Venecia Xulia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Para a rexión política e administrativa italiana, véxase Friúl-Venecia Xulia.
Modelo:Xeografía políticaVenecia Xulia
Imaxe

Nomeado en referencia aRegio X Venetia et Histria (en) Traducir e Alpes Xulianos Editar o valor em Wikidata
Localización
lang=gl Editar o valor em Wikidata Mapa
 45°38′10″N 13°48′15″L / 45.6361, 13.8042Coordenadas: 45°38′10″N 13°48′15″L / 45.6361, 13.8042
Estado desaparecidoReino de Italia Editar o valor em Wikidata
CapitalTrieste Editar o valor em Wikidata
Poboación
Lingua usadaLingua véneta
Lingua istriota
Istrian dialect (en) Traducir
lingua croata Editar o valor em Wikidata
Datos históricos
Disolución10 de febreiro de 1947 Editar o valor em Wikidata
Sucedido porFriuli-Venezia Giulia Editar o valor em Wikidata

Venecia Xulia (Venezia Giulia en italiano, Venesia Jułia en véneto, Vignesie Julie en friulano, Julisch Venetien en alemán, Julijska Krajina en esloveno e croata), é unha rexión xeográfica comprendida entre os Alpes Xulianos e o mar Adriático, desde o golfo de Trieste á punta Promontore (extremo meridional de Istria), ao golfo de Fiume e ás illas do Quarnaro. A rexión fomou parte, como unha provincia, do reino de Italia desde 1923 até 1947. Tiña unha superficie de 8 953,38 km², e unha poboación (censo de 1936) de 977 257 habitantes.[1]

Nesta antiga rexión política do sueste de Europa hoxe están as fronteiras entre Croacia, Eslovenia e Italia.[2] Os seus límites non están historicamente ben definidos. Aos seus habitantes chámaselles "xulianos" (giuliani en italiano). O nome italiano da rexión, "Venezia Giulia", ou "Venetia Iulia", foi inventado en 1863 polo lingüista italiano Graziadio Isaia Ascoli, de Gorizia, que buscaba reunir baixo un nome a todos os territorios do imperio Austríaco no Adriático superior, reclamado polos nacionalistas italianos.[3]

A Venecia Xulia foi adxudicada a Italia en 1918, despois da primeira guerra mundial e, na súa maior parte, foi anexionada, ao final da segunda guerra mundial, a Iugoslavia, á que se lle cederon 7 625 km².

Desde 1947, a "marca Xuliana" ou Venecia Xulia non constitúe unha rexión administrativa separada. A parte da Venecia Xulia que pertence a Italia despois do tratado de paz de París de 1947 e do Memorandum de Londres de 1954 (sobre o Territorio Libre de Trieste), costitúe, co Friúl, a rexión autónoma de Friuli-Venecia Xulia (en esloveno, Furlanija-Julijska krajina) que literalmente significa "Friúl e Venecia Xulia".

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O Litoral austríaco en 1897.

Graziadio Isaia Ascoli consideraba o territorio da provincia romana de Italia de Venetia et Histria ("Venecia e Istria") como unha unidade xeográfica-cultural, subdividida en tres partes:

  • Venecia Euganea (Venezia Euganea), que comprende a actual rexión do Véneto en Italia e a maior parte da rexión tradicional do Friúl (que comprende aproximadamente as actuais provincias italianas de Udine e Pordenone);
  • Venecia Tridentina (Venezia Tridentina), que comprende a actual rexión italiana de Trentino-Tirol do Sur (Trentino-Alto Adige);
  • Venecia Xulia (Venezia Giulia), que se corresponde máis ou menos coas actuais provincias italianas de Gorizia e Trieste, o Litoral esloveno e o condado de Istria (Istarska županija) en Croacia.

O nome de "marca xuliana" vén dos Alpes Xulianos que, desta maneira, formarían a fronteira nordeste natural de Italia. O termo foi cuñado para referirse á rexión limitada polo río Isonzo (Soča) e o golfo de Trieste no oeste, os Alpes Xulianos no norte e nordeste, e Carniola e Liburnia ao leste, incluíndo deste xeito a toda a meseta do Carso e a maior parte da península de Istria.

Despois de 1866, cando o Véneto e a maior parte do Friúl quedaron unificados co Reino de Italia, o termo de Ascoli "marca xuliana" empezou a asumir unha connotación política. Moitos irredentistas italianos comezaron a usalo como un nome alternativo para a rexión do Litoral austríaco pertencente ao Imperio Austro-Húngaro; desta maneira subliñaban a súa suposta afinidade xeográfica e cultural coas outras dúas "Venecias".

Historia[editar | editar a fonte]

Desde 1918 até 1945[editar | editar a fonte]

Despois da primeira guerra mundial, os tratados de Saint-Germain e Rapallo, grandes porcións do disolvido Imperio Austro-Húngaro foron anexionadas ao Reino de Italia.

Na rexión adriática oriental, que incluía todo o Litoral austríaco (Trieste, Istria e o condado de Gorizia e Gradisca), excepto a illa de Krk e o municipio de Kastav, que foron entregados ao novo Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos, algúns distritos occidentais do ducado de Carniola (Idrija, Ajdovščina, Vipava, Postojna, Pivka e Ilirska Bistrica) e o Val de Canale do ducado de Carintia (cos actuais municipios de Tarvisio, Pontebba e Malborghetto Valbruna). Rijeka converteuse nunha cidade estado, chamada Estado libre de Fiume, pero foi suprimida en 1924 e dividida entre Italia o Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos (agor, xa denominado Iugoslavia). Para todos estes territorios adoptouse oficialmente o nome de Venecia Xulia.

Creáronse as novas provincias de Gorizia (que se fusionou coa provincia de Udine entre 1924 e 1927), Trieste, Pula e Rijeka (despois de 1924). Os italianos vivían principalmente nas zonas urbanas e ao longo da costa, mentres que os eslavos, que formaban a maioría da poboación, habitaban o interior.

Cambios de fronteiras na Venecia Xulia entre 1918 e 1954.

A persecución fascista, caracterizada como "centralizadora, opresora e dedicada á italianización forzosa das minorías",[4] provocou a emigración de cerca de cen mil eslovenos e croatas desde a Venecia Xulia, principalmente ao Reino de Iugoslavia (ao redor de 70 000), pero tamén a Arxentina (ao redor de 30 000).

Por outro lado, varios miles de dálmatas italianos trasladáronse desde Iugoslavia a Italia despois de 1918, moitos deles a Istria e Trieste.

A política de italianización violenta causou a creación da organización antifascista militante (TIGR),[5] que combateu pola anexión da rexión a Iugoslavia.

Durante a segunda guerra mundial, os partisanos iugoslavos liderados pos Josip Broz Tito penetraron na rexión, e en 1945 a maior parte do territorio foi liberado polas tropas aliadas e os partisanos iugoslavos.

A rexión disputada (1945-1954)[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Territorio Libre de Trieste.
A división da Venecia Xulia entre xuño de 1945 e setembro de 1947, coa Liña Morgan en vermello.

Entre 1945 e 1947 a Venecia Xulia foi unha rexión disputada entre a República italiana e a República Federal Socialista de Iugoslavia. Naquela época adoptouse en inglés o termo Julian March (Marca Xuliana) como o nome oficial para o conxunto dos territorios en disputa. O termo é unha tradución do esloveno e croata Julijska krajina, unha palabra cuñada nos anos vinte como un nome alternativo en lugar do italiano Venezia Giulia, e adoptado polos aliados occidentais como o nome máis neutral desde o punto de vista político para a rexión.

En xuño de 1945 trazouse a chamada Liña Morgan, dividindo a rexión en dúas zonas administradas politicamente. A Zona B, gran parte da Venecia Xulia, quedou baixo administración iugoslava, excluíndo as cidades de Pula, Gorizia, Trieste, o val do Isonzo (Soča) e a maior parte da meseta de Carso, que estaban baixo administración conxunta británico-norteamericana (Zona A). Durante este período, moitos italianos abandonaron a zona baixo control iugoslavo, un fenómeno coñecido como o éxodo istriano-dálmata.

En 1946 o presidente estadounidense Harry S. Truman ordenou o aumento das tropas estadounidenses dentro da súa zona de ocupación (Zona A) e o reforzo de tropas aéreas no norte de Italia, despois de que forzas iugoslavas derribaran dous avións de transporte do exército estadounidense que voaban sobre Venecia Xulia.

En 1947, de catro solucións propostas,[6] alcanzouse un acordo sobre a fronteira no Tratado de París. Iugoslavia adquiriu toda a porción setentrional da rexión ao leste de Gorizia, así como a maior parte de Istria e a cidade de Rijeka. Creose un Territorio Libre de Trieste, dividido en dúas zonas, unha baixo control aliado e outra baixo control iugoslavo. As tensións, porén, continuaron e, en 1954, o Territorio foi abolido e dividido entre Italia (que obtivo a cidade de Trieste e os seus arredores) e Iugoslavia.

Despois de 1954[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Tratado de Osimo.

Despois das divisións de 1947 e 1954, o termo Julian March sobreviviu no nome da rexión italiana de Friuli-Venecia Xulia. Esta é porén só unha designación formal, posto que non hai fronteiras oficiais entre Friúl e Venecia Xulia dentro da rexión.

Na parte que pasou a Iugoslavia, o nome de "marca Xuliana" caeu en desuso. En Eslovenia, refírense á rexión como Litoral esloveno, que é unha denominación común para as dúas rexións tradicionais de Goriška e a Istria eslovena. O nome de Litoral esloveno ás veces esténdese para comprender os territorios de fala eslovena nas provincias italianas de Gorizia e Trieste. En Croacia, só se usa o nome tradicional de Istria (Istra).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Poboación residente. Os datos (coa cidade de Zara incluída) son de: VV.AA. (1938): Calendario Atlante De Agostini 1939 (páx. 57), Novara: Istituto Geografico De Agostini, 1938.
  2. The New Europe por Bernard Newman, pp. 307-309.
  3. Contemporary History on Trial: Europe Since 1989 and the Role of the Expert Historian por Harriet Jones, Kjell Ostberg & Nico Randeraad. ISBN 0-7190-7417-7, p. 155.
  4. The Problem of Trieste and the Italo-Yugoslav Border por Glenda Sluga, p. 47.
  5. The Problem of Trieste and the Italo-Yugoslav Border por Glenda Sluga, p. 50.
  6. The Italo-Yugoslav Border Issue: Four Solutions And The Urgent Need For Just One[Ligazón morta]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Cattaruzza, Marina (2007): L'Italia e il confine orientale. Bologna: Società editrice Il Mulino. ISBN 978-88-1512-166-0.
  • Cresciani, Gianfranco (2004): "Clash of civilisations", Italian Historical Society Journal, Vol. 12, Nº2, p. 4.
  • Pupo, Raoul (2005): Il lungo esodo. Istria: le persecuzioni, le foibe, l'esilio. Milán: Rizzoli. ISBN 88-1700-562-2.
  • Wörsdörfer, Rolf (2004): Krisenherd Adria 1915-1955: Konstruktion und Artikulation des Nationalen im italienisch-jugoslawischen Grenzraum. Paderborn, Nordrhein-Westfalen (RFA): F. Schöningh. ISBN 3-5067-0144-4.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]