Tesouro Redfield

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tesouro Redfield
Dólar Morgan de 1891 CC
procedente do tesouro Redfield

· Data do depósito: século XX.

· País: Estados Unidos.

· Lugar de aparición: Reno, Nevada.

· Data do achado: 1974

· Composición: 407.000 moedas dun dólar.

· Materiais: prata.

O tesouro Rodfield é como se coñece a acumulación de 407.000 moedas dun dólar de prata de tipo Morgan e de tipo Peace propiedade de LaVere Redfield, que foi achada na súa casa de Reno, Nevada, logo do seu falecemento en 1974.

Todo o tesouro foi vendido en 1976 por 7,3 millóns de dólares da época á compañía A-Mark Financial, que logo comercializou as moedas individualmente.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

LaVere Redfield (1897-1974) era un multimillonario estadounidense orixinario do estado de Utah, que fixera a súa fortuna comprando terreos petrolíferas nos Ánxeles, investindo en accións e comprando propiedades en vendas fiscais durante a Gran Depresión.[1]

Como non confiaba nos bancos, Redfield atesouraba moita riqueza na súa casa, principalmente en moedas de prata. En 1952 sufriu un roubo importante no seu domicilio e na investigación posterior sóubose que daquela tiña acumuladas 270.000 moedas dun dólar de prata e tamén unha gran cantidade de selos postais nunha falsa parede do soto da súa gran casa de pedra. Nunhas declaracións ao xornal Reno Gazette-Journal, Redfild afirmou que as autoridades o obrigaron a depositar no banco todas as moedas de prata que tiña daquela.[1]

En 1961 volveron asaltar a súa casa e os ladróns lograron levar as súas caixas fortes; o botín deste roubo non se deu a coñecer,[1] e os xornais da década de 1980 informaron de que ascendera a 100.000 dólares de prata,[2][3] unha cifra que foi cuestionada en 2014 por Jack Harpster no seu libro biográfico sobre Redfield.[4]

A súa desconfianza nos bancos levou a Redfield a seguir acumulando dólares de prata durante o resto da súa vida.[5]

O tesouro[editar | editar a fonte]

LaVere Redfield, o multimillonario estadounidense que acumulou o tesouro.

Logo do falecemento de Redfield en 1974, os seus herdeiros atoparon centos de bolsas con dólares de prata no garaxe e na súa casa de Reno, Nevada.[5][6] Crese que Redfield tardou máis de corenta anos en acumulalos. Redfild desconfiaba do papel moeda e dos bancos, e o diñeiro que gañaba no mercado de valores gardábao en forma de dólares de prata.[2]

O xornal Star Democrat informou de que Redfield enviaba bolsas de dólares de prata polo conduto de abastecemento de carbón da súa casa, que levaba a un cuarto no soto, onde tamén almacenaba tarros de pexegos en conserva. Consonte ese xornal, Redfield tiña comida "almacenada en grandes cantidades" e, coa calor do verán algúns tarros explotaran e o zume salpicara algún dos dólares de prata.[7] Redfield non era coleccionista de moedas, polo que non tivo un coidado especial ao manipulalas nin ao gardalas. Angus White, do xornal Helena Independent Record, afirmou que o tesouro de Redfield era "a maior cantidade de dólares de prata acumulados nun só lugar da historia".[8]

Dólar Peace procedente do tesouro Redfield, no estoxo de presentación da Paramount International Coin Corporation.

En xaneiro de 1976, o produtor cinematográfico Steven Markoff, con sede nos Ánxeles, adquiriu o tesouro de LaVere Redfield por 7,3 millóns de dólares do momento, a través da súa compañía de investimentos A-Mark Financial.[9] O lote estaba composto por máis de 407.000 moedas dun dólar de prata, que pesaban 12 toneladas.[6] Markoff vendeu despois as moedas individualmente, principalmente a través da empresa Paramount International Coin Corporation, de Ohio, que as presentou dentro duns estoxos de plástico, nun plan a tres anos, para non inundar o mercado. Dous importantes servizos de clasificación de moedas, a Numismatic Guaranty Company (NGC) e o Professional Coin Grading Service (PCGS), incluíron o nome de Redfield nas súas cápsulas de clasificación e certificación de moedas.[10][11] Todos os dólares do tesouro eran dos tipos "dólar Morgan" e "dólar Peace".[4]

Cando Redfield morreu en 1974, fíxose referencia a el como un home excéntrico. Jack Harpster escribiu unha biografía na que o alcumou como o "Rei do Dólar de Prata". Segundo Harper, Redfield non confiaba nos bancos, era contrario ao Goberno e un home de negocios desapiadado.[5][12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "Redfield Dies". En Reno Gazette-Journal. 7 de setembro de 1974.
  2. 2,0 2,1 Rochette, E (1989). "A Modern-Day Silas Marner Knew the Value of a Dollar". En The Buffalo News. 8 de xaneiro.
  3. Elkins, B. (1988). "Millionair's Dollars Available to the Republic". En The Cincinnati Enquirer. 10 de decembro.
  4. 4,0 4,1 Harpster, J. (2014). Páxinas 8, 12, 14, 17, 20, 42, 145, 193.
  5. 5,0 5,1 5,2 Clifton, G. (2014). "The real story of eccentric Reno millionaire LaVere Redfield". En Reno Gazette Journal. 10 de novembro.
  6. 6,0 6,1 Bassett, E. W. (1976). "Gold Coins: Inflation Hedge?". En Lebanon Daily News. 25 de agosto.
  7. Dickerson, B. (1986). "The coin Slot". En The Star-Democrat. 15 de agosto.
  8. White, A. (1977). "Collectors Keep Silver Dollars Circulating". En Helena Independent Record. 6 de maio.
  9. "Collection of silver dollars". En The Berkeley Gazette. 30 de xaneiro de 1976.
  10. "Redfield Holder". Numismatic Guaranty Company (NGC).
  11. Sherman, M. (2014). "A History of Major U.S. Hoards: The Redfield Hoard". Professional Coin Grading Services (PCGS). 8 de setembro.
  12. Harpster, J. (2014).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]