Xordano Catalani

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Xordano Catalani, tamén coñecido como Xordano de Séverac[1] (fl. 1302-1330)[2] foi un explorador de Asia e misioneiro dominico catalán coñecido por escribir as Mirabilia descripta ("Marabillas descritas") onde explica as marabillas de Oriente. Foi o primeiro ibérico que pisou a India, un dos primeiros europeos que foron alí como misioneiros[3] e o primeiro bispo católico do subcontinente indio, nomeado polo papa Xoán XXII.[4]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Misioneiro[editar | editar a fonte]

O freire Xordano, misioneiro en Oriente, foi considerado ao longo dos séculos, consecutivamente, portugués, italiano, catalán e francés. Porén, a bula papal que o nomea bispo menciónao como Iordanus Catalani, o que non deixa dúbidas sobre a súa nacionalidade (era común na época que os monxes –e tamén os bispos baixo o mesmo papado– fosen mencionados polo nome relixioso –de ordenación– e o xentilicio, como por exemplo, outro misioneiro, Hieronymus Catalani ou Xerome de Cataluña, bispo de Cafa).[5] Con todo, un encabezamento probablemente apócrifo dunha copia latina posterior de Mirabilia descripta, agocha a súa condición de "catalanus" e o fai nativo ou oriundo de "Severaco", quizais Severac del Castèl, ao nordeste de Tolosa,[6][7] en Occitania. Xordano xa estivera en Persia algúns ans antes de unirse a un grupo de franciscanos que, cos xenoveses, foron enviados como misioneiros á China en 1320. Despois de partir de Ormuz, rumbo á China os freires arribaron ao porto de Tana (hoxe Thane), situado na illa de Salsete, preto de Bombai, que naquel momento era un dos portos principais da India.[6] Xordano sepárase do resto para ir a visitar a comunidade cristiá de Supara, preto de Bassaim (hoxe Vasai), a poucos quilómetros de Bombai e Tana. Cando descubriu que os franciscanos foran detidos en Thane, marchou a buscalos pero xa era demasiado tarde, xa que foran martirizados entre o 9 e o 11 de abril de 1321.[6]

O 21 de outubro de 1321 manifestou nunha carta o seu desexo de establecerse en Etiopía, pero no canto de iso permaneceu nos territorios onde morreran os seus compañeiros para batear a poboación. En 1324 aínda vivía en Thane, onde confiou os restos dos mártires a Odorico de Pordenone, quen probablemente os enterraría en China. Nesta época describiu as actividades comerciais entre a India e Exipto e suxeriu unha presenza naval do Papa no Océno Índico para debilitar o sultán de Alexandría e facilitar a recuperación de Terra Santa.[6]

Bispo[editar | editar a fonte]

Xoán XXII (1316 - 1334).

Non se sabe nada máis del ata que, en Aviñón, o papa Xoán XXII o nomeou bispo de Columbo (despois Coulão, Quilon e hoxe Kollam), en abril de 1329. O papa deulle información dos nestorianos establecidos en Columbo (denominación no Atlas Catalán de 1375) nunha carta escrita en latín que demostra que o papa tiña un coñecemento detallado da situación na zona. Xordano afirmaba que enviando dous ou tres centenares de misioneiros á India sería fácil converter máis de 10.000 cismáticos.[8] Foi durante estes anos en Aviñón cando escribiu a súa principal obra, as Mirabilia descripta.

Xordano non marchou de Aviñón antes de setembro de 1330, e fíxoo con cartas de recomendación para os gobernantes indios e o emperador de Etiopía, que eran zonas que formaban parte do seu bispado.[6] Xordano coñecía ben os gobernantes etíopes grazas aos mercadores cristiáns, de feito, foi o primeiro en escribir, en 1328, que o Preste Xoán era o emperador de Etiopía.[9] Se ben xa houbera varios contactos a través doutros bispados de Persia e algúns misioneiros latíns xa chegaran alí, confiouse a Xordano a misión concreta de establecer relación directa cos gobernantes etíopes, pero non o fixo xamais.[2] Non se sabe nada do final da súa vida.[6]

Obra[editar | editar a fonte]

Marco Polo, Il Milione, Chapter CXXIII and CXXIV.jpg

Dos seus escrito consérvanse algunhas epístolas do bispo Xordano coma a que debía chegar a Marino Sanuto (1306-1321), quizais a través do bispo Xerome de Cataluña, para que unha frota cristiá chegase aos mares da India. Cartas como esta serviron de borrado para a Paixón dos franciscanos de Tana, un escrito que refundiu Francisco de Pisa. A súa obra máis coñecida, malia que durante a Idade Media tivo unha circulación limitada, é as Mirabilia.[6]

Mirabilia descripta[editar | editar a fonte]

Antes de saír para Malabar como bispo, Xordano ditou ou escribiu as súas Mirabilia descripta, que a partir da evidencia interna só pódese datar dentro do período de 1327 a 1330; neste informe proporcionou a mellor descrición do seu tempo sobre as rexións da India, os produtos, o clima, os costumes, a fauna e flora, etc., que porén non tivo nin preto a difusión que na Idade Media tivo por toda Europa o Libro das Marabillas de Marco Polo, nin sequera a do Itinerarium do freire Odorico de Pordenone, que ademais o ignora completamente por motivos descoñecidos.[10] No que concirne á navegación, os seus escritos permitiron coñecer tecnoloxías que se incorporarían máis tarde en occidente, como a cabinas nos barcos para os comerciantes.[11]

Na súa tripla división da India, a India Maior abrangue desde as Costas de Malabar ata a Cochinchina; mentres que a India Menor se estende desde Sind (ou quizais de Beluchistán) ás Costas de Malabar; e a India Media inclúe unha ampla rexión costeira sen definir ao oeste de Beluchistán, chegando ata Etiopía e os dominios do Preste Xoán.

Refírese á residencia do autor na India Maior e especialmente en Kollam, así como as súas viaxes por Armenia, o noroeste de Persia, a rexión do Lago Van, e Caldea; e subministra excelentes descricións das doutrinas dos parsis, dos costumes funerarios, do culto hindú ao boi, de ídolos e rituais, do sati ou suicidio das viúvas na pira funeraria do marido, así como das froitas da India, as súas aves, os seus animais en xeral e os seus insectos. Finalmente a súa pista pérdese e despois do 8 de abril de 1330 non se teñen máis noticias do bispo Xordano.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Société de géographie (France). Recueil de voyages et de mémoires, 1839, p. 421.
  2. 2,0 2,1 Siegbert Uhlig. Encyclopaedia Aethiopica: D-Ha. Otto Harrassowitz Verlag, 2003, p. 190. ISBN 978-3-447-05238-2.
  3. Ashok Pant. The Truth of Babri Mosque. iUniverse, 29 de agosto de 2012, p. 37. ISBN 978-1-4759-4290-3.
  4. Crespo, Martí. «Jordà de Catalunya, el nostre Marco Polo». Vilaweb, 12 de novembro de 2014 [Consulta: 12 de novembro de 2014].
  5. de Catalunya, Jordà. Meravelles descrites. 1a ed. (en catalán -Tradución, edición e introdución de Jordi Joan Baños). Barcelona: Angle Editorial, 10/11/2014, p. 124. ISBN 978-84-16-13925-5.
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 6,6 John Block Friedman; Kristen Mossler Figg Trade, Travel, and Exploration in the Middle Ages: An Encyclopedia. Routledge, 4 de xullo de 2013, p. 836. ISBN 978-1-135-59101-4.
  7. Joan-Pau Rubiés. Travel and Ethnology in the Renaissance: South India Through European Eyes, 1250-1625. Cambridge University Press, 5 de setembro de 2002, p. 74. ISBN 978-0-521-52613-5.
  8. Wilhelm Baum; Dietmar W. Winkler Apostolic Churches of the East: A Concise History. Routledge, 8 de decembro de 2003, p. 101. ISBN 978-1-134-43019-2.
  9. Graham Hancock. The Sign and the Seal: The Quest for the Lost Ark of the Covenant. Crown Publishing Group, 19 de setembro de 2012, p. 159–. ISBN 978-0-307-82904-7.
  10. Gaillard, Valèria. «"El somni de les Índies va ser primer un somni català"». El Punt Avui, 23 de xaneiro de 2015, pp. 12-13.
  11. Joseph Needham. Science and Civilisation in China: Volume 4, Physics and Physical Technology, Part 3, Civil Engineering and Nautics. Cambridge University Press, 1 abril 1971, p. 830. ISBN 978-0-521-07060-7.