Voz (fonoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Voz como Son[editar | editar a fonte]

A física estableceu que para que exista son se requiren tres elementos:

  1. Un corpo que vibre
  2. Un medio elástico que vibre (as ondas sonoras son mecánicas que se propagan pola expansión e compresión do propio medio)
  3. Unha caixa de resonancia que amplifique esas vibracións, permitindo que sexan percibidas polo oído.

A voz humana cumpre coas tres condicións sinaladas:

  1. O corpo elástico que vibra son as cordas vogais.
  2. O medio elástico é o aire.
  3. A caixa de resonancia está formada por parte da garganta, pola boca e pola cavidade nasal.

O aparello fonador humano[editar | editar a fonte]

O aparello fonador compóñeno 3 grupos de órganos diferenciados:

  1. Órganos de respiración (Cavidades infraglóticas: pulmóns, bronquios e traquea).
  2. Órganos de fonación (Cavidades glóticas: larinxe, cordas vogais e resoadores -nasal, bucal e farínxeo-).
  3. Órganos de articulación (cavidade supraglóticas: padal, lingua, dentes, beizos e glote) .

Ademais, o correcto funcionamento do aparello fonador contrólao o sistema nervioso central, pois máis aló da mera fonoloxía, está o significante. Especificamente, sábese que o control da fala se realiza na área de Broca situada no hemisferio esquerdo da cortiza cerebral.

A produción da fala[editar | editar a fonte]

A fonación realízase durante a expiración, cando o aire contido nos pulmóns, sae destes e, a través dos bronquios e a traquea, chega á larinxe.

Na larinxe atópanse as cordas vogais. As cordas vogais non teñen forma cordófona senón que se trata dunha serie de pregues ou beizos.

Hai 4 cordas vogais:

  • 2 superiores (bandas ventriculares), que non participan na articulación da voz.
  • 2 inferiores, as verdadeiras cordas vogais, responsables da produción da voz.

As dúas cordas inferiores son dous pequenos músculos elásticos:

  • Se se abren e se recollen aos lados, o aire pasa libremente, sen facer presión: respiramos.
  • Se, pola contra, se xuntan, o aire peta contra elas producindo o son que denominamos voz.

Hai 3 mecanismos básicos de produción de voz:

  • Vibración das cordas que produce os sons tonais ou sonoros (vogais, semivogais, nasalé, etc.).
  • As interrupcións (totais ou parciais) no fluxo de aire que sae dos pulmóns que dá lugar aos sons "xordos" (fricativas, etc.)
  • A combinación de vibración e interrupción, como as oclusivas sonoras (en galego 'b', 'd' e 'g').

O rango vocal determínao a flexibilidade das cordas vogais, que permite diferenciar os distintos tipos de voces (en canto: tenor, soprano, contralto, ...), en función da altura, intensidade e timbre.

O son producido nas cordas vogais é moi feble; por iso, debe ser amplificado. Esta amplificación terá lugar nos resoadores nasal, bucal e farínxeo, onde se producen modificacións que consisten no aumento da frecuencia de certos sons e a desvalorización doutros.

A voz humana, unha vez que sae dos resoadores, é moldeada polos articuladores (padal, lingua, dentes, beizos e glote), transformándose en sons da fala: fonemas, sílabas, palabras, ... A posición concreta dos articuladores determinará o son que emita a voz.