Prosoma

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Anatomía externa dunha araña:
c: prosoma; a: opistosoma; q: quelíceros; p: pedipalpos; l1-l4: patas marchadoras; h: fieiras.

Chámase prosoma ao tagma anterior dos dous en que se divide o corpo dos quelicerados (arácnidos e merostomados). O tagma posterior é o opistosoma.[1]

O prosoma ás veces é denominado cefalotórax, termo desaconsellado xa que non é homólogo do cefalotórax dos crustáceos.

Nas arañas e nos amblipixios existe unha constrición ou cintura (pedicelo) que separa o prosoma do opistosoma, pero no resto dos arácnidos o límite entre ambos os tagmas é menos evidente.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O termo prosoma está formado polo elemento do grego antigo προ- pro-, derivado do adverbio πρό pró, "diante", "adiante", e a palabra σῶμα sôma, "corpo". Literalmente: a parte dianteira do corpo.

Características[editar | editar a fonte]

Os quelicerados non teñen unha cabeza diferenciada do resto do corpo. Na maioría dos quelicerados o prosoma comprende un ácron sen segmentar, seguido de seis segmentos unidos que, coa cutícula endurecida dos seus escleritos tergais, forman unha especie de caparazón continuo chamado escudo dorsal ou escudo prosómico,[1] co que o prosoma adquire unha estrutura ríxida e compacta. Porén, nalgúnos grupos, como os opilións e os solífugos, os dous últimos segmentos do prosoma son libres.

O prosoma tamén porta os ollos (simples) e a boca, así como diversos apéndices (quelíceros, pedipalpos) e catro pares de patas marchadoras, pero non antenas.[1]

O prosoma realiza, por tanto, funcións sensoriais e de coordinación, inxestión de alimento e locomoción.

Segundo Armengol (p. 88):[2]

É practicamente imposíbel deducir con seguridade, a través dos elementos externos, cantos e cales son os metámeros que integran o tagma anterior do corpo (prosoma).

Pero, a pesar da categórica afirmación anterior, tradicionalmente se interpretaou que o prosoma dos quelicerados é o resultado da fusión da cabeza e o tórax.[2][3]

Porén, diversos estudos comparados recentes de xenes homeobox,[4][5][6] proporcionan grandes evidencias de que o prosoma sería en realidade a cabeza, e que os quelicerados serían unha liñaxe con sete segmentos cefálicos, en vez dos seis típicos dos mandibulados (crustáceos, miriápodos e hexápodos).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Garrido, Carlos (1997).
  2. 2,0 2,1 Armengol, J. et al. (1986).
  3. Brusca, R. C. & Brusca, G. J. (2005).
  4. Telford, M. J. & Thomas, R. H. (1998): "Expression of homeobox genes shows chelicerate arthropods retain deutocerebral segment". Proc. Natl. Acad. Sci. USA, 95: 10671-10675.
  5. Averof, M. (1998): "Origin of spider's head". Nature, 395: 436-437.
  6. Damen, W. G. M. et al. (1998): "A conserved mode of head segmentation in arthropods revealed by expression pattern of Hox genes in a spider". Proc. Natl. Acad. Sci. USA, 95: 10665-10670.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Brusca, R. C. e G. J. Brusca (2005): Invertebrados. Madrid: McGraw-Hill Interamericana de España. ISBN 978-84-486-0246-8.
  • Frings, H. e Frings, M. (1975): Conceptos de Zoología. Madrid: Editorial Alhambra. ISBN 84-205-0505-6.
  • Garrido, Carlos (1997): Dicionário terminológico quadrilíngue de zoologia dos invertebrados. A Coruña: Associaçom Galega da Língua. ISBN 84-8730-512-1.
  • Grassé, P.-P., E. A. Poisson e O. Tuzet (1976): Invertebrados. (En Grassé, P.-P., Zoología, vol. 1) Barcelona: Toray-Masson. ISBN 84-311-0200-4.
  • Meglitsch, P. A. (1986): Zoología de invertebrados, 2ª edición. Madrid: Ed. Pirámide. ISBN 84-368-0316-7.
  • Rupppert, E. E.; R. S. Fox & R. D. Barnes (2004): Invertebrate Zoology 7ª ed. Stamford, Connecticut (EE.UU.): Brooks/Cole ISBN 0-03-025982-7.

Outros artigos[editar | editar a fonte]