Saltar ao contido

Capela de San Miguel de Celanova

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «San Miguel de Celanova»)
Capela de San Miguel de Celanova
Celanova Editar o valor en Wikidata
 Instancia de
 Epónimo
Persoas e organizacións
 Diocese
Localización
 Situado en
 País
Fontes e ligazóns
Redes
Patrimonio Galego: 9345
Wikidata C:Commons

A capela de San Miguel de Celanova é unha construción prerrománica de estilo mozárabe, ou de repoboación,[1] a carón do mosteiro de San Salvador de Celanova. Foi declarada Monumento Nacional en 1923.[2]

Descrición

[editar | editar a fonte]

Da época da fundación do mosteiro só resta, na horta, esta pequena capela prerrománica de influencia mozárabe consagrada a San Miguel (coñecida como Capela de San Miguel), única no seu estilo en Galicia. Foi construída entre os anos 937[3] e 942[4] e ergueuna San Rosendo como santuario-oratorio e hospedería para peregrinos[5] dedicado ao seu irmán o conde Froilán Gutiérrez, creador do mosteiro de San Salvador, nas proximidades.

O material é perpiaño granítico[3] de gran calidade.

O templo consta de tres espazos que están delimitados por arcos de ferradura: a nave ou vestíbulo, o espazo central e a ábsida. O primeiro, presenta unha entrada lateral e sobre o lintel aparece unha inscrición en latín, na que se menciona ao conde Froilán. Está cuberta, interiormente, por unha bóveda de canón e o seu muro refórzase con contrafortes e, exteriormente, está cuberto por un tellado a dúas augas. Tamén contén unha pequena fiestra cun arco de ferradura.

Inscrición no lintel Placa conmemorativa coa tradución
† Auctor huius operis tu Deus esse crederis: dele pe-
cata omnibus te Christe pie orantibus: instat
præseis memoria indigno famulo Froila: que obtat
et in Domino te coniurat o bone dilecte qui legis ut me pec-
catore memoria habeas sacra et oratione
Ti, oh Deus, autor desta obra es crido
Ti, oh Cristo, borra os pecados dos que rezan:
O presente recordo recomenda a Froila, o teu indigno servo
quen desexa e no señor vos conxura, oh ben amado, que les isto
para que te lembres de min, pecador, na sagrada oración.

O corpo central, ou cruceiro, tamén leva contrafortes no muro exterior, tellado a catro augas que se apoia sobre unha cornixa decorada con modillóns ou canzorros de rolos con baixorrelevos nos que alternan espirais e rosetas de seis pétalos, semellantes aos de Santiago de Peñalba (León)[6]. Interiormente, garda unha bóveda de arestas que se apoia sobre arcos de ferradura que caen sobre canzorros lobulados. A ábsida está cuberta por un tellado a dúas augas e a menor altura có primeiro corpo. Interiormente ten unha planta case circular, moi pequena, de 1,35 m de diámetro, separada do resto da construción por un arco de ferradura enmarcado por un alfiz, e está cuberto por unha cúpula galonada.[6]

A orientación, cara ao leste, está pensada para que o sol nacente atravese, nos equinocios, as fiestras do corpo central.[7]

O investigador da Universidade de Vigo Roberto Vázquez Rozas defende que a capela foi construída segundo as proporcións matemáticas de Euclides[8]. O módulo central ten 3,836 metros de longo, o duplo da lonxitude do rectángulo da ábsida (1,915 m x 2,31 de ancho). Estas proporcións están relacionadas coas medidas árabes, que posiblemente determinaron o tamaño da edificación. Así, na capela aparece a relación de proporción de 6, 9 e 12 pés árabes na ábsida, a nave e o espazo cadrado central. Isto responde aos principios da sección áurea expostos por Euclides cara ao século III a. C.

Pola súa parte o escritor e enxeñeiro celanovés Xosé Benito Reza Rodríguez sinala na súa obra sobre a capela que a súa xeometría é o resultado de aplicar un módulo equivalente ao diámetro da ábsida (1,35 m), tanto en planta como en alzado; sendo este módulo igual á diagonal dun cadrado de 3 pés árabes de lado ou 3√2.[9]

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Freire Fernandez, Rubén - Carlos. "Celanova". revistaiberica.com. Consultado o 20-7-2019. 
  2. "Celanova". revistaiberica.com. Consultado o 17-12-2017. 
  3. 3,0 3,1 "Guía monumental (arte e historia) de Celanova, Orense". arteguias.com. Consultado o 18-12-2017. 
  4. "San Miguel de Celanova". udc.es. Consultado o 18-12-2017. [Ligazón morta]
  5. "Capilla de San Miguel de Celanova". artehistoria.com. Arquivado dende o orixinal o 06-09-2017. Consultado o 18-12-2017. 
  6. 6,0 6,1 "San Miguel de Celanova". arquivoltas.com. Consultado o 18-12-2017. 
  7. Rodríguez, Maite (20-03-2014). "El espectáculo del equinoccio de primavera desde la capilla mozárabe de San Miguel de Celanova". lavozdegalicia.es. Consultado o 18-12-2017. 
  8. "Descobren que a capela de Celanova segue a xeometría de Euclides". La Voz de Galicia. 3 de agosto de 2009. 
  9. Reza Rodríguez, Xosé Benito (2025). Ciencia e misterio en Celanova. A capela mozárabe de San Miguel. ISBN 978-84-09-67791-7. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

*Reza Rodríguez, Xosé Benito (2025). Ciencia e misterio en Celanova. A capela mozárabe de San Miguel. ISBN 978-84-09-67791-7. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]