Xurelo (barco)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O Xurelo foi un barco pesqueiro que participou nunha protesta en 1981 contra a instalación dun vertedoiro de residuos radioactivos nas costas de Galicia.

O barco[editar | editar a fonte]

Porto de Ribeira.

O Xurelo era un barco palangreiro de 22 metros de eslora con base no porto de Ribeira.

O episodio[editar | editar a fonte]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Segundo denunciara a organización ecoloxista Greenpeace, diversos países europeos (Bélxica, Países Baixos, Alemaña) estaban a aproveitar a Foxa Atlántica, un espazo de grande profundidade situado a unhas 300 millas ao oeste da costa atlántica europea, para depositar residuos radioactivos procedentes das súas centrais nucleares. Eses residuos estarían guindándose ao mar en bidóns de 200 litros de capacidade.

Greenpeace quixo facer unha acción de protesta contra ese feito e, mentres tentaba facer unha expedición co seu buque Sirius, púxose en contacto con xente en Galicia, daquela nucleados ao redor do partido Esquerda Galega. Este deciden organizar eles mesmos unha expedición ao lugar.

A primeira viaxe do Xurelo[editar | editar a fonte]

O 15 de setembro[1] de 1981 o Xurelo sae do porto de Ribeira con destino a unha área entre 250 e 350 millas ao noroeste de Fisterra, fóra das augas xurisdicionais españolas. Viaxan nel 14 persoas entre tripulación (o patrón, Ánxel Vila, de Aguiño, un mariñeiro, o cociñeiro e o operario das máquinas —Amador, Juan e Ciprián—) e manifestantes: os políticos Francisco García Fernández (concelleiro en Vigo), Gonzalo Vázquez Pozo (concelleiro na Coruña), Manuel Méndez Fraguas (concelleiro en Moaña), o xornalista Manuel Rivas, o fotógrafo Xurxo Lobato, Gallego, o fotógrafo Xosé Castro, o xornalista e cantante Xesús Naya, o membro da Sociedade Galega de Historia Natural Enrique Álvarez Escudero[2], e o membro do Colectivo Natureza Roxelio Pérez Moreira[3]. Na Foxa deberían atoparse co Sirius, pero por mor dunha avaría o buque de Greenpeace non pode saír do porto de Plymouth.

O 17 de setembro de 1981 o Xurelo avista dous buques neeerlandeses, o Louise Smits[4] e o Kirsten Smits[5], guindando bidóns pola borda, escoltados por unha fragata da armada dese país. A pesar de que non poden impedir os verquidos, conseguen facer fotografías que son repartidas aos medios de comunicación á súa chegada.

Aportan de novo en Ribeira o 23 de setembro.

A segunda viaxe[editar | editar a fonte]

En outubro de 1982, cando xa se estaba a negociar a prohibición dos verquidos, o Xurelo regresou á Foxa Atlántica acompañado de dous barcos pesqueiros máis, fletados polos concellos de Vigo e da Coruña (o Pleamar e o Arosa I, respectivamente), ademais de polo Sirius de Greenpeace. Os buques contaminantes eran os tamén neerlandeses Rijnborg[6], o Scheldeborg[7], o Marijke Smits[4] e mais o británico Gem[8]. Entre uns e outros dificultaron as actuacións e mesmo chegaron abordar os buques, co que parte das tripulacións foron detidas[9].

Consecuencias[editar | editar a fonte]

En febreiro de 1983 aprobouse unha moratoria de verquidos, que quedaron definitivamente prohibidos en 1993 polo Convenio de Londres. Calcúlase que na Foxa Atlántica están depositadas na actualidade 140.000 toneladas de residuos radioactivos, a 4.000 m de profundidade.

Vida posterior[editar | editar a fonte]

En 1995 o palangreiro tivo que quedar amarrado logo da sinatura dun acordo de pesca entre a Unión Europea e Marrocos que mudaba as condicións legais para faenaren as embarcacións europeas naquelas augas territoriais. O barco mudou os propietarios. O 18 de decembro de 2002 afundiu no peirao de Ribeira; posteriormente conseguiuse traer a superficie e desmontouse.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]