Theodore Dreiser

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Theodore Dreiser
Theodore Dreiser.jpg
Nome completoTheodore Herman Albert Dreiser
Nacemento27 de agosto de 1871
 Terre Haute
Falecemento28 de decembro de 1945
 Hollywood
SoterradoForest Lawn Memorial Park (Glendale)
NacionalidadeEstados Unidos de América
Etniaestadounidense
Relixiónateísmo
Ocupaciónescritor, xornalista, novelista, ensaísta, autobiógrafo, guionista e editor literario
editar datos en Wikidata ]

Theodore Herman Albert Dreiser, nado en Terre Haute (Indiana) o 27 de agosto 1871 e finados en Hollywood (Os Ánxeles) o 28 de decembro 1945, foi un novelista e xornalista estadounidense pertencente ao movemento literario do naturalismo.[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Dreiser naceu en Indiana, fillo de John Paul Dreiser e Sarah Maria (de solteira Schanab).[2] Foi o noveno de dez irmáns e pasou a súa nenez nunha familia estritamente católica e agobiada pola miseria e as débedas, viaxando con ela dun lado ao outro. Moitos dos seus irmáns foron tras unha vida máis próspera: dous deles marcharon da casa familiar na procura da fortuna, mentres que dúas das súas irmás foron nais solteiras, experiencias que empregou posteriormente nas súas novelas.[3] Aos quince anos trasladouse a Chicago, onde traballou como cargador, axudante de cociña e transportista; alí procurouse unha precaria e improvisada educación, grazas á tutela dunha mestra de escola. Dreiser asistiu durante un ano á Universidade de Indiana de 1889 a 1890,[4] mais despois volveu a Chicago en 1892 para traballar como reporteiro do Chicago Daily Globe; posteriormente foi crítico teatral e enviado especial en Saint Louis, traballando no xornal St Louis Globe Democrat (1892-1893) e despois no St Louis Republic (1893-1894). Posteriormente traballou como xornalista en Pittsburgh e Nova York. Leu a Balzac, a Zola e posteriormente ó darwinista social Herbert Spencer e a Nietzsche.[5]

Carreira literaria[editar | editar a fonte]

Convencido das súas posibilidades literarias, o escritor naturalista Frank Norris convenceu o editor Doubleday para que en 1900 Dreiser publicase a súa primeira novela, Sister Carrie,[6] cun franco tratamento dos problemas sexuais que lle valeu críticas tan duras que o editor, a instancias da súa esposa, tivo que retirala da venda. Trataba a vida, o éxito e a degradación dunha rapaza que deixaba a súa localidade natal chamándose "Caroline Meeber" ata que ilumina co seu novo nome "Carrie Madenda" os teatros de Broadway. Os seus amoríos con dous homes adiñeirados permiten que Carrie se converta nunha actriz de éxito, mentres que o seu último amante perde a súa fortuna tras roubar os seus patróns e suicídase.[1] Por entón era rechamante que un libro describise unha muller promiscua que realizaba accións que eran recompensadas e non castigadas, ademais da descrición bastante gráfica para a época da infidelidade matrimonial e das aventuras sexuais. A escasa distribución da obra (vendéronse só cincocentas copias), as críticas adversas e o enfado do editor, que se negou a promocionar a novela, deprimiron a Dreiser, quen a pesar de todo continuou a escribir mentres traballaba como redactor xefe (1906-1907) da revista feminina Broadway Magazine e como editor de Butterick Publications (1907-1910). Facerlle as beiras á filla adolescente dun dos subxefes desta editorial supuxo a perda do emprego.

A súa segunda novela tardou dez anos en chegar: Jenny Gerhardt (1911).[7] Retomou o tema de Sister Carrie, narrando a traxedia dunha rapaza pobre incapaz de satisfacerse nin co amor nin co benestar material, a pesar da aventura amorosa entre a protagonista e un senador; despois pasou a servir unha familia patricia e converteuse en amante do fillo; é ela a que admite que non pode casar con el, xa que respecta máis que aquel as xerarquías que crea a fortuna; á fin dálle liberdade para que case con alguén digno del. Nesta ocasión o editor Harper & Brothers censurou a pasaxe onde o amante da protagonista lle explica a esta o uso dos anticonceptivos. Esta vez a novela tivo o apoio de influentes narradores británicos como H.G. Wells e Hugh Seymour Walpole, polo que desde entón Dreiser puido consagrarse en exclusiva a unha literatura cun realismo social que procuraba denunciar as inxustizas e as desigualdades da sociedade norteamericana, suscitando violentas controversias.

Consolidación e fama[editar | editar a fonte]

Ante a acollida das súas obras, Dreiser comezou entón a súa chamada Triloxía do desexo: The Financier (1912), The Titan (1914) e a póstuma The Stoic (1947). The Financier e The Titan son crus retratos dun hombre de negocios sen escrúpulos, Frank Cowperwood, que tivo como modelo para a súa elaboración de xeito apenas disimulado o magnate Charles Tyson Yerkes (1837-1905) nado en Filadelfia e establecido en Chicago, que dilapidou unha vasta fortuna en pinturas, mansións e amantes, polo que se trata dunha triloxía moi documentada.

Na súa novela The "Genius" (1915), polo contrario, Dreiser analizou o choque do temperamento artístico do protagonista Eugenio Witla cunha sociedade burguesa e mercenaria, aínda cando sabe que a súa aventura será solitaria, desesperada e destinada ao baleiro e á nada. Semiautobiográfica, The Genius foi censurada pola "Sociedade para a Supresión do Vicio de Nova York", que conseguiu que o libro estivese fóra do mercado durante cinco anos; porén, foi vendida clandestinamente e valeulle a admiración dos escritores novos do realismo social, aínda que o estilo de Dreiser estaba máis achegado ao naturalismo literario.

Porén, a obra mestra de Theodore Dreiser aínda estaba por chegar, e foi An American Tragedy (1926), levada despois ao teatro e ao cinema en dúas ocasións, primeiro en An American Tragedy (1931), e despois dirixido por George Stevens en A Place in the Sun (1951), con Montgomery Clift e Elizabeth Taylor no elenco, que recibiu dous premios Óscar pola súa dirección e o seu guión; o director ruso Sergei Eisenstein quixo tamén adaptala. A novela baseouna no caso real do asasinato de Grace Brown por Chester Gillette no estado de Nova York, que recibiu ampla atención dos medios:[8] na obra, un hombre de carácter débil chamado Clyde Griffith, abúlico e irresoluto, criado na pobreza, asasina a su moza embarazada, da que se avergoña, para así estar libre na busca do benestar material, o amor, e a comodidade que o diñeiro pode proporcionar; a meta do protagonista é prosperar na sociedade elegante e casar cunha muller rica que poida darlle todo o que ambiciona. Ao final o protagonista é descuberto e morre axustizado polo seu crime. A habilidade de Dreiser consiste en facer ver o protagonista non como un simple delincuente, senón como un "monicreque" demasiado irresoluto que se ve empurrado a un terrible crime pola opresión dunha sociedade fundada na inxustiza. Resulta así que o protagonista é como o financeiro Cowperwood: alguén sen conciencia nin sensibilidade, produto do medio natural, encarnación non dun espírito do mal, senón das forzas cegas e fatalistas que determinan o mundo.

Actividade social e política[editar | editar a fonte]

De estilo moroso e lento, Dreiser renovou a literatura estadounidense criticando o soño americano. Afín ideoloxicamente a el, o novelista Sinclair Lewis afirmou que Sister Carrie era "a primeira novela estadounidense libre da influencia literaria inglesa". Xa convertido nun autor famoso, Dreiser pelexou apaixonadamente para protexer os dereitos dos pobres e os que non posúen privilexios e involucrouse en causas que ían desde a folga na mina de carbón de Harlan (coñecida como a guerra de Harlan County)[9] e o xuízo dos Scottsboro Boys ata dar alivio ás vítimas da guerra civil española.

Adheriuse ao socialismo, aínda que ingresou no Partido Comunista dos Estados Unidos apenas cinco meses antes de falecer e a pesar de que os líderes comunistas estadounidenses o tiñan como "demasiado liberal" en moitos temas controvertidos (dereitos civís, sexualidade etc.) para ser un verdadeiro militante comunista. Tamén dedicou os seus últimos anos a divulgar as súas opinións políticas. Visitou a Unión Soviética e en Dreiser Looks at Russia (1928) ofreceu unha visión favorable da mesma; similar tono apoloxético do socialismo teñen os ensaios Tragic America (1932) e America Is Worth Saving (1941).[10] Dreiser defendeu a liberdade da literatura nos Estados Unidos e loitou persoalmente por prohibir toda censura que tratase de ser imposta ás súas obras e ás dos seus colegas. Escribiu tamén unha autobiografía. As súas últimas novelas, The Bulwark (1946) e The Stoic (1947), apareceron postumamente.

Outros xéneros[editar | editar a fonte]

Pese a deber case todo o seu éxito á novela, Dreiser tamén tentou escribir teatro: Plays of the Natural and Supernatural (1916) e unha traxedia de 1918, The Hand of the Potter. Tamén escribiu relatos cortos, recollidos en Free (1918), Chains (1927) e A Gallery of Women (2 volumes, 1929). En 1926 publicou un volume de poesía, Moods, Cadenced and Declaimed. Entre outras obras menores de carácter biográfico, publicouse en 1959 o seu epistolario en tres volumes.

Obras[editar | editar a fonte]

Ficción[editar | editar a fonte]

Teatro[editar | editar a fonte]

  • Plays of the Natural and Supernatural (1916)
  • The Hand of the Potter (1918), producida por primeira vez en 1921

Poesía[editar | editar a fonte]

  • Moods: Cadenced and Declaimed (Nova York: Boni & Liveright, 1926), 127 poemas nunha edición limitada de 550 copias numeradas asinadas polo autor, das que se puxeron á venda 535; revisada e amplicada como Moods: Philosophical and Emotional (Cadenced and Declaimed) (Nova York: Simon & Schuster, 1935)

Non ficción[editar | editar a fonte]

  • A Traveler at Forty (1913)
  • A Hoosier Holiday (1916)
  • Twelve Men (Nova York: Boni & Liveright, 1919)
  • Hey Rub-a-Dub-Dub: A Book of the Mystery and Wonder and Terror of Life (Nova York: Boni & Liveright, 1920)
  • A Book About Myself (1922); republished (unexpurgated) as Newspaper Days (Nova York: Horace Liveright, 1931)
  • The Color of a Great City (Nova York: Boni & Liveright, 1923)
  • Dreiser Looks at Russia (Nova York: Horace Liveright, 1928)
  • My City (1929)
  • A Gallery of Women (1929)
  • Tragic America (Nova York: Horace Liveright, 1931)
  • Dawn (Nova York: Horace Liveright, 1931)
  • America Is Worth Saving (Nova York: Modern Age Books, 1941)
  • Notes on Life, editado por Marguerite Tjader e John J. McAleer (University of Alabama Press; 1974)
  • Theodore Dreiser: Political Writings, editado por Jude Davies (University of Illinois Press; 2011)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Hussman, Lawrence E. (24 de decembro de 2020). "Theodore Dreiser - American author". Encyclopaedia Britannica (en inglés). Consultado o 25 de decembro de 2020. 
  2. Finding aid to the Theodore Dreiser papers at the University of Pennsylvania Libraries
  3. Kowalski, Rosemary (18 de abril de 2005). "Theodore Dreiser". Chicago Literature - Critical Writers of the 20th Century (en inglés). Consultado o 25 de decembro de 2020. 
  4. Lingeman, Richard (1993). Theodore Dreiser: An American Journey (Abridged ed.). Wiley. 
  5. Léon Thoorens, Panorama de las literaturas 3. Inglaterra y América del Norte. Madrid: Barcelona: Ediciones Daimon, 1969, p. 323.
  6. "House of Four Pillars". The Toledo Regional Tour. Arquivado dende o orixinal o 01 de xullo de 2016. Consultado o 27 de xuño de 2016. 
  7. Loving, Jerome (2005). The Last Titan: A Life of Theodore Dreiser. Berkeley: University of California Press. p. 398. ISBN 9780520234819. 
  8. Fishkin, Shelley Fisher (1988). From fact to fiction : journalism & imaginative writing in America. Nova York: Oxford University Press. ISBN 9780195206388. 
  9. Dreiser, Theodore; National Committee for the Defense of Political Prisoners (1932). Harlan miners speak : report on terrorism in the Kentucky coal fields. Nova York: Harcourt, Brace and Co. 
  10. Cunningham, Hugo S. (1999). "Theodore Dreiser (1871-1945) His Friendship to the Soviet People in 1938-1941". Cyber-USSR. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Cassuto, Leonard and Clare Virginia Eby, eds. The Cambridge Companion to Theodore Dreiser. Cambridge: Cambridge University Press, 2004.
  • Loving, Jerome. The Last Titan: A Life of Theodore Dreiser. Berkeley: University of California Press, 2005.
  • Riggio Tom and Morgan, Speer, The Total Stranger. The Missouri Review 10.3 (1987): 97-107.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]