A vinculación do reino de Italia ao sistema imperial supuxo que o que quedaba do sistema administrativo da época carolinxia fora minado tanto pola ausencia do soberano, que confiaba nos poderes feudais locais, como polo desenvolvemento comunal, e polas querelas entre o emperador co papa, que polarizaron a vida italiana entre güelfos e xibelinos.
O Grande Interregno liquidou o poder efectivo do emperador, non só en Italia senón na mesma Alemaña, pero aínda retivo a autoridade xurisdicional para lexitimar os gobernos locais. Debido ás querelas internas, o sistema comunal das cidades transformouse en señorías ou en repúblicas, de entre as cales só os réximes fortes e poderosos, con capacidade para contratar forzas mercenarias, puideron someter a cidades veciñas creando Estados territoriais.
A intervención francesa a partir de 1494 alterou as relacións de poder na península e atraeu de novo a atención do emperador sobre os asuntos italianos. As paces de Boloña en 1530 converteron ao emperador en árbrito de Italia, pero a hexemonía en Italia recaeu nos reis de España até que, na Guerra de Sucesión española, o emperador recobrou un papel de preponderancia.
Tras estabilizarse as relacións de poder entre as dinastías rivais de Habsburgo e Borbón, a Revolución Francesa e a súa extensión a Italia supuxo a liquidación da autoridade imperial en Italia e, poucos anos despois, na propia Alemaña.