Varanda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este artigo trata sobre a armazón de protección, para o arame ou similar que se utiliza para secar a roupa véxase Tendal.
Varanda de pedra labrada (balaustrada) na solaina dunha casa grande en Rianxo.
Varanda metálica no balcón da Casa das Cunchas en Cambados.

Unha varanda é unha armazón de balaústres, barras ou elementos semellantes que a xeito de protección se coloca en balcóns, solainas, corredores, escaleiras etc.[1] Cando o parapeto de protección é sólido (pedra ou formigón) adoita recibir o nome de peitoril ou antepeito.

A varanda segue o perímetro da estrutura cunha altura constante permitindo apoiarse grazas ao seu traveseiro superior chamado de pasamáns. Na súa forma actual, as varandas constitúen unha evolución das solucións típicas aplicadas a edificios populares de inicios do século XIX.

A varanda constitúe un elemento de feche ou separación de estrutura lixeira que pola súa configuración permite o paso da luz non impedindo así as vistas. Na Arquitectura popular de Galicia son comúns as varandas de madeira nas escaleiras interiores e nas escaleiras exteriores que soben aos patíns e corredores, tamén de pedra traballada nas solainas (balaustradas); e de pedra ou metal nos balcóns. As pontes e pontellas tradicionais galegas adoitaban ter peitorís de pedra máis ca varandas de madeira ou ferro.

Varandas ou antepeitos de protección nas beiravías da Ponte de Rande.

Por extensión tamén recibe o nome de varanda (antepeito ou peitoril) o elemento de protección ou parapeto que se coloca nun lugar perigoso, normalmente por estar na beira dun desnivel, formando unha barreira que ofrece unha seguranza tanto ou máis psicolóxica como real, especialmente nas estradas.

Tipos de varandas[editar | editar a fonte]

  • Varanda para escaleiras.
  • Varanda de andar: permite asegurar un balcón, corredor, solaina ou terraza.
  • Varandas para cubertas non accesíbeis ao público: permite asegurar as cubertas durante as operacións de mantemento ou de limpeza.

Aplícanse diferentes regras para a construción dunha varanda dependendo de onde vai estar instalada. A balaustrada pode ser de metal, madeira, pétrea, de formigón armado etc.

Tipos de fixación[editar | editar a fonte]

Os balaústres son xeralmente fixados aos elementos resistentes horizontais superior (traveseiro pasamáns) e inferior (chan ou traveseiro inferior), e dispóñense con:

  • Ancoraxe á base do balcón (Fixación sobre platina) e o seu perímetro para impedir a filtración de auga a través do pavimento.
  • Ancoraxe ao intradorso do balcón (Fixación sobre o lado). Máis fiábel en canto a que o punto de fixación non está exposto á choiva.
  • Contrapeso, a varanda non está fixada mais fica sobre dunha cuberta con contrapeso.

Varandas con formas especiais[editar | editar a fonte]

Segundo a posición que ocupan, as varandas poden asumir configuracións particulares.

  • Os balaústres están formados ás veces por elementos continuos en toda a altura do edificio asumindo a miúdo funcións decorativas. Para protexelos, cómpre termos en conta a dilatación que poden sufrir por mor das variacións de temperatura.
  • Se os balcóns non sobresaen da fachada, a varanda pode comprender un traveseiro superior (con función de pasamáns) e un inferior, fechados con elementos do mesmo estilo.
  • Tamén se poden atopar parapetos mixtos, realizados tanto con vans coma con zonas recheas ou elementos de vidro.

Normas[editar | editar a fonte]

A resistencia da varanda varía en función de onde estará colocada:

  • Estadio: 1700 N/ml.
  • Edificio con acceso ao público: 1000 N/ml.
  • Particular
    • 400 N/ml se é máis de 3,25 metros de longo.
    • 1300 N/ml se é menos de 3,25 metros de longo.
  • Cubertas non accesíbeis ao público e instalacións industriais: 300 N/ml.

Regras xerais para as instalacións industriais e as cubertas non accesíbeis ao público[editar | editar a fonte]

O caso das instalacións industriais e das cubertas non accesíbeis ao público son iguais. A norma aplicábel é a EN ISO 14122-3. A altura mínima de protección dende o chan da cuberta é de 1100 mm cun rodapé de 100mm embaixo da varanda.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Definición en Portal das Palabras da RAG". Arquivado dende o orixinal o 21 de outubro de 2014. Consultado o 21 de outubro de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]