Ponte de Gundián

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Ponte de Gundián
Ponteulla Vedra Galicia 02.jpg
Localización
RíoUlla
ConcelloVedra - A Estrada
ProvinciaA Coruña - Pontevedra
Características
Construción1945 a 1956
Lonxitude219 m
Gálibo78 m
TipoArco
MaterialPedra

A ponte de Gundián, tamén coñecida como viaduto de Gundián, é unha ponte que salva o paso do río Ulla, na antiga liña ferroviaria entre Ourense e Santiago de Compostela.

Situado á altura do lugar de Gundián, na parroquia da Ponte Ulla (Vedra), na parte coruñesa, e a parroquia de San Miguel de Castro (A Estrada), na banda pontevedresa.

Álzase sobre dous afloramentos de rochas cuarcíticas, nunha paraxe de gran beleza.

Características[editar | editar a fonte]

Construído en pedra (sobre unha armazón de ferro), alcanza unha lonxitude de 219 m, elevándose 86 m sobre o río Ulla. O arco central da ponte está a unha cota de 133 m, que supón unha altura de 78 m sobre o leito do río.[1][2]

Historia[editar | editar a fonte]

Ponte de Gundián.

O trazado ferroviario Zamora-A Coruña foi unha das obras civís máis salientábeis do século XX en Galicia. Dentro deste trazado o paso do río Ulla destaca pola peculiaridade do terreo e as dificultades que presentaba a construción dun viaduto.[1] Situado no chamado Paso da Cova, que xorde ao cortarse a aba do Pico Sacro para dar paso ao río, formándose así un estreitamento entre dúas paredes duns 50 m de caída vertical,[3] o que converte a ponte de Gundián nun dos emblemas de toda a vía.

Proxecto[editar | editar a fonte]

En tempos da ditadura de Primo de Rivera no ano 1928, redáctase o primeiro proxecto para o trazado, obra de Casimiro Juanes Díaz-Santos. Pero o viaduto non foi unha realidade até 30 anos despois, tras episodios intermedios como a redacción dun proxecto reformado, que realizaron Antonio Gáscue Echevarria e Gabriel de Venido Angulo en 1935, o informe a principios do ano siguiente do enxeñeiro xefe da Xefatura de Ferrocarrís do Noroeste. O proxecto reformado non se aproba ata 1939, pasada a guerra civil. Novas medicións in situ fan variar o perfil do terreo aproximándose ao real. Na memoria descríbese:

"O desfiladeiro está formado por dous inmensos contrafortes de cuarcitas que se van separando entre si a medida que aumenta a altura, dende os 25 m ao nivel do río aos 48 m, a unha altura de 46 m sobre o leito do río."

Destaca o empeño pola integración paisaxística da ponte; diferentes factores do proxecto xustifícanse ou sométense a xuízo en favor da integración co contorno.[1][2]

Construción[editar | editar a fonte]

O seu construtor foi Ricardo Barredo de Valenuela, enxeñeiro de prestixio internacional,[4] home ligado á figura de Eduardo Torroja.[1] Abandonado o proxecto durante a guerra civil, ao seu termo o enxeñeiro xefe dos FF.CC. do NO emite o seu ditame favorábel para a construción da ponte, aprobándose un orzamento de 1.037.035 pesetas para levantar a que sería unha das pontes máis fermosas de Galicia.[2]

A ponte tardou en construírse 12 anos, de 1945 a 1956, aínda que entre 1949 e 1951 as obras estiveron paradas porque os obreiros foron destinados a outros puntos da liña onde obra ía máis atrasada.

Traballouse arreo, sen festivos nin paros, en dúas quendas, de 4 a 14 horas e de 14 a 22 e, en ocasións, coa axuda de farois; nalgúns momentos chegou a intervir unha terceira quenda.[2]

En 1945 iníciase a construción do túnel; primeiro nivelouse o terreo e posteriormente iniciouse a armazón de ferro até completar o arco central. Soldadores especializados ían construíndo pezas de dous ou tres metros, que posteriormente servían para facer o encofrado, desde andamios colgantes, o que era un labor moi difícil e perigoso, xa que, coas escasas medidas de seguridade da época, estaban pendurados a máis de 80 m do chan. Para cruzar o río usaban unhas longas varas, especie de xavelinas. En maio de 1955 colocouse a cimbra metálica do arco central e, un ano despois, quedaron unidos os dous lados do viaduto, que sería inaugurado en setembro de 1958.[2]

A nova ponte[editar | editar a fonte]

Ponte de Gundián

O ministerio de Fomento, a través da entidade Adif, comezou a execución dun novo viaduto do Ulla, unha das construcións incluídas no subtramo Silleda (Dornelas)-Vedra-Boqueixón, do eixe Ourense-Santiago de Compostela do Corredor norte-noroeste de alta velocidade, que forma parte da L.A.V. Olmedo - Zamora - Galicia.[5]

A nova ponte, que arranca a tan só 130 m da ponte de Gundián, construíuse no ano 2008. Trátase dunha estrutura singular de máis de 1 km de lonxitude, que está considerada de interese arquitectónico en España. A singularidade desta obra e a complexidade e orixinalidade da súa construción, fixo que o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia lle outorgara en 2001 o Premio San Telmo, co que este colectivo distingue a obra civil máis representativa en Galicia realizada durante o ano anterior ao da súa convocatoria.[6][7]

Valores paisaxísticos e deportivos[editar | editar a fonte]

A súa elegante estética, e a súa situación, converten este viaduto nun referente da comarca, e en centro de atención permanente de fotógrafos e sendeiristas.

Para os sendeiristas, habituais na zona, o viaduto é un atractivo máis nesta paraxe de gran beleza, nunha natureza pouco explotada, cun desfiladeiro de cuarcitas por cuxo fondo discorre un dos ríos máis longos e caudalosos de Galicia.[2] Desde o miradoiro de Gundián, a carón da ponte, comeza unha rota de senderismo que vai paralela ao río Ulla, duns 15 km, no cuso da cal existen varias áreas recreativas e un muíño restaurado.[3]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Viaducto de Gundián Arquivado 12 de xuño de 2018 en Wayback Machine. en IkiMap.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 El puente de Gundián sobre el Ulla cumple medio siglo en Líneas. La revista de Adif, 10 de outubro de 2008.
  3. 3,0 3,1 Mirador de Gundián en Casa rural Galicia. Blogdiario.com
  4. Cemento en Cerdedelo en La Región, Ourense, 18 de novembro de 2008.
  5. Fomento comeza a execución do arco central do Viaduto do Ulla no eixo Ourense-Santiago de Alta Velocidad Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine. en Qué!, 12 de maio de 2009.
  6. "Bases Premio San Telmo". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 02 de maio de 2015. 
  7. Premios San Telmo anos 2009 e 2011 Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine..

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]