Saltar ao contido

Xanzá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Xanzá amarela»)

Este artigo trata sobre unha planta, para a parroquia véxase o artigo Xanza, Valga.

A xanzá[1] (Gentiana lutea) é unha especie do xénero Gentiana nativa das montañas do centro e sur de Europa, o xénero atópase dentro da familia Gentianaceae. Gentiana lutea é unha das moitas especies da familia. Na Península Ibérica é a especie do xénero máis abundante e sen dúbida a máis aproveitada, sendo relativamente abundante na Cordilleira Cantábrica. En Galicia abunda nas serras do Courel e dos Ancares.

Úsase como planta medicinal e como aromatizante de bebidas.

Variedades galegas

[editar | editar a fonte]

En Galicia existe unha variedade desta especie (Gentiana lutea var. aurantiaca) cunha coloración diferente (flores arroibadas e alaranxadas no canto das amarelas) e outras singularidades como o tamaño dos pétalos e das flores (máis grandes) respecto das que medran no resto da Península e do continente, segundo unha investigación que leva a cabo un equipo científico da Universidade de Santiago[2]. Parece que as diferentes variedades responden a diferentes relación cos insectos polinizadores.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Tamén é coñecida en galego co nome de ou xenciana e xanzá amarela[3] . Tamén existe a variedade dialectal xenzá.

Segundo Plinio o Vello e Dioscórides,[4] o seu nome deriva do de Xentio (Genthius), rei de Iliria no século II a. C., a quen se atribuía o descubrimento do valor curativo da planta. O Banco de Albania recolleu esta tradición: a Gentiana lutea está representada no reverso do billete de 2000 lekë albaneses, emitido en 2008, en cuxo anverso figura o rei Xentio.[5]

Era usada na Idade Media coma un antídoto contra certos velenos.

Descrición e hábitat

[editar | editar a fonte]

É unha planta perenne herbácea, que acada de 1–2 m de altura, con follas lanceoladas anchas a elípticas de 10–30 cm de lonxitude e 4–12 cm de largura. As flores son amarelas (o arroibadas avermellades nas variedades galegas), coa corola separada achegada á base en 5-7 pétalos estreitos. Desenvólvese nos prados e pasteiros alpinos e sub-alpinos coma unha herba máis, normalmente en solos calcarios.

Propiedades e usos

[editar | editar a fonte]

Cómpre salientar as súas propiedades intensamente amargas, residen especialmente na súa raíz e, en menor medida, no resto da planta, converténdoa nun apreciado tónico dixestivo e aperitivo. A raíz é o principal remedio tónico amargo usado coma menciña popular. A xanzá úasase acotío coma compoñente de bebidas tónicas amargas (bitter, vermú, amargo de angostura).

A raíz é antihelmíntica, antiinflamatoria, antiséptico, tónico amargo, colagogo, emenagogo, febrífugo, refrixerante e estomáquico.

A parte máis efectiva é a raíz enxugada. Tómase oralmente nos tratamentos de doenzas de fígado, indixestión, infeccións gástricas e anorexia. Non debe de ser prescrito en pacientes con úlceras duodenal ou gástrica. A raíz pivotante pode ser tan grosa coma o brazo dunha persoa, da que saen varias ramificacións ben desenvolvidas. A raíz tírase a finais do verán ou polo outono, e se seca para un uso posterior.

  1. Nome vulgar galego preferido en Termos esenciais de botánica Universidade de Santiago de Compostela, 2004; Gran dicionario Xerais da lingua galega Vigo, Xerais, 2009
  2. Artigo en La Voz de Galicia - http://www.lavozdegalicia.es/lemos/2011/03/12/0003_201103M12C4991.htm
  3. Nomes vulgares galegos en Termos esenciais de botánica Universidade de Santiago de Compostela, 2004; Gran dicionario Xerais da lingua galega Vigo, Xerais, 2009
  4. Dioscórides: De materia medica III, 3 Arquivado 29 de outubro de 2013 en Wayback Machine. (en grego e latín).
  5. Bank of Albania. Currency: Banknotes in circulation Arquivado 26 de febreiro de 2009 en Wayback Machine.. 2000 Lekë denomination. – Sitio consultado o 12 de febreiro de 2010.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]