Rato doméstico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rato doméstico
Мышь 2.jpg
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Rodentia
Familia: Muridae
Subfamilia: Murinae
Xénero: Mus
Subxénero: 'Mus (Mus)'
Especie: M. musculus
Nome binomial
Mus musculus
Linnaeus, 1758
Vermello escuro: autóctono. Vermello claro: introducido.

Vermello escuro: autóctono. Vermello claro: introducido.

O rato doméstico ou rato caseiro (Mus musculus) é unha especie de roedor miomorfo da familia Muridae.[2] É a especie máis frecuente de rato. Crese que é a segunda especie de mamíferos con maior número de individuos, despois de Homo sapiens. Habita sempre preto do home, co que mantén unha relación de comensalismo. O rato de laboratorio pertence a esta especie, polo que é tamén o mamífero máis utilizado en experimentos de laboratorio como organismo modelo e existen multitude de variantes transxénicas que simulan doenzas xenéticas humanas. Está incluído na lista das 100 das especies exóticas invasoras máis daniñas do mundo[3] da Unión Internacional para a Conservación da Natureza.

Características[editar | editar a fonte]

Dentes incisivos de M. musculus, nos que se observa a amosega nos dentes superiores característica desta especie.
Rato doméstico.

Os ratos domésticos adultos pesan entre 12 e 40 gramos, e miden entre 15 e 19 centímetros, incluíndo o rabo, que supón algo máis da metade da súa lonxitude. A súa pelaxe é curta e de tons grises, que se aclaran no ventre. Os ratos de laboratorio e os utilizados como mascotas son xeralmente brancos e menos frecuentemente marróns. O seu pelo é escaso no rabo e as orellas. Posúe uns longos bigotes (vibrisas) que son sensibles ao tacto e proporciónanlle información sobre o medio. Como a súa vista é moi feble o rato só identifica os obxectos desde moi preto. O seu olfacto está moi desenvolvido, e axúdao a encontrar os alimentos e os demais ratos. O seu oído está tamén desenvolvido, o rato oe ata os sons de 100 kHz (80 kHz máis que as persoas). Tamén empregan o órgano vomeronasal para detectar feromonas e compostos non volátiles a través do olfacto. Tanto os adultos coma as crías emiten sons de frecuencias comprendidas entre 50 e 150 kHz para a comunicación socio-sexual.[4] A duración da xestación é duns 18 días, dando lugar a camadas de entre 6 e 12 crías. A duración do ciclo estral da femia é de arredor de 4 días.

Non é doado distinguir o sexo dos ratos cando son novos. Porén, nas femias a distancia entre o ano e os xenitais é menor que nos machos. Cando os ratos alcanzan a madurez sexual, os machos poden distinguirse con facilidade polos seus testículos, de gran tamaño en proporción co resto do corpo. As femias posúen cinco pares de glándulas mamarias e mamilas, dos que os machos carecen.

Comportamento[editar | editar a fonte]

Aínda que se desprazan habitualmente sobre as súas catro patas, poden erguerse en ocasións sobre as dúas traseiras, axudándose co rabo, para comer, orientarse ou loitar. Cando corren, manteñen o rabo horizontal para gardar o equilibrio. Poden choutar, gabear e nadar moi ben (isto último só en caso de necesidade).

Rato doméstico alimentándose.
Un rato de dous días de idade.

Son activos principalmente no lusco fusco ou durante a noite, xa que evitan as luces intensas. Son animais territoriais. Xeralmente un macho dominante dirixe un grupo con varias femias e individuos novos. Só o macho dominante ten dereito a aparearse coas femias. Cando un macho alcanza a madurez sexual, a miúdo enfróntase co macho dominante do seu grupo nun combate a morte. Se dous ou máis machos son encerrados xuntos nunha gaiola, vólvense frecuentemente agresivos, a non ser que foran criados xuntos en catividade desde o seu nacemento.

A súa dieta baséase principalmente en vexetais, pero tamén poden comer carne e produtos lácteos. Ademais o infanticidio é común se un rato se encontra cunha cría estraña, isto é máis común en machos que en femias debido á testosterona.[5]

As femias poden ver acelerado o seu ciclo estral se cheiran urina ou feromonas de macho, o que aumenta as posibilidades de éxito reprodutivo na cópula.[6] Esta última só adoita ser permitida pola femia durante o estro e ocupa xeralmente menos de dez segundos por acto aínda que o cortexo previo adoita durar máis tempo. Despois da terminación da preñez as femias mostran agresión maternal e atacan a calquera macho intruso que se achegue ao niño. Este comportamento mantense aproximadamente por dúas semanas, e parece depender dos factores hormonais do embarazo.[7]

Subespecies[editar | editar a fonte]

Coñécense as seguintes subespecies de Mus musculus:

Subespecies aceptadas:[2]

Subespecies dubidosas:[2]

Os ratos de laboratorio adoitan ser híbridos de M. m. m. e M. m. domesticus.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Musser, G., Amori, G., Hutterer, R., Kryštufek, B., Yigit, N. & Mitsain, G. "{{{taxon}}}". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (editors). 2005. Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference (3rd ed).
  3. Lowe S., Browne M., Boudjelas S., De Poorter M. (2000). 100 de las Especies Exóticas Invasoras más dañinas del mundo. Una selección del Global Invasive Species Database. Publicado polo Grupo Especialista de Especies Invasoras (GEEI), un grupo especialista da Comisión de Supervivencia de Especies (CSE) da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN), 12pp. Primeira edición, en inglés, sacada xunto co número 12 da revista Aliens, decembro de 2000. Versión traducida e actualizada: novembro 2004.
  4. Jasmine M. S., Grimsley, Monaghan, Jessica J. M., Wenstrup, Jeffrey J. (9). "Development of Social Vocalizations in Mice". PLoS ONE 6 (3). doi:10.1371/journal.pone.0017460. 
  5. Gandelman, Ronald (1972). "Induction of pup killing in female mice by androgenization." 9 (1): 101–102. PMID 4673094. doi:10.1016/0031-9384(72)90273-9. 
  6. Kelliher, K. R., Wersinger S.R. (2009). "Olfactory regulation of the sexual behavior and reproductive physiology of the laboratory mouse: effects and neural mechanisms." (PDF). ILAR J. 50 (1): 28–42. PMID 19106450. 
  7. Ghiraldi, L. L., Plonsky M., Svare B.B. (1993). "Postpartum aggression in mice: the role of ovarian hormones.". Horm Behav. 27 (2): 251–268. PMID 8349283. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]