Qat

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O qat (Catha edulis) é unha planta da familia Celastraceae, unha fanerógama, orixinaria de zonas tropicais da África oriental. É unha planta estimulante orixinaria do corno de África, que se naturalizou na África oriental e na Península Arábica. É particularmente común en Somalia e no Iemen, que se consome esmagada e coa que se comercia (moitas veces ilegalmente) até Arabia Saudita.

Descrición[editar | editar a fonte]

É un arbusto ou arboriña pequena, que medra uns 5-8 m de alto, coas follas perennes de 5–10 cm × 1–4 cm. As flores xorden en curtos acios axilares de 4 a 8 cm de longo, miúdas e con cinco pétalos brancos. O froito é unha cápsula trivalvada oblonga que contén de 1 a 3 sementes.

Principios activos[editar | editar a fonte]

Molécula de catinona.
Un home somalí a preparar qat en Mogadiscio.

O qat é un estimulante vexetal que se mastiga, usado tradicionalmente no Iemen, Etiopía, Somalia e outros países árabes veciños do Corno de África. Trátase da planta coas propiedades psicoestimulantes máis potentes que se coñece até o momento. Os seus principios activos son os alcaloides psicotrópicos catina e catinona. Ambas as dúas son moléculas psicoestimulantes, derivadas da fenetilamina, e emparentadas química e funcionalmente coas anfetaminas. En particular, a catinona é a máis activa das dúas, e é coñecida, ademais, porque serve de substrato para a obtención dunha poderosa droga, a metcatinona. Esa síntese química realízase de xeito relativamente sinxelo e a baixo custo, en laboratorios clandestinos distribuídos ao longo dos EUA, e o seu mercado é crecente por mor da semellanza da metcatinona coa metanfetamina. Porén, a fonte e precursores para producir este derivado sintético non saen da planta, senón dos mesmos compostos que se usan para producir metanfetamina, como a efedrina e outros derivados similares.

Os efectos desta droga son semellantes aos das outras aminas simpaticomiméticas, producindo estimulación do sistema nervioso central e sensación de estimulación e euforia a nivel psíquico. Malia o dito por algúns medios, os seus efectos pouco teñen que ver cos da cocaína e o seu uso moderado non ten problemas, sendo esa a razón pola que os seus países de orixe optaron por non prohibila, mais o seu abuso, sobre todo por grupos de parados e de mozos, si pode acarrexar problemas para o consumidor. O seu prezo é baixo en países onde é legal, pero a prohibición, por exemplo a de 2014 no Reino Unido, multiplicou o seu prezo por 10. Un feixe da mesma, que se usa de xeito semenllantes á planta da coca, mastigándose, pasou de 3 a 30 libras esterlinas.[Cómpre referencia] Noutros lugares pode alcanzar un prezo duns 300 euros o kg, como nos países occidentais, e até 600 dólares/kg nos Estados Unidos.[Cómpre referencia]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]