Xanthogaleruca luteola

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Xanthogaleruca luteola
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Coleoptera
Suborde: Polyphaga
Infraorde: Cucujiformia
Clado: Phytophaga
Superfamilia: Chrysomeloidea
Familia: Chrysomelidae
Xénero: Xanthogaleruca
Especie: Xanthogaleruca luteola
(Müller, 1766)
Sinonimia
  • Galeruca calmariensis Fabricius[1]
  • Galeruca luteola Mull.[1]
  • Galeruca xanthomelaena Schr.[1]
  • Pyrrhalta luteola Müller[1]

Xanthogaleruca luteola é unha especie de escaravello da familia dos crisomélidos nativo de Europa pero invasivo noutras partes do mundo.[2][3]

Descrición[editar | editar a fonte]

Vista lateral

O imago (escaravello adulto) é de 6–8 mm de longo e de cor de amarelo a verde cunha mancha na cabeza, unha marca con forma de reloxo de area e dous puntos no pronoto e unha banda escura ancha ao longo do bordo dos élitros. As larvas son xeralmente brancas, ocasionalmente negras e amarelas, con múltiples ringleiras de puntos no dorso e nos laterais e de menos de 13 mm de longo. As pupas son laranxas-amarelas con quetas negras. Os ovos son amarelos e póñenos en grupos fusiformes de menos de 25 unidades no envés das follas de olmos.

Distribución[editar | editar a fonte]

Estes escaravellos son comúns na rexión paleártica oeste desde Portugal a Asia central. Son indíxenas de Europa, pero foron introducidos accidentalmente en América do Norte e Australia, e están agora moi estendidos e son pragas graves en Australia[2] e partes de América do Norte.[3]

Galería[editar | editar a fonte]

Ecoloxía[editar | editar a fonte]

X. luteola é unha praga grave do olmo. Tanto os adultos coma as larvas aliméntanse das follas nacentes do olmo. As infestacións fortes repetidas raramente matan a árbore, pero debilítana, facéndoa máis vulnerable a enfermidades. As ramas que caen favorecen a proliferación dos escaravellos da codia dos olmos (Scolytus multistriatus e S. schevyrewi); os escaravellos son vectores da enfermidade holandesa do olmo ou grafiose, orixinada por fungos.[4]

Os X. luteola están activos en primavera cando as temperaturas soben aos 11ª C. De feito, o tempo é un dos factores limitantes máis importantes no crecemento das poboacións desta especie. Unha xeada de finais de primavera ou un longo inverno poden exterminar colonias enteiras.[4] Os imagos saen dos seus sitios de hibernación (a miúdo casas) e as femias poñen os ovos no envés das follas dos olmos. Os ovos fan eclosión pasada unha semana e as larvas aliméntanse inmediatamente no envés das follas. Este estadio larvario dura entre dous e tres semanas, ao final das cales as larvas migran á parte inferior das árbores buscando gretas na codia nas cales pupar. A seguinte xeración sae a metade do verán despois de dúas ou tres semanas de pupación, e empeza a alimentarse das follas. As femias poden poñer uns 800 ovos, pero esta oviposición pode ser interrompida por un acurtamento do fotoperíodo a menos de 14 horas, inducindo un breve período de alimentación antes de que empecen a buscar un sitio para hibernar.[5][6]

Os hóspedes son olmos como Ulmus minor 'Atinia', Ulmus glabra, Ulmus americana, Ulmus pumila e Ulmus parvifolia, así como híbridos complexos como o 'Homestead'.[5] Tamén se informou da súa presenza en Zelkova serrata.[6]

Cando X. luteola pon os ovos, U. minor libera un composto volátil vexetal que atrae a avespa parasitoide de ovos Oomyzus gallerucae. U. minor pode distinguir entre as secrecións do oviduto (pequenas moléculas proteináceas) e os danos que ocorren no curso natural da oviposición, liberando en consecuencia diferentes volátiles despois da detección dos compostos do oviduto. En canto a O. gallerucae, esta pode distinguir entre tres conxuntos diferentes de volátiles e só é atraída polos da oviposición. As femias grávidas de X. luteola tamén responden, pero inversamente: son atraídas polos volátiles que indican materrial do Ulmus non danado e/ou non ovipositado. Os estudos de expresión xénica nas plantas indicaron que interveñen un gran número de xenes no proceso de resposta á oviposición.[7] (Ver Interaccións tritróficas na defensa das plantas.)

Durante a alimentación das femias grávidas nas follas de olmo, a planta libera ácido xasmónico.[7]

Síntomas[editar | editar a fonte]

O primeiro e máis aparente síntoma de infestación é a esqueletización das follas causada pola alimentación das larvas do escaravello. Deixan intactos os bordos externos e os nervios das follas, o que lle acaba dando ás follas unha aparencia reticular. As áreas arredor do sitio de alimentación van secando e morrendo, causando a caída prematura da folla. Os adultos, por outra parte, mastigan a folla creando buracos pequenos de forma irregular nas follas que están crecendo. As árbores que perden as follas adoitan desenvolver un segundo conxunto de follas, que serán tamén comidas cando se produza a seguinte xeración de escaravellos.[8]

Controis[editar | editar a fonte]

En América do Norte teñen poucos inimigos naturais, pero en Europa, as larvas son a miúdo fortemente depredadas pola avespa calcidoide Oomyzus gallerucae.[9][7] A aplicación de insecticidas é pouco útil porque no momento en que a infestación é aparente xa é demasiado tarde para que o insecticida sexa efectivo. Porén, os troncos de árbores tratados con insecticidas poden limitar a repetición da infestación no seguinte ano ao matar as larvas cando descenden antes da hibernación. A inxección do solo[5] presenta unha alternativa non invasiva ás inxeccións no tronco cun efecto de dous anos sobre a poboación de X. luteola.

Como os escaravellos infestan as casas para pasaren o inverno se están preto dunha zona con árbores infestadas, suxeriuse que se selen todas as posibles fírgoas e gretas nas casas por onde poidan entrar. Desaconséllase o uso de insecticidas a non ser que se formen colonias realmente grandes.[10]

En Australia case todos os compostos químicos comercializados actualemnte para tratar as pragas deste escaravello, independentemente da marca ou do método de aplicación, son insecticidas neonicotinoides. Este é o tipo de composto que foi sometido en 2016 unha prohibición de dous anos pola Comisión Europea e a unha prohibición no seu uso en exteriores en 2018, debido á súa asociación entre o seu uso e o impacto nas poboacións de abellas.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Xanthogaleruca luteola". ecoport.org. Consultado o 20 de maio de 2012. 
  2. 2,0 2,1 "Pyrrhalta luteola (elm leaf beetle)". Invasive Species Compendium. Centre for Agriculture and Biosciences International. 
  3. 3,0 3,1 http://cisr.ucr.edu/elm_leaf_beetle.html - Center for Invasive Species Research
  4. 4,0 4,1 "Elm Leaf Beetle Management". Statewide Integrated Pest Management Program. 2014. 
  5. 5,0 5,1 5,2 "Elm Leaf Beetle Management | Treatment for leaf damage". 
  6. 6,0 6,1 Sinclair et al. 1987
  7. 7,0 7,1 7,2 Hilker, Monika; Fatouros, Nina E. (2015-01-07). "Plant Responses to Insect Egg Deposition". Annual Review of Entomology (Annual Reviews) 60 (1): 493–515. ISSN 0066-4170. PMID 25341089. doi:10.1146/annurev-ento-010814-020620. 
  8. "Elm leaf beetle". The Morton Arboretum. Arquivado dende o orixinal o 05 de setembro de 2015. Consultado o 01 de febreiro de 2023. 
  9. Meiners, T, and Hilker, M. (1997). Host location in Oomyzus gallerucae (Hymenoptera: Eulophidae), an egg parasitoid of the elm leaf beetle Xanthogalereuca luteola (Coleoptera: Chrysomelidae). Oecologia, Vol. 112, No. 1 / Sept. 1997, pp 87-93. Springer Berlin / Heidelberg. ISSN 0029-8549 (print), 1432-1939 (online)
  10. "Elf leaf beetles". Colorado State University. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 01 de febreiro de 2023. 
  11. c&en European Union high court nixes neonicotinoid exemptions

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]