Val dos Reis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 25°44′25″N 32°36′08″L / 25.74025, 32.602358

Val dos Reis

O Val dos Reis (Biban el-Muluk ou Wadi el-Muluk (وادي الملوك en árabe) é un val de Exipto no que se construíron tumbas para os faraóns das XVIII a XX dinastías do Imperio Novo. O nome oficial do lugar era "A Grande e Maxestosa Necrópole do Millón de Anos do Faraón, Vida, Forza, Saúde no Oeste de Tebas" ou Ta-sekhet-ma'at ("O Gran Campo").

Localización[editar | editar a fonte]

O Val sitúase na beira occidental do Nilo, en fronte de Tebas (actual Luxor), baixo o pico do Al-Qurn ("o corno"). Ao final está separado nos vales Oriental (ou "dos Reis" propiamente) e Occidental (ou dos Monos); a maioría das tumbas importantes están no Oriental; no Occidental só hai unha tumba aberta ao público, a de Ay, o sucesor de Tutankhamon. As tumbas están escavadas nas paredes rochosas e no interior dos outeiros que bordean o val. As entradas foron ocultadas na antigüidade para evitar as profanacións.

O Val estivo en uso entre aproximadamente o 1539 e o 1075 a.C. e conta cunhas sesenta tumbas, sendo a primeira a de Thutmose I e a máis recente a de Ramsés X ou XI.

O Val dos Reis ten tamén tumbas de nobres favoritos e das fillas e fillos tanto dos faraóns como dos nobres. Na época de Ramsés I creouse o Val das Raíñas, aínda que algunhas esposas seguiron a ser enterradas cos seus esposos.

A existencia de graffiti nos muros dalgunhas tumbas indica que xa era unha atracción durante a época romana.

As sepulturas[editar | editar a fonte]

A rocha do Val non é moi consistente. As tumbas construíronse cortando a través de varias capas de pedra calcárea de distinta calidade, o que comporta serios problemas para os restauradores, igual que o fixo para os arquitectos orixinarios. Moi posibelmente os planos construtivos mudaron debido a este feito. O problema máis grave é o das capas de xisto, xa que este material se expande en contacto coa auga, o que ten danado moitas tumbas, especialmente durante as cheas do Nilo.

Todas as tumbas son hipoxeos e presentan unha disposición xeral semellante: unha porta (bab, plural biban) tallada verticalmente na rocha, un corredor longo dividido en seccións que se van estreitando progresivamente, nichos e capelas laterais e un número variábel de dependencias de tamaño diferente, cos teitos apoiados sobre piares. Os corredores miden case sempre máis de 100 m e están en pendente. As escenas gravadas e pintadas en paredes e piares están en permanente escuridade. Ao fondo da tumba, na cámara principal, atópase o enorme sarcófago onde se depositaba a momia real.

As tumbas dos faraóns diferéncianse das demais non só polas súas maiores dimensións e pola riqueza da súa decoración, senón tamén pola súa finalidade específica e pola natureza das escenas e as inscricións que as decoran. Mentres que en Menfis as tumbas tiñan dúas salas, a cripta e a capela, no Val dos Reis, só teñen cripta, xa que as por cada tumba existe un templo funerario no val. Neste as escenas decorativas, moi vivaces, están relacionadas coa vida terrena e nos hipoxeos aparecen os grandes mitos e os textos relacionados coa supervivencia da alma do faraónou imaxes do mundo do alén.

Todas as tumbas teñen os mesmos temas decorativos, aínda que representados seguindo unha estrutura diferente. Nas tumbas da XVIII dinastía hai dous grupos de cámaras que se cortan en ángulo recto e se separan por un pozo cadrado profundo. Nas das XIX e XX dinastías teñen case todas unha liña recta. Os sarcófagos da XVIII dinastía teñen bordos arredondados, imitando o cartucho real (excepto as de Ay, Tutankhamon e Horemheb, que teñen sarcófagos grandes, rectangulares e con catro divindades nos vértices que tenden os brazos). Os sarcófagos a partir da XIX dinastía teñen a forma de momia.

As primeiras decoracións teñen trazos claros e precisos e as posteriores son cada vez máis brandos e imprecisos. Esta decadencia acentúase a partir de Ramsés IV xa que se deixa a pedra e fanse sobre estuco.

Os textos funerarios que se reproducen, integramente ou abreviados, son Ladaíñas do Sol (primeira parte do corredor), Libro da apertura da boca, Libro do Mundo Inferior e Libro das Portas.

Saqueadores de tumbas[editar | editar a fonte]

O Val

Case todas as tumbas foron violadas, incluída a de Tutankhamon, aínda que parece que neste caso en concreto os ladróns víronse interrompidos e foi pouco o que levaron. Tutankhamon foi un rei menor e outros reis probabelmente contaban con tesouros maiores.

En 1090 a.C., o ano da Hiena, houbo un colapso da economía exipcia que provocou a aparición de saqueadores de tumbas. Como consecuencia, foi tamén o derradeiro ano en que se utilizou o val para enterramentos.

Parece que o val ten sufrido tamén un saqueo oficial durante a guerra civil que se iniciou durante o reinado de Ramsés XI. As tumbas foron abertas, todos os obxectos de valor retirados e as momias reunidas en dous depósitos. Un, o coñecido como Deir el-Bahri, acollía non menos de cuarenta momias reais e os seus caixons funerarios; o outro, na tumba de Amenhotep II, contiña outras dezaseis.

Arqueoloxía[editar | editar a fonte]

As tumbas abríronse aos visitantes xa en época tolemaica. O primeiro descubrimento en época recente foi a de Amenofis III, durante a expedición napoleónica, e logo a de Seti I.

O máis sensacional foi o de Howard Carter o 4 de novembro de 1922: a tumba de Tutancamon, que escavou até 1932. A de Tutankhamon foi a primeira tumba descuberta que aínda estaba intacta. Algúns membros dos equipos arqueolóxicos dirixidos por Carter e outros arqueólogos posteriores contraíron virus locais letais a través da comida ou de animais (fundamentalmente insectos), o que deu lugar á lenda moderna da "maldición dos faraóns.

Lista de enterramentos[editar | editar a fonte]

KV significa King's Valley, Val dos Reis en inglés.

  • KV 1 Ramsés VII, faraón da XX dinastía
  • KV 2 Ramsés IV, faraón da XX dinastía
  • KV 3 descoñecido, Fillo de Ramsés III, XX dinastía
  • KV 4 Ramsés XI, faraón da XX dinastía
  • KV 5 Fillas de Ramsés II, XIX dinastía
  • KV 6 Ramsés IX, faraón da XX dinastía
  • KV 7 Ramsés II, faraón da XIX dinastía
  • KV 8 Merenptah, faraón da XIX dinastía
  • KV 9 Ramsés V e Ramsés VI, faraóns da XX dinastía
  • KV 10 Amenmesse, faraón da XIX dinastía
  • KV 11 Ramsés III, faraón da XX dinastía
  • KV 12 descoñecido, saqueada na antigüidade
  • KV 13 Baja, tesoureiro de Siptah, final da XIX dinastía
  • KV 14 Tausret e Sethnacht, faraóns da XIX dinastía
  • KV 15 Sethos II, faraón da XIX dinastía
  • KV 16 Ramsés I, faraón da XIX dinastía
  • KV 17 Sethos I, faraón da XIX dinastía
  • KV 18 Ramsés X, faraón da XX dinastía
  • KV 19 Mentuhirkschopchef, fillo de Ramsés IX, XX dinastía
  • KV 20 Hatshepsut e Thutmose I, faraóns da XVIII dinastía
  • KV 21 descoñecido, XVIII dinastía
  • WV 22 Amenofis III, faraón da XVIII dinastía
  • WV 23 Ay II, faraón da XVIII dinastía
  • WV 24 descoñecido, abandonada, XVIII dinastía
  • WV 25 descoñecido, abandonada, XVIII dinastía
  • KV 26 descoñecido, recentemente estudada, probabelmente. XVIII dinastía
  • KV 27 descoñecido, XVIII dinastía
  • KV 28 descoñecido, XVIII dinastía, dignatario de Thutmose IV
  • KV 29 descoñecido
  • KV 30 descoñecido, XVIII dinastía
  • KV 31 descoñecido, XVIII dinastía, chea de area, sarcófago
  • KV 32 descoñecido, XVIII dinastía, sen rematar, non explorada
  • KV 33 descoñecido, non explorada
  • KV 34 Thutmose III, faraón da XVIII dinastía
  • KV 35 Amenofis II, faraón da XVIII dinastía, momia
  • KV 36 Maherpra, Wedelträger, XVIII dinastía, momia
  • KV 37 descoñecido, XVIII dinastía
  • KV 38 Thutmose I ?, XVIII dinastía
  • KV 39 Amenofis I dubidoso, XVIII dinastía
  • KV 40 descoñecido, non explorada
  • KV 41 descoñecido, non explorada
  • KV 42 Hatschepsut-Meritre, esposa de Thutmose III, XVIII dinastía
  • KV 43 Thutmose IV, XVIII dinastía
  • KV 44 sete individuos, XVIII dinastía e XXII dinastía
  • KV 45 Userhet, XVIII dinastía
  • KV 46 Juja e Tuja, pais de Teje, XVIII dinastía, momias
  • KV 47 Siptah, faraón da XIX dinastía
  • KV 48 Amenemope gt. Pairi, Wesir, XVIII dinastía
  • KV 49 descoñecido, XVIII dinastía
  • KV 50 un can, un mono, XVIII dinastía (tumba de animais)
  • KV 51 3 monos, 1 babuíno, 3 parrulos, 1 ibis (tumba de animais)
  • KV 52 un mono (tumba de animais), probabelmente da XVIII dinastía
  • KV 53 Tumba en pozo, óstraca, estelas, xa non accesíbel
  • KV 54 Cuarto de embalsamamento de Tutankhamon, XVIII dinastía
  • KV 55 descoñecidoe momia, XVIII dinastía Semenkhare?
  • KV 56
  • KV 57 Haremhab, faraón da XVIII dinastía
  • KV 58 Tumba satélite da KV 57, Horemheb
  • KV 59 Pequenos pozos. KV 37
  • KV 60 Sitre-in, ama de cría de Hatshepsut e unha raíña, XVIII dinastía
  • KV 61 descoñecido
  • KV 62 Tutankhamon, faraón da XVIII dinastía, momia
  • KV 63 Descuberta no ano 2005 polo exiptólogo estadounidense Otto Schaden. Nela, ata o momento, non se atoparon restos humanos, e si gran cantidade de artigos funerarios e materiais para embalsamar.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]