Éntase

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Primeiro templo dórico de Hera, coñecido como a Basílica, en Paestum.

A éntase é a zona da columna grega cuxa sección posúe maior diámetro, xa sexa dórica, xónica ou corintia. A finalidade da éntase é conseguir unha mellor sensación estética e visual, xa que confire máis harmonía ó fuste e dá a impresión de maior esbeltez ás columnas.

O fuste das columnas gregas non se deseñaba con sección constante, esta aumentaba dende o capitel á éntase, volvendo a diminuír até a base. Polo tanto, a columna é máis ancha na zona situada na metade inferior. A éntase delimita dúas partes no fuste, unha inferior que se chama imóscapo e unha superior chamada sumóscapo.

A orixe deste tipos de correcións que se fixeron coa éntase está na busca da beleza ideal no mundo grego, nun intento de corrixir efectos ópticos que se producían ó ollar os templos na proximidade ou na lonxanía, xa que para o observador canto menor é a distancia, máis desvirtuadas se perciben as columnas e as liñas rectas e paralelas do edificio. O que consegue a éntase é corrixir esta sensación.

Diagrama dunha columna corintia. Éntase sinalada coa letra D.