Asasinato de Alexandre I de Serbia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Asasinato de Alexandre I de Serbia
Le Petit Parisien - May Overthrow.jpg
Ilustración do diario francés Le Petit Parisien sobre o asasinato de Alexandre de Serbia e a súa dona.
Contexto do acontecemento
Data29 de maioxul./ 11 de xuño de 1903greg.
LugarBelgrado, Serbia.
ImpulsoresOficiais do Exército serbio e políticos desafectos.
Goberno previo
GobernanteAlexandre I de Serbia
Forma de gobernoMonarquía autoritaria
Goberno resultante
GobernantePedro I de Serbia
Forma de gobernoMonarquía parlamentaria

O asasinato de Alexandre I de Serbia[a] tivo lugar o 29 de maioxul./ 11 de xuño de 1903greg. no palacio real de Belgrado. No ataque foron asasinados tanto o rei serbio como a súa dona, a raíña Draga Mašin, e o acontecemento foi crucial na historia do país, xa que produciu unha mudanza de dinastía, de modelo político e de orientación en política internacional.

Alexandre ascendeu ao trono do seu país en 1889,[2] o que non puxo fin aos continuos conflitos entre o seu pai, Milan I de Serbia, e a súa nai, Natalia Obrenović.[3] A este período de disputas entre os seus pais seguiu a formación dun duunvirato de feito entre Alexandre e seu pai —logo da eliminación da rexencia—, ata a súa toma do poder persoal en 1894.[3] En 1897 e tras a ruptura entre Alexandre e a súa nai, reforzouse a alianza entre pai e fillo e púxose fin aos intentos de concordia co Partido Radical Popular.[4] O poder gobernamental quedou nas mans do soberano, cunha prensa censurada e unhas Cortes controladas pola policía do réxime real.[5]

A comezos de 1900 Alexandre prometeu casar cunha princesa europea ese mesmo ano; a sucesión convertérase daquela nun problema gobernamental.[6] Con Milan xestionando a súa voda alemá no estranxeiro, o primeiro ministro tamén fóra do país e a pesar da oposición de altos funcionarios e oficiais, Alexandre comunicou ao seu pai os seus plans de voda con Draga Mašin a comezos de xullo.[7] Milan renunciou ao seu posto como comandante en xefe do Exército en protesta polos plans do seu fillo; os diversos rumores desfavorables á futura raíña —a quen se tachaba de filla dun demente e unha bébeda, de antiga amante de Milan e de estéril— fixeron o anuncio da inminente voda moi impopular.[8] Logo da voda, a nova soberana comezou a interferir nos asuntos de Goberno e a amosar unha grande influencia no seu marido, que tratou de mellorar a imaxe popular da súa dona.[9] O rei tentou achegarse aos Radicais, que contaban con firme apoio ruso, pero isto non serviu para acabar coa oposición; carente da habilidade de seu pai para xestionar a política interior, enfrontábase a unha crise política crecente.[10] A nova aparecida na primavera de 1901 de que Draga simulara un embarazo —cuxo parto era inminente— avivou o rexeitamento popular cara á soberana.[11] O fracaso de novos intentos de mellorar a reputación da raíña deron paso a outra onda de represión da oposición.[11]

Incómodo como monarca constitucional, Alexandre tratou de interferir constantemente nos labores gobernamentais.[12] Os Radicais, desexosos de acaparar o poder logo da súa gran vitoria electoral do verán de 1901, comezaron a afastarse do rei, ao que comezaron a culpar da grave crise económica do país.[13] No outono forzaron a dimisión do Goberno de coalición cos Progresistas.[14] Formouse un novo Goberno co xeneral Cincar-Marcović á fronte que incluía militares e Radicais favorables ao rei.[15] O gabinete tivo que enfrontarse ao rexeitamento da oposición e a unha gran manifestación encabezada polos estudantes que o 23 de marzoxul./ 5 de abril de 1903greg. exixiu a implantación dunha Constitución democrática.[16] Tras a dura represión da marcha, o rei concentrou en si mesmo o poder gobernamental.[16] Alexandre carecía ademais de firme apoio das potencias rexionais —Austria-Hungría e Rusia—.[17] Por outra banda, as relacións cos veciños Montenegro e con Bulgaria eran malas, debido á permanente disputa polo control de Macedonia.[17]

O réxime do rei Alexandre era cada vez máis impopular en todas as clases sociais.[18] En 1901 organizouse unha conspiración contra o soberano, fundamentalmente de membros do corpo de oficiais;[19] a prensa da oposición atizaba o descontento dos militares.[20] A principios de 1903 a situación era de gran tensión e o esmagamento das protestas de marzo e os plans do monarca de purgar o Exército de elementos desafectos aceleraron o plan para eliminalo.[18]

Temendo un golpe de man do rei contra eles, os confabulados decidiron atacar o palacio real a noite do 27 de maioxul./ 9 de xuño de 1903greg..[21] Ás 2 da mañá, en calma total, o palacio foi rodeado de acordo co plan.[22] Os atacantes venceron os gardas do interior do palacio e procederon a empregar artillaría e dinamita para asegurarse da morte dos monarcas, aos que non lograban atopar.[23] Os oficiais atoparon finalmente a cámara segreda onde se escondían Alexandre e Draga, que a abandonaron tras serlles garantida a súa seguridade; inmediatamente, os conspiradores dispararon contra eles.[24] Ademais dos monarcas, durante o golpe morreron o primeiro ministro, o ministro da Guerra e os irmáns da raíña.[24] Inmediatamente nomeouse un novo Goberno provisional e Pedro Karađorđević foi chamado para ocupar o trono vacante.[25]

O golpe de Estado e o asasinato dos soberanos non foi unha revolución, xa que non mudou o poder político nin a orde social, senón un cambio de dinastía —a Obrenović extinguiuse— e de goberno, así como de política internacional: o novo réxime achegouse a Rusia e creceu a hostilidade cara a Austria-Hungría, da que ata o momento Serbia dependera política e economicamente.[26]

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Primeiros anos de reinado[editar | editar a fonte]

Alexandre ascendeu ao trono de Serbia ao abdicar seu pai Milan en 1889.[2] A abdicación, un triunfo do modelo de goberno parlamentario, non puxo fin aos continuos conflitos entre o exmonarca e a súa dona, Natalia Obrenović, nos que se viron envoltos decotío os políticos serbios.[3] Durante esta primeira etapa de rexencia, os Radicais dominaron o Goberno grazas á súa vitoria electoral de 1889.[27] A este período de disputas entre os seus pais seguiulle a formación dun duunvirato de feito entre Alexandre e seu pai —logo da eliminación[28] da rexencia por ambos en abril de 1893—, ata a súa toma do poder personal en 1894.[3] En maio dese mesmo ano restaurou a Constitución de 1869, máis conservadora que a de 1888.[29] Paulatinamente, e en especial pola decisión de Alexandre de permitir o regreso de seu pai a Serbia a comezos de 1895, ademais da abolición da Constitución de 1888 e a purga de funcionarios simpatizantes co partido, a relación entre o rei e os Radicais foi empeorando.[29] En 1897 e logo da ruptura entre Alexandre e súa nai —máis favorable que Milan aos Radicais—, reforzouse a alianza entre pai e fillo e púxose fin aos intentos de concordia cos Radicais.[4] O poder gobernamental quedou en mans do soberano, con Vladan Đorđević como primeiro ministro -que non puidera elixir os ministros do seu Goberno-, unha Administración purgada de Radicais, unha prensa censurada e unhas Cortes controladas pola policía do réxime real.[5]

Crise polo matrimonio do rei[editar | editar a fonte]

Alexandre I de Serbia e a súa dona, a raíña Draga Mašin.

O casamento do novo monarca, solteiro, enfrontou de novo[b] aos seus proxenitores: a súa nai prefería unha voda cunha princesa rusa ou montenegrina; o seu pai, con algunha princesa alemá.[6] Tras varias xestións nas cortes europeas nos últimos anos do século, Alexandre prometeu a comezos de 1900 casar cunha princesa europea ese mesmo ano.[6] A sucesión convertérase para entón nun problema gobernamental.[6]

A candidata respaldada por Austria-Hungría e o Imperio alemán, a princesa Alexandra von Schaumburg-Lippe, proposta polos austrohúngaros en marzo de 1900, pareceu recibir a aprobación de Alexandre,[31] que encargou en xuño ao seu pai realizar as xestións necesarias para organizar a voda.[32] Esta debía cimentar a alianza serbo-austrohúngara e perpetuar o control político de Milan.[33]

Alexandre, con todo, xa coñecera a Draga Mašin —doce anos maior que el—,[34] filla do antigo alcalde de Šabac e viúva dun enxeñeiro checo.[35] Acollida baixo a protección da raíña Natalia, converteuse na súa dama de compañía na súa vila de Biarritz, onde a raíña se instalou en 1890.[30] Alexandre coñeceuna en 1894 e namorou dela nunha visita á súa nai en 1897.[30] Atraído por ela, permitiu o regreso de Natalia a Serbia en 1895 e, aínda que as intromisións da súa nai fixeron que esta se volvese exiliar en xuño de 1897, Draga regresou en outono ao país, xa como amante do rei, coñecida como tal por toda a alta sociedade do país.[30] Milan, a pesar do seu rexeitamento cara a Draga, tolerouna.[36] Draga atraeu a Alexandre e logrou a súa promesa de matrimonio.[36]

Con Milan xestionando a súa voda alemá no estranxeiro, o primeiro ministro tamén fóra do país e a pesar da oposición de altos funcionarios e oficiais, Alexandre comunicou[31] ao seu pai os seus plans de voda con Draga a comezos de xullo.[7] O día seguinte, 8 de xulloxul./ 21 de xullo de 1900greg., o Consello de Ministros en pleno, oposto ao casamento, presentou a súa dimisión ao rei,[31] non sen tentar infrutuosamente enviar ao exilio a Draga.[37] O soberano aceptou a renuncia dos seus ministros despois de que estes proclamasen a futura voda e forzou a súa aceptación polo bispo metropolitano da Igrexa ortodoxa serbia.[8] Milan renunciou ao seu posto como comandante en xefe do Exército en protesta polos plans do seu fillo.[8] Sen goberno polo rexeitamento dos posibles novos ministros a aceptar formar un, e con diversos rumores desfavorables á futura raíña —á que se tachaba de filla dun demente e bébeda, de antiga amante de Milan e de estéril—, o anuncio da inminente voda resultou moi impopular.[8]

A pesar de lograr finalmente formar un novo gabinete, a oposición ao casamento seguía sendo intensa, especialmente entre os militares —ningún xeneral aceptou converterse en ministro de Defensa do novo Goberno—[31] e a alta sociedade da capital.[38] A pesar dos temores de Alexandre de que o seu pai regresare e tratase de impedir a voda co apoio dos militares,[31] Milan finalmente abandonou a idea, falto de apoio austrohúngaro.[39] O respaldo ruso á voda —esaxerado polo embaixador en Belgrado—, con todo, favoreceu os plans do rei e a popularidade final da cerimonia,[31] que se celebrou o 23 de xulloxul./ 5 de agosto de 1900greg. con máis pompa da planeada inicialmente.[9]

Logo da voda, a nova raíña comezou a interferir nos asuntos de Goberno e a amosar unha grande influencia no seu marido, que tratou de mellorar a imaxe popular da súa dona.[9] Realizouse unha purga dos políticos e militares considerados desafectos e próximos a Milan, do que Alexandre temía que regresase con axuda austrohúngara.[40] Os intentos de que a parella real fose recibida nalgunha corte europea para aumentar o prestixio da nova raíña fracasaron.[41]

Crise dinástica[editar | editar a fonte]

Alexandre estaba convencido da hostilidade dos Radicais e da súa colusión co Imperio ruso.[36] Este convencemento, compartido polo seu pai, fixo que este regresase en 1897, volvese residir no palacio real e se convertese en xefe do Exército.[5][36] Logo do anuncio de voda no verán de 1900 mentres se encontraba en Austria, Milan, contrario ao casamento, decidiu permanecer no exilio en Viena.[39][42][c]

A represión daqueles opostos ao seu matrimonio non acabou co rexeitamento a este, que continuou privadamente.[40] O rei tratou de achegarse aos Radicais, que contaban co firme apoio ruso, pero isto non serviu para acabar coa oposición.[44] O monarca, carente da habilidade de seu pai para xestionar a política interior, enfrontábase a unha crise política crecente.[10] Os partidarios do seu pai foron apartados da Administración e do Exército.[45] A inesperada morte de Milan por mor da gripe o 29 de xaneiroxul./ 11 de febreiro de 1901greg.[44] eliminou, con todo, parte da aprensión[45] da raíña á súa intervención.[46]

En marzo Alexandre aceptou relevar o goberno e encargar a formación dun novo a Radicais —divididos axiña entre partidarios do acordo co monarca e opostos a dito acordo—[20] e Progresistas, que redactaron unha nova Constitución —promulgada o 6 de abrilxul./ 19 de abril de 1901greg.— que puxo fin ao goberno persoal do rei que comezara en 1894.[47][45] A pesar do seu conservadorismo, a nova Constitución recurtaba notablemente os poderes do soberano e transferíaos ás novas Cortes bicamerais.[47] Alexandre continuaba podendo, con todo, controlar a composición do Consello de Ministros e limitar a influencia dos Radicais, de novo triunfadores nas eleccións de xullo de 1901.[45]

A promulgación da Constitución, outorgada en parte para asegurar os dereitos do heredeiro ao trono que se supuña estaba a punto de nacer, precedeu a un novo escándalo.[48] A finais do verán de 1900 e a pesar de que aquilo constituía unha confesión de relacións previas ao matrimonio, o Goberno anunciara por orde real o embarazo[20] da raíña.[48] Avisados por Natalia da esterilidade de Draga, os rusos decidiron enviar os seus propios médicos a examinar a raíña; estes certificaron o falso[20] embarazo e a enfermidade da raíña, que sufría un tumor.[48] Draga volveu simular embarazos o ano seguinte, e a nova de que non habería heredeiro avivou o rexeitamento popular cara á soberana.[11][20] O fracaso de novos intentos de mellorar a reputación da raíña deron paso a outra onda de represión da oposición.[11] O escándalo fixo que Alexandre, consciente do descrédito popular que acarreara, tratase de apoiarse cada vez máis nos rusos para restaurar a súa imaxe e, en especial, nunha recepción imperial á parella real, que nunca chegou a celebrarse.[49]

As novas eleccións do verán deron unha ampla vitoria aos Radicais.[11] O novo Parlamento albergou intensas sesións con duras críticas da oposición á situación do país e ao rei, que este non aceptou.[12] Incómodo como monarca constitucional, tratou de interferir constantemente nos labores gobernamentais.[12] Os Radicais, desexosos de acaparar o poder logo da súa gran vitoria electoral, comezaron a afastarse do rei, ao que comezaron a culpar da grave crise económica do país.[13] En outono, forzaron a dimisión do Goberno de coalición cos Progresistas.[14]

O 6 de novembroxul./ 19 de novembro de 1902greg. formouse un novo Goberno co xeneral Dimitrije Cincar-Marcović á fronte que incluía militares e Radicais favorables ao rei.[15] O seu programa incluía a reforma da Constitución e o intento de recuperar o apoio dos partidos políticos ao monarca.[15] En realidade, o gabinete tivo que enfrontarse ao rexeitamento da oposición e a unha gran manifestación encabezada polos estudantes que o 23 de marzoxul./ 5 de abril de 1903greg. exixiu a implantación dunha Constitución democrática.[16] Logo da dura represión da marcha, que acabou coa intervención do Exército, varios mortos e máis de cen detidos, o soberano suspendeu o día seguinte a Constitución durante arredor dunha hora,[20] o suficiente como para cambiar diversas leis fundamentais, entre elas a electoral ou a de prensa.[16][17][d] A nova lei e a intimidación policial aos partidos obtiveron o resultado desexado: unhas novas Cortes favorables ao rei, que concentrou en si mesmo o poder gobernamental.[16]

Mentres, en política internacional, o país abandonara a súa proximidade a Austria-Hungría que caracterizara[51] o período de máis estreita colaboración entre Milan e Alexandre ata a súa ruptura polo matrimonio deste (1897-1900) para apoiarse en Rusia polo respaldo que esta outorgara á voda entre Alexandre e Draga.[17] O amparo ruso foi, con todo, intermitente e condicionado, e levou ao empeoramento[52] das relacións co Imperio austrohúngaro.[17][e] Unha vez quebrantada a promesa de casar coa princesa alemá en 1900, a actitude do emperador Guillerme II de Alemaña tamén resultou hostil a Alexandre.[54] Por outra banda, as relacións co Principado de Montenegro[55][f] e co Principado de Bulgaria eran malas, debido á permanente disputa polo control de Macedonia.[17][g] Os intentos de Alexandre de volver achegarse aos austrohúngaros, que comezaron a finais de 1902, resultaron infrutuosos; Viena consideraba que os xestos do rei non eran máis que un xeito de presionar a San Petersburgo para obter o seu favor.[58][h]

Conspiracións contra a parella real[editar | editar a fonte]

O réxime do rei Alexandre era cada vez máis impopular en todas as clases sociais.[19] En 1901 organizouse unha conspiración contra o soberano, fundamentalmente de membros do corpo de oficiais.[19] Estes non só se encontraban insatisfeitos polo empeoramento da súa situación económica desde a marcha de Milan, senón que en xeral condenaban como un baldón do corpo de oficiais a voda real cunha muller que consideraban de pasado promiscuo.[20] A prensa da oposición atizaba o descontento dos militares.[20] Os políticos, pola contra, trataron sen éxito de chegar a un acordo co monarca.[19] A comezos de 1903 a situación era de gran tensión e o esmagamento das protestas de marzo e os plans do monarca de purgar o Exército de elementos desafectos aceleraron o plan para eliminalo.[19]

Ademais dos oficiais do Exército, a conspiración contra Alexandre contou coa participación de políticos do Partido Liberal e do Progresista, aínda que non do Radical, a pesar de ser este o principal partido do país e de opoñerse ao rei.[59] Os oficiais confabulados non contaban con política ou filosofía de goberno máis aló da oposición ao monarca,[60] uns por razóns personais e outros por conviccións nacionalistas.[59] Os civís tampouco tiñan un programa completamente definido; algúns deles eran antigos colaboradores do rei.[59] Aínda que xenericamente defendían un goberno parlamentario e constitucional e unha política exterior favorable a Rusia, non existía unanimidade.[59]

Dragutin Dimitrijević «Apis», un dos principais oficiais confabulados contra Alexandre.

Mentres os oficiais preparaban o plan para eliminar a parella real, os civís preocupáronse de buscar un substituto para o rei.[61][62] Logo de descartar a posibilidade de candidatos rusos ou alemáns pola oposición das potencias rivais, acordouse ofrecer o trono ao pretendente da familia rival aos Obrenović, Pedro Karadorđevic, exiliado en Xenebra.[61]

Pedro mostrou reticencias a asociarse aos conspiradores e as negociacións leváronse a cabo principalmente a través dos seus representantes, máis dispostos que el mesmo a apoiar a tentativa.[61] O ano 1902 os conspiradores empregáronse en descubrir a postura de Rusia e Austria-Hungría respecto do golpe e a negociar con Pedro.[61] Tamén en estender a rede conspirativa ás provincias e ás distintas gornicións do país.[63]

En varias ocasións os confabulados pensaron estar a piques de ser descubertos e detidos pola policía, especialmente logo das protestas de marzo de 1903, cando varios deles foron detidos.[64] A dureza do goberno do primeiro ministro e xeneral Cincar-Marković, a supresión das protestas de marzo de 1903, e o golpe de Estado real do 24 de marzoxul./ 6 de abril de 1903greg. acentuaron a oposición a Alexandre e aumentaron o número de partidarios do golpe.[63] A principios do ano abandonáranse varios plans para asasinar os reis nas provincias pola dificultade de neutralizar o Goberno dende fóra da capital.[63]

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Os últimos días de maio os rumores sobre a conspiración contra o matrimonio real eran tan intensos que este só se sentía seguro en palacio.[65] O propio soberano recibira un aviso sobre a confabulación o 25 de maioxul./ 7 de xuño de 1903greg. dun axente ruso chegado de Bulgaria.[65]

Nerviosos tras os disturbios de marzo que produciran o encarceramento dalgúns dos conspiradores e temendo un golpe de man do rei contra eles, o mesmo día que o monarca recibía a confidencia do axente ruso os confabulados decidiron atacar o palacio real dous días máis tarde, a noite do 27 de maioxul./ 9 de xuño de 1903greg..[65]

O plan consistía en enviar ao Palacio Vello de Belgrado vinte e oito oficiais, todos de provincias e sen mando en tropa na capital, para mandar tres batallóns do 6.º Rexemento, o 7.º ao completo, unha batería de artillaría e un escuadrón de cabalaría, que debían rodear o edificio e impedir o socorro ao rei.[65] O ataque realizaríase ás 2 da mañá do día elixido, tras reunir os oficiais, que pasarían a tarde anterior en grupos separados.[65] O tenente da garda Petar Živković ofreceuse a abrirlles as portas do palacio.[65] O capitán da garda foi drogado.[66][67]

Ao principio o golpe desenvolveuse de acordo ao plan previsto. Mentres o palacio quedaba sitiado arredor das doce e media,[68][69] os conspiradores rodearon as residencias do primeiro ministro, do ministro de Interior e do de Guerra, e a do presidente do Senado.[66] Tomaron tamén as oficinas de Correos e Telégrafos e o concello da capital.[66] Non se informara aos soldados de por que se lles ordenaba marchar cara ao palacio real.[70]

Esa noite celebrárase unha cea e concerto en palacio e o ministro da Guerra recibira unha carta sobre o inminente ataque, que non chegou a ler.[66] Os soberanos retiráranse ás súas habitacións contra a medianoite.[67] Ás 2 da madrugada, en calma total, o palacio foi rodeado de acordo ao plan.[66] Tras franquear as portas grazas á axuda de Živković, os atacantes abalanzáronse sobre a garda e incendiouse o palacio.[66] Logo dun intento da garda de opoñerse aos oficiais que penetraran no palacio, Živković ordenoulles non interpoñerse por orde do soberano.[71]

Ao non encontrarse as chaves da porta da cámara principal onde se esperaba encontrar aos reis, dinamitouse.[72] Un dos axudantes de campo do rei, que debía franquear o paso ao palacio e non o fixo, foi asasinado por Dragutin Dimitrijević «Apis».[73] A explosión fixo tremer o edificio e alarmou a veciñanza.[71] A detonación e os disparos alertaron aos xendarmes próximos, que comezaron a disparar contra os asaltantes.[74] Os xendarmes dunha comisaría próxima foron derrotados polos soldados que rodeaban o palacio e os do interior foron convencidos de que os soldados estaban alí por orde do rei, que pensaba exiliar a raíña aquela noite.[73]

Os atacantes venceron os gardas do interior do palacio; procederon ademais a empregar a artillaría e a dinamita para asegurarse da morte dos monarcas, aos que no lograban atopar.[72] O palacio encontrábase en total escuridade, tras perderse a iluminación eléctrica, o que forzaba aos asaltantes a buscar os monarcas na penumbra das candeas.[73] Temendo en calquera momento a chegada de tropas de auxilio ao rei e desconfiando das súas propias forzas, que descoñecían o propósito para o que foran movilizadas, os oficiais redobraron os seus esforzos para tratar de encontrar os soberanos.[72]

Os oficiais forzaron o axudante do rei, Lazar Petrović, a chamalo para facerlle crer que o golpe fracasara e podía abandonar o seu escondedoiro.[75] Un dos oficiais atopou a cámara segreda e entón Petrović, tras tentar convencelos de que o rei non se encontraba nela, ofreceuse a facelo saír a cambio da súa seguridade.[75][76] Antes de saír, o rei preguntou se podía contar coa lealdade dos seus oficiais, que estes confirmaron para, a continuación, dispararlle nada máis abandonar o seu acocho.[75] Petrović, que ocultara un arma e tratou de defender o monarca, caeu morto tamén.[75] A raíña, que se abalanzou sobre Alexandre para tratar de protexelo, recibiu dezaoito balazos; o rei trinta.[75] A continuación, os cadáveres dos monarcas foron mutilados con sabres.[75] Os soberanos faleceron ás 3:50 da madrugada do 25 de maioxul./ 7 de xuño de 1903greg..[75]

Só entón os oficiais comunicaron ás tropas que ocupaban o palacio a morte do rei, que foi celebrada.[75] Os corpos dos soberanos foron lanzados por unha ventá do palacio ao xardín.[75][77] Os cadáveres foron retirados en torno ás catro da mañá, a petición do embaixador ruso, que se achegara ao palacio dende a súa residencia, a uns metros do mesmo.[77]

Ademais dos monarcas, durante o golpe morreron o primeiro ministro,[78][62] o ministro da Guerra[79][62] e os irmáns da raíña, Nikola e Nikodije.[75] O ministro de Interior, dado por morto, logrou sobrevivir[62] ao ataque.[75] O comandante da División do Danubio, que tratou de opoñerse ao golpe e mobilizar tropas na súa contra, tamén morreu.[80]

A igrexa de San Marcos en Belgrado, onde os golpistas enterraron os monarcas asasinados.

Inmediatamente despois da morte dos soberanos os confabulados nomearon un novo Goberno provisional.[81] Formárono catro membros da conspiración contra Alexandre xunto con seis representantes dos principais[51] partidos, aínda que ningún dos seus dirixentes destacados, que naquel momento non se encontraban na capital.[81] Encabezou o novo gabinete Jovan Avakumović.[81]

Os cadáveres dos monarcas, xunto cos doutras vítimas do golpe, trasladáronse á igrexa de San Marcos en luxosos ataúdes na madrugada do 30 de maioxul./ 12 de xuño de 1903greg..[82] Logo dun servizo relixioso ao que asistiron como testemuñas algúns dos confabulados e que vixiou a xendarmería, os soberanos foron enterrados arredor das 3 da mañá.[82]

Consecuencias[editar | editar a fonte]

A mesma mañá do día 12 o novo Goberno restaurou a Constitución de 1901 e convocou a Asemblea de Deputados (serbio: Skupština) e o Senado o día seguinte,[51] segundo estaban constituídos antes das eleccións de 1903.[82] Os conspiradores, con todo, carecían dun programa político máis aló da súa oposición aos monarcas asasinados.[19] A maioría defendía un regreso á dinastía Karađorđević, aínda que unha minoría avogaba pola creación dunha república, algo inaceptable para Austria-Hungría e Rusia, polo que se optou finalmente por chamar[51] a Pedro I de Serbia.[19]

O golpe de Estado e o asasinato dos soberanos non foi unha revolución, xa que non mudou o poder político nin a orde social, senón unha mudanza de dinastía —a Obrenović extinguiuse—[62] e de goberno,[19] así como de política internacional: o novo réxime achegouse a Rusia e creceu a hostilidade cara a Austria-Hungría, da que ata o momento Serbia dependera política e economicamente.[83] A nova etapa que comezou co asasinato de Alexandre, Draga e parte do seu Goberno levou a unha crecente independencia económica do Imperio austrohúngaro, unha maior liberdade política,[83] e un retorno á política nacionalista e expansionista, que aumentou os conflitos cos países veciños.[84]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Coñecido tamén como Golpe de maio, en serbio: Мајски преврат, Majski prevrat.[1]
  2. As disputas entre os dous esposos foron constantes. Divorciados en outubro de 1888, alternáronse en residir en Serbia: Milan, subsidiado por Rusia, renunciou aos seus dereitos e exiliouse en París en 1889, mentres que Natalia regresaba a Serbia. En maio de 1891, Natalia foi expulsada e Milan regresou en abril de 1893, ao mesmo tempo que recuperaba os seus dereitos dinásticos. En 1895 os papeis volveron intercambiarse, para facelo novamente en 1897.[30]
  3. Na carta ao seu fillo na que amosaba o seu rexeitamento Milan prognosticou:[43]
    Querido fillo:
    A pesar do meu gran desexo de acceder á túa petición, non podo dar o meu consentimento ao casamento imposible polo que te decidiches. Deberías saber que, de consumar o teu desexo, empurrarías Serbia á catástrofe. A nosa dinastía sufriu moitos golpes e aínda así sobreviviu. Mais este sería tan duro que nunca se recuperaría del. Aínda tes tempo de recapacitar. Se a túa decisión é, como afirmas, irrevocable, nada me queda xa por facer senón rogar a Deus pola nosa patria. Serei eu o primeiro en dar a benvida ao Goberno que te expulse do país despois desta loucura túa.
    Teu pai, Milan.
  4. Rusia, a pesar de tratarse dunha potencia cun goberno autocrático, criticou duramente a infracción da Constitución serbia polo monarca.[50]
  5. O entorpecemento austrohúngaro do comercio bilateral entre xullo de 1901 e xuño de 1902 —tradicional medida de presión a Belgrado— prexudicou gravemente a Serbia, moi dependente do comercio coa potencia veciña.[53]
  6. A mala relación con Montenegro debíase tamén á hostilidade persoal de Alexandre cara a familia real montenegrina. O seu príncipe Nicolao I de Montenegro lograra a ansiada recepción na corte do tsar ruso e sospeitaba que as fillas daquel, casadas con grandes duques rusos, frustraran a posibilidade de lograr unha para si.[56]
  7. A decadencia do Imperio Otomán avivou a disputa entre Grecia, Bulgaria e Serbia polo control de Macedonia, que as tres nacións consideraban parte histórica do seu territorio. A falta dun nacionalismo macedonio propio e a diversidade de crenzas relixiosas e culturais favoreceu o conflito.[57]
  8. A comezos de 1903 chegou a enviar secretamente un representante a Viena para ofrecer concesións que converterían o país novamente nun protectorado austrohúngaro como en tempos do seu pai, a cambio do respaldo imperial na disputa macedonia con Bulgaria e do auxilio austrohúngaro contra calquera maquinación rusa para substituír a dinastía en Serbia.[58]
Referencias

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]