Tálpidos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Toupas
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Infraclase: Placentalia
Orde: Soricomorpha
Familia: Talpidae
Fischer de Waldheim, 1817

Os tálpidos (Talpidae) son unha familia de mamíferos placentarios da orde Soricomorpha, aínda que durante moito tempo foron clasificados dentro da orde Insectivora. Inclúe, entre outros, ás toupas e ás aguaneiras ou toupas de auga.

Habitan na América do Norte e no continente euroasiático, estando restrinxidas ao hemisferio norte do globo. Os fósiles de tálpidos máis antigos achados pertencen ao Eoceno cedo.

A maioría das toupas caracterízanse por ser en maior ou menor medida animais subterráneos, agás os aguaneiros, que son acuáticos. As toupas furafollas do xénero Uropsilus son as máis pequenas e primitivas da familia e comparten hábitats e costumes máis propios dos furafollas cós das toupas, como buscar alimento na superficie.

Anatomía[editar | editar a fonte]

Os tálpidos varían en tamaño dende as mencionadas toupas furafollas que miden en torno a 2.4 cm e pesan menos de 12 g, ao aguaneiro ruso (Desmana moschata), que chega ata os 20 cm e 550 g de peso.

As toupas escavadoras desenvolveron unha serie de especializacións evolutivas para a súa vida subterránea. O seu corpo é fusiforme, máis típico de animais acuáticos. Os seus ollos son ananos e en ocasións están cubertos de pel, feito do que serviu Darwin na súa teoría da selección natural alegando que os topos non necesitan o sentido da vista nos ambientes subterráneos e que mantela supoñía un exceso de enerxía inútil.[1]

Carecen de pavillón auditivo externo. As toupas confían principalmente no seu sentido do tacto e posúen vibrisas na súa cara, extremidades e cola. O seu fociño flexible é especialmente sensible.

As súas patas, curtas e fortes, están provistas de fortes e grandes unllas que empregan para escarvar galerías, as cales poden acadar ata 150 m de lonxitude. Os cóbados atópanse desprazados dorsalmente e rotados, de xeito que as palmas das extremidades anteriores quedan orientadas cara detrás, potenciando a acción de escavar. A súa pel fina e suave facilita o movemento pola toupeira, tanto cara a adiante como cara a atrás. Nos machos o pene queda orientado cara a atrás e carecen de escroto.

Os aguaneiros son acuáticos. Habitan lugares preto da auga e especializáronse en nadar e cazar baixo a auga. Para iso axúdanse dunhas patas palmadas e dunha cola longa e chá. A súa pel ten un pelo suave e sedoso, o cal fomentou a súa caza durante anos. Son quen de pechar as fiestras do nariz e oído cando están nadando.

Hábitos e alimentación[editar | editar a fonte]

Os tálpidos teñen un alto índice metabólico o que lles conduce a ter un apetito insaciable. A maioría das toupas cavan toupeiras permanentes e subsisten principalmente alimentándose das presas que caen nela. As toupas furafollas, aínda que tamén cavan túneles, aliméntanse na superficie. Os aguaneiros cavan toupeiras unicamente para protexerse e aliméntanse en ríos, regatos e lagos. Prefiren chans húmidos e doados de escavar pero poden habitar en calquera tipo de chan coa profundidade suficiente para a súa toupeira.

Mentres que os aguaneiros son principalmente nocturnos, as toupas son activas tanto de día como de noite, debido a que baixo terra só hai escuridade. Adoitan combinar 3 ou 4 horas de actividade co mesmo tempo de descanso. A maioría son animais solitarios. Moi poucas especies constrúen toupeiras compartidas, coma a toupa de nariz estrelado (Condylura cristata).

Toupeira

A dieta principal dos topos son as miñocas, aínda que tamén aliméntanse doutros invertebrados ou ata pequenos ratos que atrapan na entrada da toupeira. A saliva dos topos contén toxinas capaces de paralizar ás miñoas polo que son quen de amorear ás súas presas vivas para consumilas posteriormente. Constrúen "despensas" especializadas para este propósito. Antes de comelas, as toupas exprímenas entre as súas patas para extraer a terra que poidan inxerir.

As toupas son animais difíciles de avistar en condicións normais. Os adultos só saen á superficie para buscar follas e herba para construír o seu niño. O máis frecuente é ver os característicos montículos das toupeiras, as cales aparecen cando cavan novos túneles, ben para ampliar a súa "trampa" ou ben para buscar toupas do sexo oposto. A aparición destes montículos indica a presenza dunha toupa.

Pragas[editar | editar a fonte]

As toupas atópanse xeralmente, en terras de cultivo, praderías ou xardíns e, en menor medida, nos bosques. Os montículos poden botar a perder a boa estética dos xardíns particulares aínda que a súa presenza indica a boa saúde do xardín. Outros problemas causados polas toupas son a contaminación de ensilados con partículas de terra, facendo que este perda palatibilidade para o gando; cubrir os pastos con terra fresca, diminuíndo o tamaño destes; danos á maquinaria agrícula ao deixar pedras expostas, danos ás plantas novas por alteracións no chan e danos ao sistema de drenaxe. Outros animais coma os furafollas poden empregar os túneles das toupas para alimentarse das raíces das plantas.

Por esta razón son considerados como pragas en moitos países e son exterminados. Noutros países, como Alemaña, están protexidos mais poden ser matados con permiso. Para controlalos empréganse trampas, bombas de fume ou velenos como carburo de calcio ou estricnina. O máis habitual é inundiar a toupeira de auga ou enchela de fume, aínda que medidas máis humanas buscan capturar á toupa viva para trasladala a outro lugar.

Clasificación[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]