Abades, Silleda
Abades | |
---|---|
Santuario de Santa María de Abades. | |
Concello | Silleda[1] |
Provincia | Pontevedra |
Coordenadas | 42°45′05″N 8°19′14″O / 42.7514472, -8.3204184 |
Poboación | 140 hab. (2011) |
Entidades de poboación | 6[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Santa María de Abades é unha parroquia que se localiza no concello de Silleda. Segundo o padrón municipal en 2011 tiña 140 habitantes (78 mulleres e 62 homes), 25 menos ca en 1999. Ten 5 entidades de poboación.
Historia e patrimonio
[editar | editar a fonte]Da época do megalitismo consérvase a mámoa da Chousa Nova, de hai 6000 anos, escavado a comezos do século XXI con motivo das obras da liña de alta velocidade Santiago-Ourense. Na parroquia está situada a estación da Bandeira, inaugurada en 1958.
Na xurisdición eclesiástica forma parte do arciprestado de Trasdeza, da diocese de Lugo. O nome da parroquia na Idade Media era Santa María de Pedre[2]. O conxunto relixioso de Abades abrangue a igrexa románica de Santa María, o Santuario da Virxe dos Desamparados, a casa reitoral e o cruceiro.
A igrexa de Santa María de Abades é un templo románico do século XII. Destacan as pinturas murais do seu interior e a colección de canzorros zoomorfos dun dos seus laterais exteriores[3]. O santuario da Nosa Señora dos Desamparados é unha construción de grandes dimensións de estilo neoclásico, levantada no século XVIII. Foi deseñada polo pontevedrés Melchor de Ricoi, e promovida polo párroco de Abades, o valenciano Joaquín Espes. Destaca pola súa gran torre, os tres corpos que a forman, as pinturas murais interiores realizadas por Jorge Calvo en 1773 e as imaxes de San Xoaquín e San Xosé, realizadas polo escultor Gambino[4].
No Antigo Réxime pertencía á xurisdición de Trasdeza e á provincia de Santiago. En 1826 tiña 243 habitantes[5]. Até 1853 pertencía ao concello de Chapa, que nese ano mudou a súa capitalidade por Silleda. En 1846 tiña 376 habitantes[6] e tiña escola de seu.
Desde 1988 celébrase cada domingo de Pascua a carón do santuario a festa gastronómica da rosquilla, alimento que ten como avogada a Virxe do Carme.
Desta parroquia era natural Juan Salgueiro, alcalde de Silleda entre 1987 e 1999.
Abades na literatura popular
[editar | editar a fonte]- Nosa Señora de Abades/ ¿qué lle dás ós teus romeiros?/ Agoiña da miña fonte,/ sombra dos meus castiñeiros.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes de Abades, Silleda.
-
Igrexa de Santa María de Abades.
-
Portada da igrexa de Santa María de Abades.
-
Santuario da Nosa Señora dos Desamparados.
-
Mámoa da Chousa Nova.
-
Cruceiro e fonte en Abades.
-
Canzorros da igrexa de Santa María de Abades.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra.
- ↑ Abades, na web municipal de turismo
- ↑ Igrexa de Santa María de Abades na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
- ↑ Santuario da Virxe dos Desamparados na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
- ↑ Miñano Bedoya, S. (1826): Diccionario geográfico y estadístico de España y Portugal. Madrid: tomo 1, páx. 1 ("ABADES").
- ↑ Madoz, Pascual (1845). "ABADES". Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar (en castelán) I. Madrid. p. 33.
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Abades
[editar | editar a fonte]Lugares da parroquia de Abades no concello de Silleda (Pontevedra) | |
---|---|