Unión Demócrata Cristiá (RDA)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unión Democrática Cristiá de Alemaña
Historia
Fundación26 de xuño de 1945
Disoluciónoutubro de 1990
Posicións políticas
Ideoloxía1945-1952; 1989-1990:
Democracia cristiá
Conservadorismo
1952-1989:
Socialismo cristián
Socialismo
Posición políticaCentro político (1945-1952; 1989-1990)
Esquerda (1952-1989)
Outros datos
SedeBerlín
1 Fusión coa Unión Democrática Cristiá (CDU) da RFA, despois da reunificación alemá.

A Unión Demócrata Cristiá de Alemaña (en alemán: Christlich-Demokratische Union Deutschlands; CDU) foi un partido político alemán oriental fundado o 26 de xuño de 1945. Formou parte da Fronte Nacional xunto ao Partido Socialista Unificado de Alemaña (SED) até 1989. Nos anos 1980 chegou a ter entre as súas filas máis de 140.000 militantes.[1]

Despois da caída do muro de Berlín, nas eleccións do 18 de marzo de 1990 acudiu xunto ao CDU occidental e tras a Reunificación alemá en outubro dese ano, ambos os partidos acabaron uníndose.

O xornal oficial do partido era Neue Zeit (en galego: Novo Tempo), publicado por Union Verlag.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

Cartel da CDU: "Faite tamén membro da CDU: A Unión Demócrata Cristiá é o partido pola lei, o desenvolvemento e a cooperación fraternal de todas as forzas sociais na política"

A CDU estaba composta principalmente por cristiáns de clase media, que apoiaron oficialmente o socialismo despois do VI Congreso, celebrado en outubro de 1952. O Congreso aprobou a liña do realismo cristián e declarou á CDU como partido socialista, sen limitacións, en palabras do seu presidente Otto Nuschke.

Nas 22 Teses sobre o realismo cristián o CDU aspiraba a participar na "reorganización socialista da sociedade" (1951). Salientaba a "realización exemplar" do ensino de Karl Marx para "construír unha orde social nova e mellor na RDA", declaraba que o socialismo ofrecía a mellor oportunidade para a realización das demandas de Cristo e para exercitar a cristiandade práctica. O programa tamén defendía o apoio dos democristiáns ao papel dirixente da clase traballadora no establecemento do socialismo, un desenvolvemento que o CDU consideraba desde o seu 6º Congreso como "historicamente necesario e consistente".

Dos aproximadamente 200.000 militantes que había en 1947, tres anos despois unha cuarta parte deles foran expulsados, excluídos ou fuxiran cara á Alemaña occidental.[3] Alcanzouse o clímax do éxodo en marzo de 1953, cando 691 membros do CDU fuxiron a Occidente. A pesar disto, a maior parte dos líderes, militantes e seguidores do partido mantivéronse nun gran número.[4] Para os anos 80 o CDU tiña entre as súas filas a 140.000 militantes.[1]

Imaxe do XV Congreso da CDU, celebrado en Dresde en 1982.

A CDU opúxose en máis dunha ocasión ao SED en relación coas propostas de goberno na Cámara Popular. Unha das desavinzas máis salientábeis tivo lugar na sesión do 9 de marzo de 1972, cando 14 deputados da CDU votaron en contra e 8 se abstiveron na votación da lei do aborto. O ano seguinte á reunificación o 75% da poboación do Leste estaba a favor da lei oriental de interrupción libre nos tres primeiros meses, polo 55% dos occidentais, e paulatinamente as voces na CDU unificada foron máis proclives a aceptar esa lei tal como se aprobou na RDA.[5]

Na década de 1950 o líder da CDU era Otto Nuschke, un antigo líder do Partido Democrático Alemán durante a República de Weimar, un estreito aliado dos comunistas. Despois da morte de Nuschke, August Bach sucedeuno durante un breve período, até que en 1966 Gerald Götting foi elixido presidente. Anteriormente xa fora secretario xeral. O propio Götting foi elixido presidente do Parlamento durante a década de 1970. Götting permaneceu como presidente e aliado do goberno de Erich Honecker ata que este último foi substituído por Egon Krenz en outubro de 1989. O 2 de novembro de 1989 Götting foi destituído polos reformistas en favor da reunificación. En decembro foi substituído por Lothar de Maizière, avogado e vicepresidente do Sínodo da Igrexa Evanxélica na RDA. Nese momento a CDU destituíu aos seus principais dirixentes e renunciou ao comunismo.

O 18 de marzo de 1990 o CDU e os seus aliados gañaron as eleccións á Cámara do Pobo, cun 40,8% dos votos, sendo elixido Lothar de Maizière como Primeiro Ministro da RDA. Á vez que a reunificación alemá, o CDU integrouse no CDU occidental en outubro dese mesmo ano.[6] Procedente de Espertar Democrático, un pequeno partido xurdido das protestas de 1989, unha moza Angela Merkel militou durante uns meses no CDU e foi a portavoz adxunta do primeiro goberno democrático da RDA dirixido polo tamén democratacristiano Lothar de Maizière.[7][8]

Congresos do partido[editar | editar a fonte]

Congreso extraordinario da CDU en decembro de 1989, durante o cal o partido abandonou as súas formulacións socialistas.
Edición Duración Lugar de celebración



I Congreso 15 - 17 de xuño de 1946 Berlín
II Congreso 6 - 8 de setembro de 1947 Berlín
III Congreso 18 - 20 de setembro de 1948 Érfurt
IV Congreso 12 - 13 de novembro de 1949 Leipzig
V Congreso 15 - 17 de setembro de 1950 Berlín
VI Congreso 16 - 18 de outubro de 1952 Berlín
VII Congreso 21 - 25 de setembro de 1954 Weimar
VIII Congreso 12 - 15 de setembro de 1956 Weimar
IX Congreso 30 de setembro - 3 de outubro de 1958 Dresde
X Congreso 22 - 25 de xuño de 1960 Érfurt
XI Congreso 30 de setembro - 3 de outubro de 1964 Érfurt
XII Congreso 2 - 5 de outubro de 1968 Érfurt
XIII Congreso 11 - 13 de outubro de 1972 Érfurt
XIV Congreso 12 - 14 de outubro de 1977 Dresde
XV Congreso 13 - 15 de outubro de 1982 Dresde
XVI Congreso 14 - 16 de outubro de 1987 Dresde
XVII Congreso 15 - 16 de decembro de 1989 Berlín

Organización interna[editar | editar a fonte]

Exterior do edificio de Neue Zeit, vista traseira, co muro de Berlín na fronte, 1984.

Presidentes[editar | editar a fonte]

Andreas Hermes 1945
Jakob Kaiser 1945–1947
Otto Nuschke 1948–1957
August Bach 1957–1966
Gerald Götting 1966–1989
Wolfgang Heyl 1989 (interino)
Lothar de Maizière 1989–1990

Secretarios xerais[editar | editar a fonte]

Georg Dertinger 1946–1949
Gerald Götting 1949–1966
Martin Kirchner 1989–1990

Resultados electorais[editar | editar a fonte]

Ano Nº de votos  % de votos Nº de escanos obtidos +/–
1990 4 710 598 40.8
163 / 400
Crecente (crecemento) 111

Galería de carteis[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Dirk Jurich (2006); Staatssozialismus und gesellschaftliche Differenzierung: eine empirische Studie, LIT Verlag Münster, páx. 31
  2. OCLC WorldCat
  3. Ehrhart Neubert (2002); Ein politischer Zweikampf in Deutschland, Freiburg, ISBN 3-451-28016-7, pp. 36-37
  4. Michael Richter und Martin Rißmann (1995); Die Ost-CDU, Köln, pp. 403-405
  5. Font, José María Marti (1991-05-19). "La unificación del aborto en Alemania". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2022-04-05. 
  6. "Sonntag,der 18. März 1990" (en alemán). 
  7. Ardoz, María Laura (15 de setembro de 2013). "Merkel, la mujer que reinventó a la Democracia Cristiana alemana". El Periódico. Arquivado dende o orixinal o 21 de outubro de 2013. Consultado o 21 de outubro de 2013. 
  8. Gerd Langguth (2005); Angela Merkel, Munich: dtv, pp. 112–137

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]