), hainas que rompen con esta rotina como cando son unha busca simbólica e tamén explícita dun diferencialismo identitario (v. Quebec) e mesmo deseños moi modernos e atrevidos para unha bandeira (v. Ontario e Toronto). Para a análise, distribuirase o estudo das bandeiras canadianas segundo os territorios ós que se refiren ordenados alfabeticamente.

Para unha asignación correcta dos nomes galegos adaptados ás denominacións territorios orixinais, eis unha lista co nome orixinal en inglés ou francés:

  • Alberta: Alberta;
  • British Columbia: Columbia Británica;
  • Manitoba: Manitoba;
  • New Brunswick: Nova Brunswick;
  • Newfoundland and Labrador: Terranova e Labrador;
  • the Northwest Territories: Territorios do noroeste;
  • Nova Scotia: Nova Escocia;
  • Nunavut: Nunavut;
  • Ontario: Ontario;
  • Prince Edward Island: illa do príncipe Edward (Eduardo);
  • Québec ou Quebec: Quebec (o til gráfico en francés non marca a acentuación senón a apertura da vogal);
  • the Yukon: o Yukón;

Partes e cores do escudo e das bandeiras[editar | editar a fonte]

  • As bandeiras poden ter franxas verticais (no caso de que o ancho da intermedia sexa o dobre das outras exteriores chámase pau canadiano en referencia a que é a máis coñecida con esta característica) ou horizontais (iguais, por exemplo, na bandeira da II República Española e con anchos nas proporcións correspondentes ó pau canadiano no caso da actual bandeira constitucional de 1978 aprobada en 1981), unha cruz (en forma de +, chamada escandinava se está descentrada cara á esquerda) ou un aspa (en forma de X, tamén denominado co galicismo saltire), e unha diagonal de esquerda a dereita ascendente (chamada banda) ou descendente (nomeada faixa). Tamén pode ter ornados (ou ornatos, "adornos", de moi diversos motivos, coma encaixe, flores, cadeas, coroas, etc.) no borde. Un lugar especial é o curruncho superior esquerdo, chamado cantón. A disposición de certos elementos repetidos adoita ter certa simetría na súa situación e/ou disposición (radial, horizontal ou vertical), dando lugar a distribucións en cadrado, en rombo, en sotuer, en armiño, en casas, en punta, en pau, en arlequín, enfrontados, nos extremos, etc. No caso de animais, dúas posturas habituais son rampantes (a dúas patas en ataque) ou pasante (camiñando).
  • Os escudos poden definirse principalmente segundo tres partes verticais chamadas xefe, centro e punta (dende arriba a abaixo). Tanto os escudos coma os obxectos que se sobrepoñen á bandeira dise que están "cargados" ("a bandeira está cargada cun escudo");
  • Para que o significado non interfira nas descricións dos deseños, iránse pechando nunhas parénteses cadradas;
  • As cores en heráldica (sobre todo, pero tamén aplicables en vexiloloxía) teñen uns nomes propios (a maioría deles adaptacións do francés medieval ou mesmo galicismos) que se poderían corresponder cos seguintes nomes máis habituais:
    • prata, prateado, arxénteo ou arxentino: branco;
    • ouro ou dourado: marelo;
    • sinople: verde;
    • azur: azul;
    • goles: vermello (tamén gualda no caso da bandeira española ou grana na do FC Barcelona);
    • sable: negro;

Ós dous primeiros chámaselles "metais" (polo material co que se confeccionaban) e ó resto "esmaltes". Existen leis da heráldica que indican a situación de esmaltes e metais e as cores posibles nun símbolo destas características. Cando algún elemento natural (animal, vexetal, pedra, mineral, xema, flor ou construción) aparece representado coa súa cor real, dise que está "na súa cor". O fondo liso chámase campo.

A Red Ensign e a Blue Ensign[editar | editar a fonte]

A Red Ensign non é máis ca unha versión da bandeira do Reino Unido para os seus territorios de ultramar. Consta dunha Union Flag (tamén chamada Union Jack) no cantón sobre un campo de goles. A Union Jack procede da superposición das bandeiras escocesa, inglesa e galesa: sobre un fondo da escocesa (a cruz branca de Santo Andrés sobre campo azur) ubícanse primeiro a aspa vermella da bandeira galesa sobre unha orla branca e logo superpoñéndose a todas a cruz vermella da bandeira inglesa tamén cunha orla branca. O mesmo esquema en azul denomínase Blue Ensign e tamén foi utilizado nos territorios coloniais, aínda que en menor medida: existen países do antigo Imperio Británico que aínda conservan estes símbolos, como o demostran as bandeiras de Australia ou na bandeira de Nova Zelanda. Pola súa banda, tamén a Red Ensign perdura aínda coma bandeira para Ontario e Manitoba.

Bandeiras das provincias e territorios[editar | editar a fonte]

Alberta[editar | editar a fonte]

Flag of Alberta.svg

Consta dun simple pavillón azul cargado co escudo de armas do territorio no seu centro.

Este seu escudo está formado pola cruz da bandeira inglesa no xefe, as montañas de Alberta no centro e un campo con cereais na punta.

O escudo pode compararse co de Manitoba, Ontario e o Yukón.

Columbia Británica (1960)[editar | editar a fonte]

Flag of British Columbia.svg

A súa bandeira non é máis ca unha representación das armas da provincia: consta de dúas metades horizontalmente, a superior coa bandeira británica actual (Union Flag, "a bandeira da unión" ou do "Reino Unido") cunha coroa centrada (que representa a orixe da provincia na colonia británica) e a metade inferior cunhas ondas de prata e azur (o Océano Pacífico) cun sol en solpor superposto (denotando que é a provincia máis occidental). Introduciuse o 4 de xuño de 1960 por parte do primeiro ministro W. A. C. Bennett e usouse por primeira vez no barco Queen of Sidney.

Illa do príncipe Edward[editar | editar a fonte]

Flag of Prince Edward Island.svg

Como outras tantas, a bandeira desta illa é unha copia do escudo provincial de armas. Mentres que os dous quintos superiores teñen o mesmo león dourado pasante sobre campo de goles cá de Nova Brunswick, mentre que no resto inferior porta tres pequenos (carballos representando os tres condados de Prince, Queens e Kings) baixo a protección dunha carballa (que sería a Gran Bretaña). Este simbolismo rememora o lema provincial, Parva sub ingenti ("Os pequenos protexidos polo grande").

Como xa se dixo, cómpre compararse coa de Nova Brunswick e tamén coa de Saskatchewan.

Manitoba (1965)[editar | editar a fonte]

Flag of Manitoba.svg

Esta rexión utiliza unha Red Ensigne co escudo de armas provincial superposto. A bandeira aprobouse lexislativamente o 11 de maio de 1965, contou coa aprobación da raíña Elizabeth II (Sabela II) en outubro dese ano e se proclamou oficial o 12 de maio de 1966. A postura de adoptar esta bandeira fíxose trala decisión federal que cambiou a Red Ensign canadiana pola actual bandeira coa folla de arce.

O escudo de armas da provincia non é máis cá cruz da bandeira inglesa no xefe e un bisonte na súa cor cubrindo o resto do escudo.

Compárese a bandeira coa de Ontario e o escudo co de Alberta, Ontario e o Yukón.


Nova Brunswick (1965)[editar | editar a fonte]

Flag of New Brunswick.svg

O escudo provincial é o motivo da bandeira neobruswickiana, adoptada o 24 de febreiro de 1965. Os dous quintos superiores están ocupados cun león pasante de ouro nun campo de goles (representando as ligazóns co rei de Inglaterra e tamén coa rexión alemá de Brunswick), mentres que a parte inferior ten a tradicional representación heráldica dun galeón español [remarcando a industria de estaleiros, que era unha das máis importantes canda se aprobou a bandeira].

Compárese coa da Illa do príncipe Eduardo e a de Saskatchewan.

Nova Escocia[editar | editar a fonte]

Flag of Nova Scotia.svg

O pavillón oficial de Nova Escocia tamén é un remedo do escudo de armas da provincia. Consta dunha aspa ou saltire azur con campo branco, á inversa da bandeira escocesa, cargada co inescutcheon, unha inserción con forma de escudo representando un león rampante de goles en campo dourado, ornado no borde cunha dobre cinta decorada con oito flores de lis.

Nunavut (1999)[editar | editar a fonte]

Flag of Nunavut.svg

A bandeira dos Nunavut é a máis recente de tódalas das provincias canadianas: proclamouse o 1 de abril de 1999 para todo o territorio Nunavut do Canadá. Representa a un inukshuk (fito de marcación e orientación dos amerindios, feito cunha morea de pedras) no centro abranguendo toda a altura, dividindo un campo de amarelo á esquerda e un branco á dereita, onde no seu contracantón hai unha estrela azul de cinco puntas que reflexa o setestrelo ou estrela polar.

Ontario (1965)[editar | editar a fonte]

Flag of Ontario.svg

A lei da bandeira (Flag Act) do 21 de maio de 1965 oficializou a bandeira desta provincia. A bandeira é unha Red Ensign da época colonial británica: o cantón cuberto cunha Union Jack sobre campo de goles cargado do escudo provincial.

O escudo de armas da provincia, ó igual có deseño da bandeira, é similar ó de Manitoba: a cruz da bandeira inglesa no xefe e un ramo con tres follas na súa cor natural amarela sobre sinople.

Antes de 1965 xa se utilizaba nos edificios lexislativos e gobernamentais, pero nese ano houbo un arduo e longo debate sobre o cambio da bandeira oficial do Canadá. Debido a que esta decisión foi moi impopular para os habitantes rurais de Ontario, quen eran a base electoral do conservador progresista John Robart, el propuxo que fose unha Red Ensign coma a antiga bandeira canadiana. A única diferencia sería que se substituíría o escudo de armas do Canadá polo de Ontario. Mentres que coma bandeira canadiana apoiaba a nova, defendeu a restauración da bandeira colonial coma reflexo da herdanza británica de Ontario e dos sacrificios feitos polos soldados de Ontario feitos baixo o estandarse da Red Ensign. O pobo canadiano esta farto de tanto debate sobre a bandeira, así que os presidentes do Partido Liberal de Ontario e do Novo Partido Democrático de Ontario decidiron apoiar o deseño. A única oposición partiu de Elmer Sopha (membro liberal do Parlamento Provincial nacido en Sudbury), quen afirmaba que non reflectía a variedade de caracteres da poboación de Ontario e que non era máis ca unha vinga contra a bandeira canadiana da folla de arce. No entanto, só foi apoiado por outro membro liberal dese Parlamento, Leo Troy, á hora de votar contra a bandeira, aprobándose por maioría o 17 de marzo.

Pode facerse a comparación coa bandeira de Manitoba e cos escudos de armas de Alberta, Manitoba e o Yukón.


Quebec (1948): Fleurdelisé[editar | editar a fonte]

Flag of Quebec.svg

Unha das bandeiras máis vellas do Canada en vigor é a da provincia francófona do Quebec. A bandeira do Quebec, chamada Fleurdelisé ("flordelisada") adoptouse polo parlamento provincial de Maurice Duplessis e usouse oficialmente por vez primeira o 2 de febreiro de 1948 na Asemblea lexislativa da cidade de Quebec. Esta bandeira reproduce unha cruz branca e catro flores de lis sobre campo azur

A cruz procede das antigas bandeiras reais de Francia, mentres que os outros dous elementos están tomados do estandarte en honor á Virxe María portada polo exército francocanadiano do xeneral Louis-Joseph de Montcalm que gañou a batalla de Carillón (hoxendía Ticonderoga, no estado de Nova York). Ó contrario do que se pensa normalmente, as flores de lis non veñen da bandeira dos reis de Francia (quen en realidade usaban flores de lis douradas). As flores de lis brancas da bandeira quebequiana son os símbolos da pureza orixinalmente representados coa Virxe María.

A aspiración dunha bandeira distintiva por parte dos francocanadianos vén de vello. Entre as bandeiras utilizadas salientan:

  • a bandeira chamada "patriótica", con franxas horizontais verdes e brancas;
  • a tricolor vermella, que se convertería na enseña da Saint-Jean-Baptiste Society (Sociedade de san Xoán Bautista);
  • a tricolor francesa;

COMPLETAR

Antiga bandeira do Quebec dende 1868 ata 1902: Blue Ensign[editar | editar a fonte]

O día 26 de maio de 1868, a raíña Vitoria outorgoulle un escudo de armas ó Quebec, e polo tanto dende aquela pódese considerar que a bandeira oficial do Quebec era unha Blue Ensign cunha Union Jack no cantón e co escudo de armas alzado. Porén, semella que nunca se usou: segundo varias fontes, incluíndo a páxina web oficial do goberno do Quebec mencionan que a que realmente abaneaba na Sede do Parlamento era a Union Flag ata o 21 de xaneiro de 1948 e non a Blue Ensign. Por riba, na apertura da escola de minería de Val-d'Or en 1938, a bandeira que representaba ó Goberno provincial era a do escudo de armas. Isto fíxose a petición do deputado Burroughs Pelletier, a quen se lle pedira que o Ministerio se representase mediante algún un símbolo pero que non era claro cal cumpría usarse.

Antiga bandeira do Quebec dende 1902 ata 1948: Carillon[editar | editar a fonte]

Carillon Flag.png

A predecesora directa da actual bandeira foi creada por Elphège Filatrault, un pastor da parroquia de Saint-Jude en Quebec. Chamada Carillon (pola devandita batalla), é identica á de agora agás en que as flores de lis estaban orientadas cara ó centro. A orixe está nunha anterior sen cruz e coa figura da Virxe María no centro. A primeira bandeira destas en ser usada utilizouse por primeira vez o 26 de setembro de 1902 e consérvase nos arquivos de Saint-Hyacinthe, en Quebec. Outra versión cargada cun Sagrado Corazón (Carillon-Sacré-Coeur), foi proposta contra 1903, pero esqueceuse canda a Segunda Guerra Mundial. A bandeira Carillon usouse en contextos informais.

En 1947, un membro independente da Asemblea Lexislativa, René Chaloult, solicitou unha nova bandeira provincial para substituír a impopular Red Ensign canadiana e eliminar do uso a pouco usada Blue Ensign de Quebec para a provincia. Discutíronse varias ideas entre Chaloult, Lionel Grouls e Duplessis. Unha daquelas ideas contemplaba incorporar unha folla de arce vermello (que máis tarde se empregaría para a bandeira do Canadá). A Burroughs Pelletier tamén se lle pediu que presentase varios proxectos a Duplessis, aínda que non se adoptou ningún deles. Porén, tamén se lle pediu consello sobre o que opinaba respecto ó deseño actual.

O día 21 de xaneiro de 1948 adouptouse unha nova bandeira que se izou no Edificio do Parlamento aquela mesma tarde. Aparentemente, foi a Carillón a que ondeou aquel día, pois a Fleurdelisé (coas flores de lis colocadas dereitas e paralelas coma na configuración moderna, consonte as regras da heráldica) non estivo dispoñible ata o día 2 de febreiro.

Saskatchewan (1969)[editar | editar a fonte]

Flag of Saskatchewan.svg

Este contrastante pavillón adoptouse en 1969 e divídese en dúas franxas horizontais: a superior sinople (lembrando a parte setentrional da provincia coas súas areas principalmente forestais) e a inferior de ouro (pola parte meridional coas súas terras de produción de cereal). No cantón sinople aparece o escudo de armas de Saskatchewan e na man dereita, sobre as dúas metades, unha lila vermella occidental na súa cor, a flor simbólica da provincia.

O escudo de armas de Saskatchewan consta dun león pasante de goles sobre campo de ouro en xefe e tres monllos de palla na súa cor sobre campo sinople no centro e punta.

Pode compararse o seu león pasante có da bandeira da Illa do príncipe Edward e có da de Nova Brunswick.

Terranova e Labrador (1980)[editar | editar a fonte]

Flag of Newfoundland and Labrador.svg

A actual bandeira desta rexión administrativa introduciuse en 1980 e deseñouna o artista terranovés Christopher Pratt. O seu deseño aprobouse pola asemblea provincial o 28 de maio de 1980 e ondeou por vez primeira o día do descobremento destes territorios, o 24 de xuño de 1980. Escolleuse este deseño debido ó seu amplo simbolismo.

Obviando describila, a cor azul representa ó mar, o branco vai pola neve e o xelo, o vermello pola forza e esforzo do habitantes, mentres que o ouro simboliza a confianza e autoestima que os cidadáns destas terras teñen en si mesmos. Ademais, os triángulos azuis son un tributo á Union Flag do Reino Unido e reafirman a herdanza británica na cultura local, os dous triángulos vermellos buscan representar as dúas áreas da provincia (a insular e a continental) e a frecha marela, segundo Pratt, diríxese cara a un futuro máis brillante.

Antiga bandeira de Terranova e Labrador dende 1840 ata 1904[editar | editar a fonte]

Newfoundland Tricolour.svg

A bandeira inicial era tricolor, ás veces chamada Green, White and Pink ("verde, branca e rosa"). Orixinouse en Saint John en 1840 por parte do Bispo católico de Terranova Michael Anthony Fleming. A bandeira simboliza unha tradición entre os protestantes e católicos locais: os ingleses protestantes marcaban a súa madeira cun sinal rosa, mentres que os irlandeses católicos o facían cun rosa. A franxa intermedia branca simboliza a paz entrámbolos dous grupos. Ademais o rosa é un reflexo da rosa Tudor de Inglaterra e o verde lembra o emblema católico do patrono dos irlandeses, San Patricio, colléndose o branco baseándose no da cruz de Santo Andrés, patrono dos mariñeiros dalá (en Galicia é a Nosa Señora do Carme) e de Escocia. A bandeira foi adoptada axiña pola Newfoundland Natives' Society, a Sociedade de Naturais de Terranova.

Antiga bandeira de Terranova e Labrador dende 1904 ata 1931[editar | editar a fonte]

Newfoundland Blue Ensign.png

Posteriormente houbo dúas bandeiras utilizadas de xeito non oficial, que consistían nunha Red Ensign ou unha Blue Ensign co escudo provincial alzado e que debían aparecer respectivamente nas embarcacións e nos edificios. No deseño do escudo aparecen Mercurio (deus do comercio) presentándolle a Britannia un pescador que lle ofrece toda a colleita do mar. A banda inferior presenta a lenda Haec tibi dona fero, que quere dicir "Estes agasallos eu che traio".

Antiga bandeira de Terranova e Labrador dende 1931 ata 1980[editar | editar a fonte]

Flag of the United Kingdom.svg

A seguinte bandeira de Terranova foron a Union Flag, a bandeira do Reino Unido, adoptada en 1931, manténdose en vixencia ata a adopción da creada por Christopher Pratt en 1980.

os Territorios do Noroeste[editar | editar a fonte]

Flag of the Northwest Territories.svg

A bandeira dos territorio noroccidentais combinan un pau canadiano branco sobre azul cargado no centro co escudo desta fisterra branca: unha onda azur sobre campo de prata en xefe co resto partido en diagonal descendente, a superior cun pazo branco sobre goles e a inferior cun deseño de palos dourados sobre sable.

O pau canadiano aparece tamén na bandeira de o Yukón

o Yukón[editar | editar a fonte]

Flag of Yukon.svg

Está formada por un pau canadiano branco sobre un campo sinople á esquerda e azur marino á dereita, cargado co escudo de armas provincial sobre unha coroa de restrollo do lume, a flor que serve de emblema da provincia.

O escudo provincial ten a bandeira norirlandesa no xefe (que é a inglesa cargada cunha faciana) e no resto dúas montañas en goles separadas por dúas correntes de auga en prata sobre campo de azur (símbolo da xeografía da zona), coroado por un can de tiro para zorra de raza Alaskan Malamute (malamute de Alasca) montado sobre unha morea de neve.

É similar á anterior dos os Territorios do Noroeste polo seu pau canadiano e no escudo de armas parécese ós de Alberta, Manitoba e Ontario.

Datación e características comúns[editar | editar a fonte]

Como se pode comprobar, moitas das bandeiras remóntanse ó ano 1965 e a 1969. Excepcións son as noviñas de Terranova e Labrador (de 1980) e Nunavut (de 1999) e a vella do Quebec (dende 1948). Moita desta coincidencia non obedece á casualidade, senón que se remonta á época da mundanza oficial da bandeira federal pola da folla de arce actualmente en vigor, para substituír a Red Ensign (que aínda se conserva nas bandeiras de Manitoba ou Ontario) ou a Blue Ensign no seu defecto. O caso da bandeira de Nunavut xurdiu para oficializar o status de provincia federada que acadou o recentemente creado territorio dos inuit de Canadá. Loxicamente, a simboloxía heráldica e vexilolóxica de todos estes símbolos ten clara raigaña anglofrancesa:

  • as cores predominantes son o azul e o vermello;
  • tres son as bandeiras provinciais con tres particións verticais, coma a francesa;
  • moitas das bandeiras históricas son mostra patente do pasado colonial británico en terras norteamericanas;

En 2001, a Asociación Vexilolóxica Norteamericana (NAVA, pola súa sigla en inglés) fixo unha enquisa para escoller a mellor bandeira provincial canadiana: a gañadora foa a do Quebec, que foi tamén escollida a terceira mellor bandeira de entre tódolos estados, territorios e provincias de EEUU e Canadá.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Todas en inglés salvo especificación