Zera Yacob

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaZera Yacob (ዘርዐ ያዕቆብ)
Biografía
Nacemento28 de agosto do 1599
Axum, Tigray (Imperio de Etiopía)
Morte1692
Emfraz, Begemder (Imperio de Etiopía)
Datos persoais
País de nacionalidadeEtíope
RelixiónIgrexa Ortodoxa Etíope
Actividade
OcupaciónFilósofo
Período de actividadeSéculo XVII
MovementoFilosofia etíope (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
AlumnosWalda Heywat (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
LinguaGe'ez
Obra
Obras destacables
Hatata (1667)

Zera Yacob (ge'ez: ዘርዐ ያዕቆብ), nado en Aksum (Tigray) o 28 de agosto do 1599 e finado en Emfraz (Begemder) no 1692, foi un filósofo etíope do século XVII. O seu tratado Hatata ("Investigación", 1667), composto arredor do ano 1630, precede ideas dos Discours de la méthode ("Discurso sobre o método", 1637) de René Descartes.[1][2] Foi contemporáneo da santa etíope Walatta Petros.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Igrexa do século XVII en Axum

Yacob naceu nunha familia de granxeiros preto da cidade de Aksum, no norte de Etiopía, antiga capital do desaparecido reino de Aksum. O seu nome significa "a semente de Xacob" en lingua ge'ez. Aínda que o seu pai era pobre, pagou pola educación do filósofo en escolas tradicionais, onde Yacob entrou en contacto cos Salmos de David e coa doutrina da Igrexa Ortodoxa Etíope.

Yacob foi denunciado perante o emperador Susenyos, que se convertera ao catolicismo romano e ordenara aos seus súbditos facer o mesmo.[3] Tras rexeitar a fe católica, foi obrigado a exiliarse.[3] De camiño a Shewa, no sur, atopou unha cova ao pé do río Tekezé, onde viviu como eremita durante dous anos, rezando e desenvolvendo a súa filosofía.[2] Sobre esta experiencia, escribiu: "Aprendín máis vivindo só nunha cova que cohabitando cos eruditos. O que escribín neste libro é pouca cousa; na miña cova meditei sobre moitas outras".[4]

Tras o pasamento do emperador, herdou o trono o seu fillo Fasilides, un devoto seguidor da ortodoxia etíope. O novo monarca expulsou os xesuítas e suprimiu o catolicismo no seu territorio no ano 1633. Yacob abandonou entón a súa cova e trasladouse a Emfraz, onde atopou a un mecenas, o podente mercader Habta Egziabher. Yacob negouse a vivir coma un monxe, e casou cunha dama da familia de Egziabher. Nas súas palabras, "as leis cristiás que propoñen a superioridade da vida monástica sobre o matrimonio son falsas e non poden provir de Deus".[4] Secasí, rexeitou tamén a poligamia, xa que "a lei da creación manda que un home case cunha muller".[4]

Yacob converteuse no mestre dos fillos de Egziabher, e foi a instancia dun deles, Walda Heywat, que o filósofo redactou o seu célebre tratado.[2] Pouco máis se sabe do resto da súa vida, agás que permaneceu en Emfraz durante os restantes vinte e cinco anos. Morreu alí no 1692.

Filosofía[editar | editar a fonte]

Arredor do ano 1510, Abba Mikael traducíu e adaptou un texto árabe que compilaba citas de moitos filósofos da Grecia antiga, entre os que se atopaban Platón, Aristóteles e varios pensadores presocráticos.[1] A obra tiña unha forte influencia da filosofía árabe e etíope.[1] Yacob continuou esta tradición de pensamento, pero afirmando a prevalencia da razón humana ou lebuna sobre a autoridade dos grandes intelectuais do pasado.[1]

A pesar de crer nun Deus, Yacob rexeitou a fe de calquera relixión organizada, posto que prefería observar a verdade no mundo natural.[2][3] Fíxose coñecido por criticar os aspectos irracionais de todas as relixións, defendendo unha aproximación crítica e racional ás doutrinas da fe.[1] No Hatata, propuxo unha proba da existencia de Deus aplicando a idea de causa primeira, creando unha versión do argumento cosmolóxico.[2] Non obstante, o coñecemento de Deus non depende do intelecto humano, senón da capacidade da alma para producir a imaxe do divino.

Yacob é recoñecido pola súa ética centrada no principio de harmonía. Defendeu que a moralidade dunha acción depende se aumenta ou reduce a harmonía no mundo, unha forma de consecuencialismo. Tamén escribiu contra a discriminación, anticipando en décadas os argumentos do inglés John Locke.[1] No capítulo sexto do Hatata, afirma: "Todos os homes son iguais na presenza de Deus, e todos son intelixentes por ser as súas criaturas; El non creou a algúns para a vida, e outros para a morte, algúns para a misericordia, e outros para o xuízo. A nosa razón amosa que esta clase de discriminación non pode existir".[4] Neste sentido, a racionalidade igualaría a todas as persoas, independentemente da súa condición.[3] No capítulo quinto, critica a escravitude e, ao mesmo tempo, os evanxeos, posto que o que eles afirman sobre este tema "non pode provir de Deus".

Autenticidade do Hatata[editar | editar a fonte]

Tras a redescuberta dos manuscritos do Hatata polo relixioso Giusto d'Urbino, os estudosos Boris Turayev e Enno Littmann elaboraron cadansúa edición crítica do texto, con comentarios relativos ás súas influencias filosóficas no cristianismo, o islam e a tradición intelectual etíope. Ámbolos dous considerárona unha obra xenuína.[2]

No ano 1920, o investigador Carlo Conti Rossini puxo en dúbida a autenticidade do Hatata, que segundo el sería unha falsificación de d'Urbino.[2] A súa argumentación baseábase na idade dos manuscritos, así como o feito de que os dous únicos exemplares conservados foran descubertos polo propio d'Urbino.[2] Porén, Rossini tiña un coñecemento reducido da cultura etíope e da lingua ge'ez, e chegou a negar a posibilidade de que existise filosofía nun país que el consideraba pouco civilizado.[2] No 1934, Eugen Mittwoch sostivo a mesma tese, esta vez apelando á análise filolóxica dos documentos. Debido a estes traballos, o interese académico pola obra reducíuse considerablemente.[2]

Con posterioridade, Amsalu Akilu e Ato Alemyyehu Moges defenderon a autenticidade do Hatata, apelando ao seu contido non relixioso, á estrutura das frases e á particularidade do ge'ez empregado na súa elaboración. No 1976, Claude Sumner continuou esta liña de investigación, empregando análises comparativas, así como novas cartas de d'Urbino atopadas en Roma.[2] Sumner afirmou que o coñecemento do ge'ez de d'Urbino non era tan bo como se pensaba anteriormente, o que excluiría a posibilidade dunha falsificación.[2][5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Yacob and Amo: Africa’s precursors to Locke, Hume and Kant - Aeon Essays". Aeon (en inglés). Consultado o 2023-12-19. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 "In Search of Zera Yacob: Philosophy in Early Modern Ethiopia". intellectualhistory.web.ox.ac.uk (en inglés). Consultado o 2023-12-19. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "What The ‘Hatata’ can Teach us About the Origin of Modernity – Comparative Literature". blogs.kcl.ac.uk. Consultado o 2023-12-19. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 The Treatise of Zera Yacob (PDF) (en inglés). 
  5. Sumner, Claude (1985). Classical Ethiopian Philosophy (en inglés). Comercial Printing Press. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]