Cartel da CDU: "Faite tamén membro da CDU: A Unión Demócrata Cristiá é o partido pola lei, o desenvolvemento e a cooperación fraternal de todas as forzas sociais na política"
A CDU estaba composta principalmente por cristiáns de clase media, que apoiaron oficialmente o socialismo despois do VI Congreso, celebrado en outubro de 1952. O Congreso aprobou a liña do realismo cristián e declarou á CDU como partido socialista, sen limitacións, en palabras do seu presidente Otto Nuschke.
Nas 22 Teses sobre o realismo cristián o CDU aspiraba a participar na "reorganización socialista da sociedade" (1951). Salientaba a "realización exemplar" do ensino de Karl Marx para "construír unha orde social nova e mellor na RDA", declaraba que o socialismo ofrecía a mellor oportunidade para a realización das demandas de Cristo e para exercitar a cristiandade práctica. O programa tamén defendía o apoio dos democristiáns ao papel dirixente da clase traballadora no establecemento do socialismo, un desenvolvemento que o CDU consideraba desde o seu 6º Congreso como "historicamente necesario e consistente".
Dos aproximadamente 200.000 militantes que había en 1947, tres anos despois unha cuarta parte deles foran expulsados, excluídos ou fuxiran cara á Alemaña occidental.[3] Alcanzouse o clímax do éxodo en marzo de 1953, cando 691 membros do CDU fuxiron a Occidente. A pesar disto, a maior parte dos líderes, militantes e seguidores do partido mantivéronse nun gran número.[4] Para os anos 80 o CDU tiña entre as súas filas a 140.000 militantes.[1]
Imaxe do XV Congreso da CDU, celebrado en Dresde en 1982.
A CDU opúxose en máis dunha ocasión ao SED en relación coas propostas de goberno na Cámara Popular. Unha das desavinzas máis salientábeis tivo lugar na sesión do 9 de marzo de1972, cando 14 deputados da CDU votaron en contra e 8 se abstiveron na votación da lei do aborto. O ano seguinte á reunificación o 75% da poboación do Leste estaba a favor da lei oriental de interrupción libre nos tres primeiros meses, polo 55% dos occidentais, e paulatinamente as voces na CDU unificada foron máis proclives a aceptar esa lei tal como se aprobou na RDA.[5]
Na década de 1950 o líder da CDU era Otto Nuschke, un antigo líder do Partido Democrático Alemán durante a República de Weimar, un estreito aliado dos comunistas. Despois da morte de Nuschke, August Bach sucedeuno durante un breve período, até que en 1966 Gerald Götting foi elixido presidente. Anteriormente xa fora secretario xeral. O propio Götting foi elixido presidente do Parlamento durante a década de 1970. Götting permaneceu como presidente e aliado do goberno de Erich Honecker ata que este último foi substituído por Egon Krenz en outubro de 1989. O 2 de novembro de1989 Götting foi destituído polos reformistas en favor da reunificación. En decembro foi substituído por Lothar de Maizière, avogado e vicepresidente do Sínodo da Igrexa Evanxélica na RDA. Nese momento a CDU destituíu aos seus principais dirixentes e renunciou ao comunismo.
O 18 de marzo de 1990 o CDU e os seus aliados gañaron as eleccións á Cámara do Pobo, cun 40,8% dos votos, sendo elixido Lothar de Maizière como Primeiro Ministro da RDA. Á vez que a reunificación alemá, o CDU integrouse no CDU occidental en outubro dese mesmo ano.[6] Procedente de Espertar Democrático, un pequeno partido xurdido das protestas de 1989, unha moza Angela Merkel militou durante uns meses no CDU e foi a portavoz adxunta do primeiro goberno democrático da RDA dirixido polo tamén democratacristiano Lothar de Maizière.[7][8]