Portal:Islandia/Cabezallo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Islandia (en islandés: Ísland) é un país insular situado na Dorsal Medio Atlántica, e xeralmente englobada en Europa. A illa está bañada polo océano Atlántico ao sur e ao oeste e polo mar de Noruega ao norte e ao leste. Os territorios máis próximos son Groenlandia ao noroeste, da cal está separada polo estreito de Dinamarca, as Illas Feroe ao sueste e, bastante máis lonxe, a illa norueguesa de Jan Mayen ao nordeste.

Debido á súa localización na Dorsal mesoatlántica, Islandia é unha illa xeoloxicamente activa e con moita actividade volcánica; esta localización é a causante da paisaxe característica islandesa. A paisaxe do interior da illa caracterízase pola presenza de grandes chairas, montañas e glaciares. Grazas á Corrente do Golfo, Islandia posúe un clima menos rigoroso que o que lle correspondería pola súa latitude, e por iso pode desenvolverse a vida na illa.

Islandia está habitada dende o ano 874 cando, segundo o Landnámabók, o xefe noruegués Ingólfur Arnarson converteuse no primeiro habitante permanente da illa. Co paso dos séculos a illa poboouse con xentes de orixe nórdica e céltica. Entre 1262 e 1944 a illa pertenceu ás monarquías norueguesa e dinamarquesa. Até o século XX, a poboación islandesa adicouse principalmente actividades relacionadas coa pesca e a agricultura, non foi até finais deste século cando a economía islandesa comezou a desenvolverse e a virar cara a outras actividades.

Hoxe en día Islandia é un país desenvolvido, o quinto país do mundo en canto a Produto Interior Bruto per cápita e o primeiro, xunto con Noruega, en canto a desenvolvemento humano. A illa é membro da Organización das Nacións Unidas, da Organización do Tratado do Atlántico Norte, do Consello de Europa, da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico e do Consello Nórdico.