Olmo mediterráneo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Ulmus minor")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Olmo mediterráneo
Illustration Ulmus carpinifolia0.jpg
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Hamamelidae
Orde: Urticales
Familia: Ulmaceae
Xénero: Ulmus
Especie: U. minor
Nome binomial
Ulmus minor
Mill.
Ulmus minor

O olmo mediterráneo[1], tamén coñecido como ulmeiro mediterráneo[1] e umeiro[2], (Ulmus minor) é unha árbore caducifolia da familia das Ulmaceae. Abunda preto dos ríos, sendo un olmo pouco común en Galiza; onde aparece máis frecuentemente o olmo de montaña (Ulmus glabra).

Descrición[editar | editar a fonte]

Árbore de porte elevado e robusta, que pode acadar unha altura de até 40 m. O seu toro é groso, algo torto e oco nos exemplares vellos, especialmente os sometidos a podas e demoucas; casca pardo cinsenta ou pardo escura, moi áspera e rachada. Copa ampla, de follaxe densa, arredondada, que proxecta unha sombra intensa. Poliñas delgadas, sen vilosidade, coa casca lisa, de cor parda, en ocasións con cortiza. Follas simples, alternas, ovadas, rematadas en punta, co bordo simplemente ou dobremente serrado, arredondadas ou en forma de corazón, con asimetría basal por mor a que a inserción superior do limbo no pecíolo ten lugar a unha distancia menor da inserción co ramillo. Flores precoces, agrupadas en inflorescencias de até 30 flores, de xeito que o froito madura e se disemina antes de que as follas estean completamente formadas. Os froitos teñen forma de sámara aplastada cunha á orbicular que arrodea completamente a semente, e están agrupados. Inicialmente son de cor verde clara, frecuentemente tinxidos de vermello, especialmente nas proximidades da semente, tornándose pardo-amarelentos antes de caer; teñen unha lonxitude de entre 7 e 9 mm.

Florea a finais de inverno, por febreiro ou marzo; os froitos disemínanse en abril.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Medra en solos frescos e fondos, principalmente en fragas e beiras dos ríos onde se asocia con frecuencia con salgueiros, amieiros, chopos e freixos. Prefire os climas temperados, de aí que non ascendan moito por riba dos 1000 msnm.

Distribución[editar | editar a fonte]

Árbore illada.

En gran parte de Europa, norte de África e Asia occidental; cultivado dende tempos remotos, foi espallado polos romanos polo que o seu límite real é difícil de precisar. Atopámolo cultivado ou espontáneo pola meirande parte da Península Ibérica, especialmente nas rexións de clima mediterráneo.

Follas de U. minor
A folla ten asimetría basal moi evidente
Os froitos aparecen na primavera
Ramallo de Ulmus minor var. "suberosa"
Casca de Ulmus minor var. "suberosa"

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

En lingua galega o termo olmo ou ulmeiro, deriva do latín Ulmus que foi aceptado finalmente por Linneaus como epíteto científico para o xénero. A designación mediterránea vén de que é o olmo que aparece en climas máis quentes, a diferenza do olmo de montaña, que aparece en Galiza.

Usos[editar | editar a fonte]

A madeira do olmo mediterráneo ten a cerna marrón clara ou parda avermellada, cos aneis de crecemento moi marcados e textura algo grosa; é doada de traballar, difícil de fender e moi resistente á podremia se se mantén húmida, polo que se emprega en construcións navais, trabes de mina, e antigamente era a favorita para facer conducións de auga.

O olmo mediterráneo é ademais unha árbore ornamental, unha das mellores árbores de sombra que atura ben a poda e con variedades de xardinaxe com forma de parasol.

Cultivo e coidados[editar | editar a fonte]

Doada de transplantar e de reproducir, xa que a semente xermola sen problema se se sementa en alcouve, e tamén polos rebentos e fillos que botan as raíces.

Ten o inconveniente de sufrir con frecuencia unha enfermidade, a grafiose, que é producida por un fungo da familia das ofiostomatáceas (o Ceratocystis ulmi), que atora os vasos e fai que as follas sequen; esta peste eliminou practicamente todos os exemplares autóctonos da Península Ibérica e gran parte de Europa, por mor disto introducíronse variedades exóticas máis resistentes á doenza.

Subespecies e variedades[editar | editar a fonte]

Nome común[editar | editar a fonte]

Olmo, olmeiro, olma, negrillo, lameira, güelmo, chopro, chopo, choplo e álamo[4].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 VV. AA. (2012): Vocabulario forestal, pax. 149. Universidade de Santiago de Compostela/Deputación de Lugo. ISBN 978-84-9887-920-9
  2. E. Losada, J. Castro e E. Niño, (1992): Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia. Non obstante no departamento de botánica da Universidade de Santiago de Compostela (Termos esenciais de botánica. Universidade de Santiago de Compostela, 2004) dise que, en toda a documentación técnica manexada, esta denominación é unha forma dialectal (propia do galego de Asturias) de se referir ao amieiro: Alnus glutinosa.
  3. Nome vulgar en galego a partir do castelán
  4. "Olmo, umeiro (Olmus minor Miller)". Atlas Lingüístico Galego. Consultado o 17 de setembro de 2016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]