Soleidos
Soleidos Soleidae Linguados, lirpas e acedías Rango fósil: paleoceno - actualidade[1] | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Linguado (Solea solea) | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Xéneros | |||||||||||||||||||||
|
A dos soleidos (Soleidae) é unha familia de peixes teleósteos da orde dos pleuronectiformes que comprende máis dun cento de especies coñecidas na bibliografía internacional como linguados verdadeiros e, en galego, como linguados, lirpas e acedías.
Os linguados habitan sobre fondos areosos preto das costas mariñas e tamén en cursos de auga doce. As especies de augas salobres e salgadas viven no Atlántico oriental, no Índico e no Pacífico occidental e central. As de auga doce encóntranse en África, o sur de Asia, Nova Guinea e Australia.
No pasado, os linguados das Américas (tanto os de auga salgada coma doce) incluíronse nesta familia, pero hoxe foron separados para formar a súa propia, a dos aquíridos (Achiridae) ou linguados americanos. O único linguado verdadeiro que habita nesta zona é especie é Aseraggodes herrei, das Galápagos (e que tamén vive nas illas Cocos, no Índico).[3]
Aínda que a maioría das especies viven preto da costa, un linguado que se asemellaba a un pequeno halibut foi observado polo batiscafo Trieste na parte inferior da fosa das Marianas, a uns 11 km de profundidade.[4] Porén, esta observación foi cuestionada por expertos en peixes, e as autoridades non a recoñecen como válida.[5]
Depredadores, alimentándose de crustáceos e outros invertebrados. Ao naceren presentan simetría bilateral, e durante o seu desenviolvemento ambos os ollos desprázanse ao lado dereito da cabeza. Viven a maior parte do tempo co lado cego recostado sobre o leito acuático.
De cores escuras, a súa delgadeza e quietude sobre o fondo fai deles unha presa difícil para outros depredadores.
Son moi apreciados en gastronomía pola súa carne branca e fina, de sabor delicado. Entre as especies máis consumidas e apreciadas destaca o linguado común, ou linguado propiamente dito,[6] Solea solea.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O nome científico da familia, Soleidae, fórmase, como é habitual, sobre a raíz do nome do xénero tipo, Solea, engadíndolle a desinencia -´idae empregada para formar os nomes das familias de animais. Pola súa parte, Solea vén do termo latino solea, que era o nome que lle daban os romanos a unha certa especie de linguado, debido ao seu aspecto que recordaba a sola dunha sandalia (en latín clásico, solea, -ae).[7]
Características
[editar | editar a fonte]O seu corpo é alongado, coa cabeza tamén longa e os ollos, como quedou dito, situados no lado dereito o corpo.[8]
Caracterízanse por ter o corpo comprimido lateralmente e porque, ao viviren acostados sobre un dos seus lados nos fondos areosos, sofren unha modificación que consiste na migración dun ollo ao outro lado (o dereito), de tal modo que presentan un lado cego, non pigmentado, que é o que se pousa no fondo, e outro cos dous ollos, pigmentado, que é o que aparece como superior (aínda que realmente sexa un dos costados do peixe).[9]
O extremo frontal do corpo e a cabeza son arredondados. A mandíbula superior é protráctil. A parte posterior do opérculo frontal está cuberta por pel. As narinas e as mandíbulas da acra cega están rodeadas por pequenas papilas sensitivas en forma de filamentos.[10]
Clasificación
[editar | editar a fonte]Segundo FishBase, a familia comprende 30 xéneros cun total dunhas 180 especies. Os xéneros son:[11]
- Achiroides
- Aesopia
- Aseraggodes
- Austroglossus
- Barnardichthys
- Bathysolea
- Brachirus
- Buglossidium
- Dagetichthys
- Dicologlossa
- Heteromycteris
- Leptachirus
- Liachirus
- Microchirus
- Monochirus
- Paradicula
- Pardachirus
- Pegusa
- Phyllichthys
- Pseudaesopia
- Rendahlia
- Rhinosolea
- Solea
- Soleichthys
- Synaptura
- Synapturichthys
- Synclidopus
- Typhlachirus
- Vanstraelenia
- Zebrias
Porén, outros sistemas de clasificación admiten máis (WoRMS, 32)[2] ou menos (SIIT, 29) xéneros.[12]
Acuicultura
[editar | editar a fonte]En Galicia, nas últimas décadas, están cultivándose con grande éxito algunhas especies de linguados, non só o autóctono, Solea solea, senón tamén a especie Solea senegalensis.[13]
En palabras do director do Centro Tecnológico Galego de Acuicultura (CETGA), "O linguado é a especie de maior potencial de todas as que se están investigando, sen dúbida, e a gran aposta da industria acuícola".[14]
Galería
[editar | editar a fonte]-
Buglossidium luteum, lirpa.
-
Dicologlossa cuneata, un tipo de acedía.
-
Microchirus ocellatus, un tipo de acedía.
-
Pegusa lascaris, linguado areeiro.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Chapleau, François & Amaoka, Kunio (1998), en Paxton, J. R. & Eschmeyer, W. N., eds. Encyclopedia of Fishes. San Diego: Academic Press. ISBN 0-12-547665-5.
- ↑ 2,0 2,1 Soleidae Bonaparte, 1833 no WoRMS.
- ↑ Froese, Rainer and Pauly, Daniel, eds. (2014): Aseraggodes herrei Seale, 1940 en FishBase.
- ↑ BBC News (23 February 2012):Meet the only man alive who has been to the deepest ocean.
- ↑ Alan J. Jamieson and Paul H. Yancey (2012): "On the Validity of the Trieste Flatfish: Dispelling the Myth" Biol. Bull. 222 (3): 171-175.
- ↑ linguado no dicionario da RAG.
- ↑ Online Etymology Dictionary.
- ↑ Rodríguez Solórzano et al. (1983), p. 188.
- ↑ Debe diferenciarse esta forma da doutros peixes planos, como as raias, que se describen como deprimidos dorsoventralmente.
- ↑ Muus et al. (1998), p. 272.
- ↑ Froese, Rainer, and Daniel Pauly, eds. (2012): Soleidae en FishBase.
- ↑ Soleidae no ITIS.
- ↑ Lenguado Arquivado 22 de maio de 2015 en Wayback Machine. en Dibac. Acuicultura.
- ↑ "El sector acuícola gallego apuesta por el lenguado para aumentar su producción" La Opinión. 14 de novembro de 2011.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Soleidos |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
- Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
- Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
- Ríos Panisse, M. C. (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. I Invertebrados y peces. Santiago: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.
- Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-433-4.
- Rodríguez Villanueva, X. L. e Xavier Vázquez (1995): Peixes do mar de Galicia. (III) Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2.
- Solórzano, Manuel Rodríguez; José L. Rodríguez, José Iglesias, Francisco X, Pereira e Federico Álvarez (1988): Inventario dos peixes do litoral galego (Pisces: Cyclostomata, Chondrichthyes, Osteichthyes). O Castro-Sada, A Coruña: Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas (Inventarios). SEG, vol. IV. ISBN 84-7492-370-0.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Soleidae na Lista vermella de especies ameaaas da UICN.
- Crecimiento de juveniles de lenguado (Solea senegalensis, Kaup, 1858) en Galicia Arquivado 07 de outubro de 2003 en Wayback Machine.
- Acuicultura, rodaballo y lenguado en Axenvideo.