Radoje Domanović
Nome orixinal | (sr) Радоје Домановић |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 4 de febreiro de 1873 (Xuliano) Ovsište (Pincipado de Serbia) |
Morte | 4 de agosto de 1908 (Xuliano) (35 anos) Belgrado, Serbia |
Causa da morte | tuberculose |
Lugar de sepultura | Novo Cemitério de Belgrado (pt) |
Educación | Universidade de Belgrado (pt) - historia, filoloxía (1890–1894) First Kragujevac Gymnasium (en) |
Actividade | |
Ocupación | escritor, xornalista, escritor de ciencia ficción, mestre, editor literario |
Período de actividade | 1893 - |
Obra | |
Obras destacables
| |
Descrito pola fonte | Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Доманович Радое) Obálky knih, |
Sitio web | domanovic.org |
Radoje Domanović (16 de febreiro de 1873 – 17 de agosto de 1908) foi un escritor, xornalista e profesor serbio, moi famoso polos seus satíricos relatos curtos.
Biografía
[editar | editar a fonte]Radoje Domanović naceu na vila de Ovsište, no centro de Serbia, fillo do mestre e empresario local Miloš Domanović, e de Persida Cukić, descendente de Pavle Cukić, un dos comandantes militares do Primeiro e Segundo Levantamento Serbio. Pasou a súa infancia na aldea de Gornje Jarušice, preto de Kragujevac, onde asistiu á escola primaria. Graduouse no ensino medio en Kragujevac e estudou lingua e historia serbias na Facultade de Filosofía da Universidade de Belgrado, onde se graduou tamén.
En 1895, Domanović conseguiu o seu primeiro nomeamento, un posto de profesor en Pirot, no sur de Serbia, rexión que fora liberada recentemente do Imperio Otomán. En Pirot coñeceu a Jaša Prodanović (1867–1948), profesor e activista que axudou a conformar as súas opinións políticas. Alí tamén coñeceu á súa futura muller, Natalija Raketić (1875–1939), unha pobre profesora de Sremski Karlovci, que o apoiaría ao longo da súa curta e turbulenta vida e coa que tivo tres fillos.
Desde que se uniu ao Partido Radical Popular da oposición, entrou en conflito co réxime da dinastía Obrenović e foi transferido a Vranje a finais de 1895 e logo en 1896 trasladado de novo a Leskovac. A súa carreira de escritor comezou nos seus días de ensino, publicando o seu primeiro relato curto realista en 1895. Despois da súa primeira aparición pública contra o goberno en 1898, tanto el como a súa muller foron destituídos da función pública e Domanović mudouse coa súa familia a Belgrado.
En Belgrado comezou a traballar con outros escritores no semanario “Zvezda” (Estrela) e no xornal político de oposición “Odjek” (Eco). Nesta época comezou a escribir e publicar as súas primeiras historias satíricas, como “Demo” e “Abolindo pasións”. O ascenso á fama de Radoje produciuse coa publicación dos seus relatos máis famosos, “Líder” (1901) e “Stradija” (1902), nos que atacaba abertamente e deixaba ao descuberto a hipocrisía e as falacias do réxime.
Despois do golpe de estado que puxo fin ao reinado de Alexandre Obrenović en 1903, en plena popularidade, Domanović recibiu un posto de escribán no Ministerio de Educación e o novo goberno permitiulle ir a Alemaña por un ano de especialización, que pasou en Múnic. De volta a Serbia, Radoje atopouse decepcionado coa falta de calquera cambio real na sociedade. Comezou o seu propio semanario político, “Stradija”, no que seguía criticando as debilidades da nova democracia, pero a súa escrita xa non tiña a forza e a inspiración que tiña.
Radoje Domanović morreu media hora despois da media noite do 17 de agosto de 1908, aos 35 anos, despois dunha longa loita contra a pneumonía crónica e a tuberculose. Foi enterrado no novo cemiterio de Belgrado. Os seus traballos inéditos restantes perdéronse durante a primeira guerra mundial.[1]
Traballo literario
[editar | editar a fonte]Algunhas das obras máis famosas de Radoje Domanović inclúen[2]:
- Укидање страсти (Abolindo paixóns), 1898
- Модерни устанак (Alzamento moderno), 1902
- Демон (Demo), 1898
- Краљевић Марко по други пут међу Србима (Kraljević Marko entre os serbios por segunda vez), 1901
- Вођа (Líder), 1901
- Мртво море (Mar morto), 1902
- Данга (Marca), 1899
- Размишљање једног обичног српског вола (Razoamento dun boi serbio común), 1902
Relatos Líder, Marca e Razoamento dun boi serbio común foron traducidos ao galego para o Proxecto “Radoje Domanović.[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Biografía de Radoje Domanović na páxina web do Proxecto “Radoje Domanović”
- ↑ Obras de Radoje Domanović Arquivado 23 de xaneiro de 2021 en Wayback Machine. na páxina web do Proxecto “Radoje Domanović”
- ↑ Lista de traducións de obras de Radoje Domanović na páxina web do Proxecto “Radoje Domanović”
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Obras completas de Radoje DomanovićArquivado 23 de xaneiro de 2021 en Wayback Machine. (en serbio) (en galego)