Reino da Alta Borgoña
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2014.) |
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
| ||||
Xeografía | ||||
Parte de | ||||
Datos históricos | ||||
Creación | 888 | |||
Disolución | 933 | |||
Sucedido por | Reino de Arles (pt) | |||
O reino da Alta Borgoña (888–933), tamén coñecido como Transxurania ou Borgoña Transxurana, foi un reino medieval centroeuropeo creado no territorio dos antigos reinos dos burgundios, a ambos os lados das montañas do Xura, entre a actual Suíza occidental de fala francesa, o val de Aosta italiano (así mesmo de fala francesa) e o val do alto río Saona, como consecuencia da descomposición do reino da Francia Media tras a morte do emperador carolinxio Lotario I.
Foi o núcleo do reino de Arlés, ou reino das Dúas Borgoñas, no que se integrou desaparecendo como unidade orgánica.
Orixes do reino
[editar | editar a fonte]No Imperio carolinxio despois do tratado de Verdún
[editar | editar a fonte]O tratado de Verdún de 843 foi un acordo entre os fillos de Ludovico Pío polo que se repartiu o grande Imperio carolinxio en tres partes, dúas grandes entidades políticas bastante homoxéneas e un conglomerado de territorios situados entre as dúas primeiras:
- Francia Occidentalis para o fillo máis novo, Carlos o Calvo, no que sería o xerme da actual Francia.
- Francia Orientalis para Lois o Xermánico, o xerme das actuais Suíza, Alemaña e Austria.
- Francia Media para o fillo máis vello e herdeiro do título imperial, Lotario I, o territorio que, en teoría, ao conter a capital orixinal do Imperio carolinxio (Aquisgrán), o cemiterio imperial (Metz, que acolleu os restos de Ludovico Pío), o norte de Italia e o protectorado sobre os Estados do Papa, parecía destinada á primacía imperial. Pero non ocorreu así, e a Francia Media acabou repartida entre os herdeiros de Carlos e Lois.
Neste primeiro repartimento, o antigo reino merovinxio de Burgundia foi dividido entre Francia Occidentalis e Francia Media. Carlos o Calvo quedou co que na Idade Media se convertería no ducado de Borgoña dentro do reino de Francia, mentres que o resto da Burgundia, incluíndo a Provenza, caeu en poder de Lotario I, dentro da Francia Media.
Un dos principais señores feudatarios de Lotario I foi Hugberto, marqués de Transxurania e señor laico da Abadía de San Mauricio de Agaunum (no Valais suízo actual), pertencente a unha das principais casas nobiliarias francas do seu Imperio, os Bosónidas, cos que Lotario I reforzou a súa alianza casando o seu fillo Lotario II con Teutberga, irmá de Hugberto, fillos ambos de Bosón o Vello, conde de Arlés.
Despois do tratado de Prüm
[editar | editar a fonte]Lotario I deixou en Italia ao seu fillo máis vello, Lois II o Mozo (que xa estaba asociado ao trono como coemperador desde o ano 850) e pasou ao norte atravesando os Alpes, tratando de salvagardar o seu reino dos ataques viquingos en Frisia e dos sarracenos na Provenza.
En 855, nas proximidades da abadía de Prüm (probabelmente no próximo castelo de Schüller), Lotario I, sentíndose enfermo, dividiu o seu Imperio entre os seus fillos no que se coñece como tratado de Prüm:
- Lois II o Mozo herdou a coroa imperial e a parte sur do Imperio máis alá dos Alpes, o reino de Italia (constituído polo norte da península italiana).
- Lotario II recibiu a parte norte do Imperio, situada entre Frisia, os Vosgos (entre a Holanda e a Lorena actuais no que se chamou desde entón a Lotarinxia) e os territorios que serían proclamados 33 anos despois como o reino da Alta Borgoña (o espazo comprendido entre o val do Saona, as montañas do Xura, a Suíza occidental de fala francesa e o val de Aosta italiano, así mesmo de fala francesa).
- O menor, Carlos, recibiu, cando tiña uns 10 anos de idade, o reino da Baixa Borgoña, que comprendía a Borgoña Cisxurana e a Provenza, uns territorios situados entre o val do Ródano e os Alpes até o lago Léman, sendo o seu titor e rexente Xerardo de Vienne. Este rexente foi capaz de derrotar a Carlos o Calvo cando en 860 tratou de conquistar o reino do seu sobriño Carlos da Provenza.
Lotario II trasladou a capital do seu reino da Lotarinxia a Metz, guerreando contra as apetencias dos seus tíos Carlos o Calvo e Lois o Xermánico, fundamentalmente co primeiro deles, que considerou como casus belli o desexo de Lotario II de divorciarse de Teutberga, coa que non conseguía ter fillos e á que acusaba de incesto co seu irmán Hugberto, para casar coa súa amante e concubina Waldrada. Nesta empresa, Lotario II encontrou a natural oposición do irmán de Teutberga, Hugberto de Transxurania, que se alzou en armas contra el e, despois de que Teutberga se sometera con éxito ao xuízo de Deus na ordalía da auga, Lotario II viuse obrigado a acollela como esposa lexítima en 858.
En 859 Lotario II cedeu os territorios de Hugberto, o país de Gex, Xenebra, Valais e Vaud, ao seu irmán, o emperador Lois II, pola axuda prestada ante a Santa Sé para favorecer o seu divorcio. Cando en 863 morreu Carlos da Provenza, o reino da Baixa Borgoña repartiuse entre os seus irmáns Lotario (que quedou cos países de Lyon e de Vienne, e con Xerardo de Vienne como conselleiro principal) e Lois (que quedou co resto e co título de rei da Provenza).
A dinastía gobernante
[editar | editar a fonte]Orixe
[editar | editar a fonte]Conrado o Mozo, pertencente á antiga Casa de Welf suaba, era sobriño das esposas de Ludovico Pío (Carlos o Calvo era fillo de Xudite de Baviera) e de Lois o Xermánico (que casou coa irmán de Judith, Emma de Altdorf), e irmán de Hugo o Abade, como el, conde de Auxerre (na Borgoña ducal da Francia Occidentalis) e un importante apoio do rei Carlos o Calvo cando o irmán deste, Lois o Xermánico, invadiu Francia (858–860) e outro home forte do reino de Carlos o Calvo, Roberto o Forte, margrave na Marca Bretoa, se levantou contra o seu rei.
En 861 os irmáns Hugo e Conrado caeron en desgraza e fuxiron da Francia Occidentalis, pasando ao servizo dos fillos de Lotario I, Lotario II e Lois II o Mozo. Por iso, cando en decembro de 864 Conrado matou o rebelde Hugberto de Transxurania en batalla cerca de Orbe (Vaud, Suíza), o emperador Lois II deulle os antigos territorios de Hugberto (Gex, Xenebra, Lausana e Sion), co título de margrave (marquis) de Transxurania, e o señorío laico da Abadía de San Mauricio de Agaunum.
En 865, Lotario II fixo as paces co seu tío Carlos, reuníndose con el en Attigny. Intentou facer as paces tamén co Papado, e viaxou a Roma en 869. Á volta desta viaxe, Lotario II enfermou e morreu en Milán. Foi levado a Metz, onde foi soterrado, e o seu reino da Lotarinxia foi dividido entre os seus tíos, Carlos o Calvo e Lois o Xermánico, tal como o acordaran no tratado de Mersen (870).
A Marca de Transxurania quedou no reino de Francia Oriental, en poder de Lois o Xermánico, mentres que Carlos o Calvo só puido arrancar da Alta Borgoña o condado de Portois e unha parte do condado de Varais, incluíndo a cidade episcopal de Besançon. Conrado o Mozo mantivo as súas posesións pero non o abadengo laico de San Mauricio, que pasou ao novo home forte do rei Carlos o Calvo, Bosón da Provenza, irmán da súa última esposa Riquilda.
Á morte do seu sobriño Lois II o Mozo, Carlos o Calvo viaxou a Italia e conseguiu ser coroado emperador de Occidente, contravindo as disposicións testamentarias de Lois II, que nomeara herdeiro a Carlomán de Baviera, fillo de Lois o Xermánico e Emma de Altdorf. Carlos II deixou en Italia como rexente a Bosón da Provenza, e Conrado recuperou o abadengo laico da Abadía de San Mauricio a tempo para cedelo á súa morte en 876 ao seu fillo e sucesor en Transxurania e a Alta Borgoña co título de conde, Rodolfo I de Borgoña.
O fundador do reino
[editar | editar a fonte]Nese mesmo ano de 876, Rodolfo recibiu en San Mauricio á emperatriz viúva Engelberga, despois de que Bosón da Provenza a secuestrara xunto con Ermengarda da Provenza, a súa única filla sobrevivente habida co emperador Lois II o Mozo. Bosón forzou a Ermengarda a que casara con el en xuño de 876, ao mesmo tempo en que era nomeado gobernador en Italia do novo emperador, Carlos o Calvo, co título de dux. En 877, cando morre seu cuñado Carlos o Calvo e ten que deixar Italia nas mans do novo emperador (Carlos III o Gordo, fillo de Lois o Xermánico e derradeiro emperador carolinxio), era dux dos territorios comprendidos entre o río Saona e o Mediterráneo: o Lyonais, o Viennois e a Provenza (é dicir, a Baixa Borgoña e a Provenza). Dous anos despois, á morte do sucesor de Carlos o Calvo en Francia Occidentalis, o seu fillo Lois II o Tatexo, Bosón da Provenza proclamouse o 15 de outubro de 879 en Mantaille, en presenza do arcebispo de Besançon, rei de Borgoña, con capital en Vienne, no que se incluía, ademais dos seus feudos da Baixa Borgoña e a Provenza, a Borgoña Transxurana. Foi o primeiro sinal da descomposición do legado carolinxio: o primeiro rei dun feudo do Imperio carolinxio que non era descendente por vía masculina ou feminina de Carlomagno.
Reis da Alta Borgoña
[editar | editar a fonte]- Rodolfo I (888–912)
Ao principio do seu reinado, Rodolfo intentou reunir toda a Lotarinxia, pero a forte oposición do emperador Arnulfo de Carintia, rei da Francia Orientalis e do seu fillo Zwentibold obrigouno a centrarse no seu territorio de Transxurania e no occidental condado de Borgoña. Tras a súa morte en 912, a súa viúva Guilla (Willa) casou con Hugo de Arlés, rei da Baixa Borgoña.
- Rodolfo II (912-937)
En 922 Rodolfo II combateu no reino de Italia, derrotou a Berengario de Friuli e foi coroado como rei de Italia. O seu reinado foi, porén, impugnado polos nobres, que se rebelaron e convocaron o seu padrasto Hugo de Arlés, que expulsou a Rodolfo e gañou a coroa de ferro da Lombardía en Pavia en 926. En 933 Rodolfo cedeu finalmente todas as súas reclamacións en Italia en favor de Hugo e, a cambio, obtivo o reino da Baixa Borgoña, reunindo así os dous territorios borgoñóns.
- Conrado o Pacificador (937-993)
Extinción do reino
[editar | editar a fonte]- Rodolfo III (993-1032)
Baixo o seu reinado, o reino de Borgoña (en realidade, o reino das Dúas Borgoñas), pasou a ser coñecido como reino de Arlés que, coa extinción da liña sucesoria en 1032, foi incorporado ao Sacro Imperio como un terceiro reino despois dos de Alemaña e Italia, asumindo os seus emperadores o título de rei de Borgoña.