Saltar ao contido

Sito Seoane

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaSito Seoane
Nome orixinalJosé Enrique Seoane Vergara
Biografía
Nacemento16 de marzo de 1989 Editar o valor en Wikidata (35 anos)
Miami, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade2010 Editar o valor en Wikidata -
Nacionalidade deportivaEstados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
LigaUnited Soccer Leagues Professional Division (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoDianteiro
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
Fylkir Reykjavík

José Enrique "Sito" Seoane Vergara, nado en Miami o 16 de marzo de 1989, é un futbolista galego-estadounidense, que xoga como dianteiro no Betanzos, da Terceira División RFEF. Despois de destacar no Laracha, desenvolveu a maior parte da súa carreira deportiva nos Estados Unidos, no Canadá e en Islandia.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Seu pai, Julio Seoane, natural de Carral, emigrou con 13 anos aos Estados Unidos e rexentou en Queens un bar, unha discoteca e un taller. Alí coñeceu a Elizabeth Vergara, unha emigrante colombiana coa que casou e tivo tres fillos, un deles José Enrique, que naceu en 1989, cando a familia estaba instalada en Miami.[1] En 1992 o furacán Andrew esnaquizou dúas casas da familia, e esta decidiu trasladarse a Galicia, estabelecéndose na parroquia de Vigo, en Carral.[1]

Criado en Galicia dende entón, entre Carral e Betanzos,[2] formouse como futbolista nas canteiras do Marino CF de Mera, o Montañeros e o Maravillas, e xogou co Eirís na Segunda Autonómica.[3] Pasou en 2009 ao Laracha de Preferente,[4] onde tivo como adestradores a Javier Bardanca e José Luis Lemos.[1] Trala chegada ao banco de Manuel Mosquera, este probouno como segundo dianteiro, e marcou 23 goles nas primeiras 28 xornadas da tempada 2011/12, liderando naquel momento a táboa de goleadores da categoría.[1] Pero nese momento e animado por Mosquera, decidiu aceptar unha bolsa para estudar e xogar nos Estados Unidos, no San Jacinto College de Houston. En 2013 pasou a xogar co Austin Aztex, co que gañou o título da USL PDL, a cuarta categoría do país, sendo un dos xogadores de referencia do equipo.[1] Marcou un gol nas semifinais e dous na final contra o Thunder Bay Chill, sendo elixido mellor xogador da final.[5][6][7]

En 2014 realizou a pretempada co Houston Dynamo da MLS, a máxima categoría estadounidense,[8] pero acabou sendo descartado trala fichaxe de DaMarcus Beasley.[1] Xogou entón un ano co equipo da Southern New Hampshire University, onde acabou a súa carreira de Empresariais, e a continuación regresou a Europa.

En 2015 recibiu unha oferta para xogar nun equipo da segunda división de Dinamarca, pero case ao mesmo tempo recibiu outra para militar no ÍBV da Úrvalsdeild Karla, a máxima categoría de Islandia.[9] Tras unha tempada en Vestmannaeyjar, trasladouse á capital do país, Reiquiavik, para xogar no Fylkir,[10] co que acabou descendendo ao remate da campaña 2016.

A continuación mudouse ao Canadá, fichando polo Ottawa Fury da United Soccer League. Alí tivo como adestradores a Paul Dalglish, fillo do histórico Kenny Dalglish, e a Julián de Guzmán, e foi o segundo máximo goleador do equipo na tempada 2017, con sete goles. Comezou a tempada 2018 co equipo canadense, pero deixou o equipo en maio para regresar ao fútbol islandés, fichando polo Grindavík.[11][12]

O 19 de decembro de 2018 asinou contrato co Chattanooga Red Wolves, club que se acababa de fundar en Chattanooga, Tennessee, e que competiría na seguinte tempada na USL League One.[1] Apenas dispuxo de minutos na primeira parte da tempada, lastrado por unha lesión nun nocello, pero a situación mudou na segunda metade da campaña, facéndose coa titularidade e acabando o ano con 7 goles en 28 partidos.[1] En 2020 volveu ao fútbol islandés, fichando de novo polo ÍBV, que viña de descender á 1. deild karla, segunda división islandesa. Na tempada 2021 foi o terceiro máximo goleador da liga, con 13 goles, contribuíndo ao ascenso do seu equipo de novo á Úrvalsdeild Karla.[13]

Durante a tempada 2022 competiu na máxima división da illa nórdica e trala fin do campionato regresou a Galicia, onde fichou polo Bergantiños, da Segunda División RFEF.[14] Debutou co club carballés en febreiro de 2023, nun partido ante o Avilés no estadio Román Suárez Puerta,[15] e disputou un total de 12 partidos ata que o seu equipo pechou a tempada co descenso a Terceira.[16] A continuación volveu de novo ao fútbol islandés, fichando polo KF Fjallabyggðar. Alí marcou oito goles en 11 partidos da 2. deild karla, a terceira división do país.

No mercado invernal de 2024 regresou de novo a Galicia, fichando polo Betanzos, da Terceira División RFEF.[17]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Mahía, Fernando (23 de outubro de 2019). "Sito Seoane, nómade do fútbol". Luzes. Consultado o 17 de xaneiro de 2022. 
  2. "Sito Seoane, entre un estadio de postal en Islandia y la lucha contra el ‘bullying’". La Opinión A Coruña (en castelán). 31 de marzo de 2022. Consultado o 24 de outubro de 2023. 
  3. Gómez, Pablo (2 de agosto de 2017). "Festival de goles de Sito Seoane en Ottawa". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 17 de xaneiro de 2022. 
  4. Ferreiro, J. M. (10 de decembro de 2013). "Laracha exporta goles a Tejas". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 17 de xaneiro de 2022. 
  5. "Ocean City Nor'easters - Austin Aztex 2013 (semifinais)". pdl.uslsoccer.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 6 de agosto de 2013. Consultado o 17 de xaneiro de 2022. 
  6. "Austin Aztex - Thunder Bay Chill 2013 (final)". pdl.uslsoccer.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 8 de agosto de 2013. Consultado o 17 de xaneiro de 2022. 
  7. "Aztex Claim PDL Championship" (en inglés). 4 de agosto de 2013. Arquivado dende o orixinal o 8 de agosto de 2013. Consultado o 17 de xaneiro de 2022. 
  8. Gómez, Pablo (11 de febreiro de 2014). "Otro gol de Sito Seoane con el Houston Dynamo". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 17 de xaneiro de 2022. 
  9. Gómez, Pablo (21 de xuño de 2015). "Sito Seoane ficha por el ÍBV Vestmannaeyjar de la Úrvalsdeild Karla islandesa". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 17 de xaneiro de 2022. 
  10. "Sito Seoane: “Acabo de fichar por el Fylkir islandés”" (en castelán). 21 de outubro de 2015. Consultado o 17 de xaneiro de 2022. 
  11. "Chío de Sito Seoane". Twitter (en inglés). Consultado o 17 de xaneiro de 2022. 
  12. "Chío de Sito Seoane". Twitter (en inglés). Consultado o 17 de xaneiro de 2022. 
  13. "Máximos goleadores da segunda división de Islandia 2021". Transfermarkt (en inglés). Consultado o 17 de xaneiro de 2022. 
  14. "SITO SEOANE OUTRO REFORZO PARA A DIANTEIRA DO BERGANTIÑOS FC DA QUE SE CAE IBRAHIMA DIENG O NON PERMITIR A RFEF A TRAMITACIÓN DA SUA FICHA..". 1 de febreiro de 2023. Consultado o 24 de outubro de 2023. 
  15. "El Real Avilés logra una ajustada victoria en casa ante el Bergantiños (1-0)". Mundo Deportivo (en castelán). 5 de febreiro de 2023. Consultado o 24 de outubro de 2023. 
  16. "El Bergantiños consuma su descenso en un final de partido increíble (4-4)". DxT Campeón (en castelán). 9 de abril de 2023. Consultado o 24 de outubro de 2023. 
  17. "Sito Seoane, novo reforzo do Betanzos CF". 1 de febreiro de 2024. Consultado o 13 de febreiro de 2024. 

 Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]