Saltar ao contido

William H. Brett

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaWilliam H. Brett

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento31 de decembro de 1893 Editar o valor en Wikidata
Cleveland Editar o valor en Wikidata
Morte10 de abril de 1989 Editar o valor en Wikidata (95 anos)
Palm Desert Editar o valor en Wikidata
Causa da mortecancro de páncreas Editar o valor en Wikidata
EducaciónDartmouth College.
Tuck School of Business Administration.
Actividade
OcupaciónEmpresario e director da US Mint.
Familia
PaiWilliam Howard Brett Editar o valor en Wikidata

William Howard Brett, nado en Cleveland, Ohio, o 31 de decembro de 1893 e finado en Palm Desert, California, o 10 de abril de 1989, foi un home de negocios estadounidense, director da Casa da Moeda dos Estados Unidos desde 1954 a 1961.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación

[editar | editar a fonte]

William H. Brett era fillo de Alice L. Allen e do bibliotecario público de Cleveland William Howard Brett.[1] A súa primeira educación recibiuna en escolas públicas de Ohio.[2]

Posteriormente cursou estudos superiores no Dartmouth College, unha institución universitaria privada de Hanover, Nova Hampshire,[3] e completounos cun último curso na Tuck School of Business Administration, na que se graduou en 1916.[2][4]

Durante a primeira guerra mundial serviu no exército estadounidense co rango de primeiro tenente, entre 1917 e 1918,[3] no campo de adestramento de Fort Myer, en Virxinia.[2]

Home de negocios

[editar | editar a fonte]

Finalizada a contenda, Brett regresou a Ohio, onde transcorreu a súa traxectoria profesional, como enxeñeiro e como home de negocios, vinculado a varias empresas.[3] Foi un dos socios da compañía Perfection Spring; en 1919 ingresou como enxeñeiro industrial na compañía Scovell, Wellington & Co., ata que en 1921 foi nomeado vicepresidente e director de Enamel Products, e en 1943 ocupou os mesmos postos en Aliance Ware.[2][4]

Director da US Mint

[editar | editar a fonte]

En 1954, o presidente Dwight D. Eisenhower nomeouno director da Casa da Moeda dos Estados Unidos (US Mint), cargo que ocupou entre xullo dese ano e xaneiro de 1961.[2][3][5] Durante a súa dirección levouse a cabo a reorganización da institución para reducir custos e mellorar a súa eficiencia operativa: modernizáronse os equipamentos e ampliáronse as instalacións da Ceca de Filadelfia, e cesou a actividade noutros centros, como a Ceca de San Francisco e a oficina de ensaios de Seattle.[2]

Logo do seu retiro como director da ceca pública exerceu como asesor financeiro e residiu en Washington.[3]

Vida familiar

[editar | editar a fonte]

William H. Brett casou en 1917 con Catherine Ruth Connelly —finada en 1975—, con quen tivo un fillo e unha filla. En segundas nupcias casou con Mary Lynn Marburg.[3][4]

Brett finou por causa do cancro de páncreas que padecía na súa casa de Palm Desert, California, o 10 de abril de 1989, aos 95 anos.[3]

  1. "Brett, William Howard". Encyclopedia of Cleveland History. Case Western Reserve University.
  2. 1 2 3 4 5 6 Failor, K. M.; Hayden, E. (1972). Páxinas 164-165.
  3. 1 2 3 4 5 6 7 "William H. Brett, 95, Former Mint Director". The New York Times. 13 de abril de 1989.
  4. 1 2 3 Smith, P. (2012). Páxina 52.
  5. "Former Directors of the United States Mint". United States Mint.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]
Predecesor:
Nellie Tayloe Ross

Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos

1954-1961
Sucesor:
Eva Adams