Arch Linux

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Logotipo de Arch Linux co nome do sistema.  
Arch Linux con KDE.
Desenvolvedor Aaron Griffin e o equipo
Familia de S.O. GNU/Linux
Lanzamento {{{lanzamento}}}
En galego ?
Espazo de usuario {{{espazo_de_usuario}}}
Interface de usuario {{{interface_de_usuario}}}
Modelo de desenvolvemento Software libre
Núcleo Linux
Tipo de núcleo Monolítico
Licenza GPL e GFDL
Última versión estable Desenvolvemento sobre a marcha (Disco de instalación: agosto do 2009)
Estado actual En desenvolvemento
Precedido por {{{precedido_por}}}
Sucedido por {{{sucedido_por}}}
Sitio web www.archlinux.org

Arch Linux (ou Arch) é unha distribución de GNU/Linux pensada para resultar lixeira e simple. O método de deseño empregado polo seu equipo de desenvolvemento céntrase en aspectos tales coma a simplicidade, a elegancia, a correcta codificación ou o minimalismo. Arch entende por "simplicidade" «sen usar engadidos innecesarios, modificacións ou complicacións», entendido dende o punto de vista do desenvolvedor (non do usuario).

Inspirándose en CRUX, outra distribución minimalista, Judd Vinet comezou o desenvolvemento de Arch Linux en marzo do 2002. Vinet liderou o proxecto ata o primeiro de outubro do 2007, cando debido á falta de tempo deixou o proxecto, deixándoo nas mans de Aaron Griffin.

Deseño e principios[editar | editar a fonte]

Arch baséase principalmente no uso de paquetes binarios. Estes paquetes están compilados para microprocesadores de arquitecturas i686 e x86 64. Ademais fornécese un sistema de compilación de código automatizada, coñecido coma Arch Build System («Sistema de compilación de Arch»).

Que Arch se centre na simplicidade e ergonomía dende o punto de vista do desenvolvedor significa, entre outras cousas, que os principais esforzos para facilitarlle a tarefa ao usuario non se empregan no desenvolvemento de ferramentas de configuración gráficas ─por exemplo, o xestor de paquete non ten unha interface gráfica oficial─ senón en crear ficheiros de configuración ben documentados e mailo uso extensivo de guións. Isto valeulle a Arch Linux a reputación de ser unha distribución «para usuarios de nivel medio e avanzado que non lle teman á liña de ordes».

Infraestrutura de arranque[editar | editar a fonte]

Arch utiliza unha infraestrutura de arranque similar á de BSD, que sacrifica a flexibilidade en prol da simplicidade. Tamén inclúe e permite o uso de niveis de execución System V e do ficheiro inittab, pero existe certa diferenciación entre os niveis de execución. Isto é porque os módulos e daemons cargados no arranque organízanse sen complicacións coma unha lista no ficheiro central de configuración, /etc/rc.conf, en contraposición ao sistema System V de ter un directorio para cada nivel de execución cunha serie de ligazóns simbólicas a cada daemon. Tamén existe a opción de iniciar os procesos de maneira asíncrona, funcionalidade coa que non contaban nin o init orixinal de BSD nin o de System V.

Instalación[editar | editar a fonte]

No sitio web de Arch Linux hai dispoñibles imaxes de discos e dispositivos USB. O instalador de Arch é un guión cun diálogo para comunicarse co usuario. A instalación por defecto é moi pequena. A posterior personalización e ampliación do sistema (instalar un xestor de fiestras, un ambiente de escritorio, etc.) debe facerse manualmente, descargando paquetes dos repositorios de software. É por iso que Arch adoita considerarse un sistema difícil de instalar, en comparación con outros sistemas operativos.

Como método alternativo de instalación, pódese usar unha versión estática do xestor de paquetes (Pacman) dende outro sistema operativo. O usuario pode montar a partición previamente formatada e utilizar Pacman cos argumentos axeitados para que utilice o punto de montaxe do dispositivo coma directorio raíz para as súas operacións. Deste xeito poden instalarse o grupo de paquetes base e paquetes adicionais descargados dos repositorios mediante Pacman. Así e todo, hai outras cousas que han de facerse tras o proceso para que o sistema sexa completamente operativo. Entre outras cousas, instalar un xestor de arranque e configurar varias opcións do novo sistema.

Xestión de paquetes[editar | editar a fonte]

Pacman[editar | editar a fonte]

A xestión de paquetes realízase por medio do xestor de paquetes Pacman, que xestiona a instalación, actualización, restauración de versións anteriores e borrado de paquete, ademais de contar cunha resolución automática de dependencias. Os paquetes de Arch Linux obtéñense da árbore de paquetes de Arch Linux e están optimizados ben para as arquitecturas i686 ben para as x86_64. Arch Linux baséase principalmente en paquetes binarios nos formatos tar.gz e tar.xz (sendo este último a tendencia actual).

Repositorios[editar | editar a fonte]

Actualmente existen os seguintes repositorios oficiais:

  • [core], que contén todos os paquetes necesarios para ter un sistema básico,
  • [extra], que contén os paquetes innecesarios para o sistema básico, como aplicacións e ambientes de escritorio.
  • [testing], un repositorio especial con paquetes que son candidatos para pasar a [core] ou [extra].
  • [community], que contén paquetes desenvolvidos e votados pola comunidade ─aqueles que teñen votos abondo e son adoptados por un “usuario de confianza”─.
  • [community-testing], coma o repositorio [testing] pero para os paquetes que son candidatos a pasar a [community].

O repositorio [unstable] abandonouse en xullo do 2008 e a meirande parte dos seus paquetes pasaron a outros repositorios. Existen ademais outros repositorios non oficiais, como son o de Parábola, que contén unicamente software libre e permite dispoñer dun sistema Arch Linux completamente libre, ou o de KDEmod, que contén versións distintas (melloradas) dos paquetes de KDE oficiais de Arch Linux.

Sistema de empaquetado de Arch Linux[editar | editar a fonte]

O sistema de empaquetado de Arch Linux é un sistema que compila o código fonte directamente nun paquete binario, que pode instalarse no sistema mediante Pacman. O sistema contén unha árbore de directorios de guións executables chamados PKGBUILD, que permite personalizar e compilar calquera dos paquetes ─oficiais e non oficiais─ de Arch Linux. O sistema permite tamén compilar dende cero pm sistema completo utilizando opcións especiais para o compilador. A ferramenta do sistema makepkg permite crear paquetes .pkg.tar.xz a partir do código fonte de terceiros. Os paquetes resultantes poden instalarse e controlarse por medio de Pacman.

Repositorio dos usuarios de Arch Linux[editar | editar a fonte]

Ademais dos repositorios, o «Repositorio dos usuarios de Arch Linux» fornece guións PKGBUILD preparados por usuarios para paquetes que non estean incluídos nos repositorios oficiais (ou versións distintas destes). Os guións PKGBUILD simplifican a compilación e empaquetado a partir do código fonte permitindo listar e comprobar explicitamente as dependencias e configurar a instalación para que cadre coa arquitectura de hardware do sistema. Arch Linux mantén un sitio web dende o que se poden descargar estes guións.

Existen programas que permiten simplificar o uso deste repositorio, nalgúns casos permitindo traballar con el coma se se tratase dun repositorio calquera con paquetes binarios. Porén, este tipo de ferramentas nunca se incluirán nos repositorios oficiais debido aos riscos potenciais de seguridade que implica o seu uso.

A existencia deste repositorio débese a varias razóns, entre outras:

  • Problemas legais. Existe software de libre uso pero que non pode ser distribuído libremente, e por tanto non pode incluírse nos repositorios oficiais pero si neste, dado que o servidor contén unicamente guións executables que descargan o software dun sitio externo. Son exemplos deste tipo de software programas privativos gratuítos como Google Earth ou RealPlayer.
  • Modificacións de paquetes oficiais. Este repositorio contén tamén numerosas modificacións de paquetes oficiais, así coma versións de proba de software cuxa versión estable se atopa nos repositorios regulares.
  • Existe unha grande diversidade de software, e aparece novo software cada día. Os usuarios destas novas aplicacións ─en ocasións os desenvolvedores orixinais das mesmas─ poden subir dito software ao repositorio dos usuarios moito antes de que chegue aos repositorios oficiais de Arhc Linux.

Calquera usuario pode contribuír ao repositorio dos usuarios co PKGBUILD de calquera software, e aqueles que non deban quedarse en dito repositorio por algunha razón poderán votarse para aspirar a entrar ao repositorio [community].

Versións[editar | editar a fonte]

Lanzamentos sobre a marcha[editar | editar a fonte]

Do mesmo xeito que fai Gentoo, e a diferencia da maior parte das distribucións máis importantes como Debian GNU/Linux ou Ubuntu, Arch Linux non publica novas versións do sistema cada certo tempo, senón que utiliza un sistema “sobre a marcha”, publicando a diario novas versións dos seus paquetes. A súa xestión de paquetes permítelles aos usuarios manter o sistema actualizado con facilidade. En vez de lanzar novas versións do sistema operativo cada certo tempo, os lanzamentos de imaxes de instalación realízanse periodicamente contendo as versións actuais dos paquetes, ás veces con software de instalación revisado. Por tanto, en principio dá igual a versión de Arch Linux que se instale, dado que tras unha actualización completa todos os sistemas Arch Linux conteñen o mesmo software. Mesmo hai usuarios que presumen do vella que é a súa instalación nos foros de Arch Linux.

Dende a versión 2009.02 os desenvolvedores puxéronse como obxectivo coordinar os lanzamentos de novas versións das imaxes de instalación de Arch Linux co lanzamento de novas versións do kernel, para así fornecer un gran soporte de hardware, e sacando así unha nova versión cada 3 ou catro meses.

Historial de lanzamentos[editar | editar a fonte]

Cor Significado
Amarelo Versión antiga
Verde Versión actual
Azul Versión futura
Versión Nome en clave Data Notas
0.1[1] Homer 2002-03-11 Primeira versión compilada dende cero.
0.2[2] Vega 2002-04-17
0.3[3] Firefly 2002-08-07
0.4[4] Dragon 2002-12-18
0.5[5] Nova 2003-07-21 Engadiuse o soporte para PAM, LVM e GRUB.
0.6[6] Widget 2004-03-01 Engadiuse o soporte para JFS e XFS.
0.7[7] Wombat 2005-01-24
0.8[8] Voodoo 2007-03-31
2007.05[9] Duke 2007-05-17 Inclúe a versión 3 do xestor de paquetes Pacman.
2007.08[10] Don't Panic 2007-08-05
2008.06[11] Overlord 2008-06-24 Pasan a estar dispoñibles tamén imaxes para instalar dende un dispositivo USB.
2009.02[12] 2009.02 2009-02-16 Inclusión da AIF (Arch Linux Installation Framework, «Infraestrutura de instalación de Arch Linux»).
2009.08[13] 2009.08 2009-08-10 Pacman 3.3, uso do novo instalador AIF, mellor detección dos dispositivos de arranque, mellor establecemento da data e hora, e rutinas de instalación de GRUB revisadas.[14]
2010.05[15] 2010.05 2010-05-17 Primeiro lanzamento con soporte para isohybrid, imaxes con ambas arquitecturas, uso exclusivo de isolinux e soporte para pxe.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Judd Vinet (2002-03-11) Arch Linux 0.1 Released.
  2. Judd Vinet (2002-04-17) Arch Linux 0.2 Released.
  3. Judd Vinet (2002-08-07) Arch Linux 0.3 Released.
  4. Judd Vinet (2002-12-18) Arch Linux 0.4 Released.
  5. Judd Vinet (2003-07-21) Arch Linux 0.5 Released.
  6. Judd Vinet (2004-03-01) Arch Linux 0.6 Released.
  7. Judd Vinet (2005-01-24) Arch Linux 0.7 (Wombat) Released!
  8. Tobias Powalowski (2007-03-31) 0.8 Voodoo ISOs finally released!
  9. Tobias Powalowski (2007-05-17) 2007.05 Duke ISOs released.
  10. Tobias Powalowski (2007-08-05) 2007.08 Don't Panic ISOs released.
  11. Simo Leone (2008-06-24) 2008.06 Overlord ISOs released.
  12. Aaron Griffin (2009-02-16) 2009.02 ISO Release.
  13. Dieter Plaetinck (2009-08-10) 2009.08 images.
  14. "News - 2009.08 images". Arch Linux. 2009-08-10. http://www.archlinux.org/news/459/. Consultado o 2009-10-19. 
  15. Dieter Plaetinck (2010-05-17) 2010.05 snapshots. Less is more..

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]