Pittosporum tobira
Pittosporum tobira | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Pittosporum tobira no Parque do Oeste, Madrid | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
|
Pittosporum tobira é unha especie da familia Pittosporaceae, orixinaria do leste de Asia.
Descrición
[editar | editar a fonte]Arbusto de até 7 m de alto. Follas agrupadas nos extremos das ramas, simples, desde oblongas a espatuladas, co ápice redondeado ou escotado, lampiñas, lisas, co nervio medio ben marcado como unha raia amarela na face, coriáceas, ca face verde escura e brillante e máis claras polo envés. Inflorescencias en cimas corimbiformes, cos pedicelos pubescentes. Flores aromáticas con 5 sépalos cortamente soldados na base, iguais entre si e pétalos oblanceolados, branco-amarelados. Estames en número de 5, dimórficos: filamentos de 2-3 mm e anteras case estériles en estames reducidos e filamento de 5-6 mm e anteras fértiles de cor amarela, oblongas, e duns 2 mm. Froito en cápsula ovoidea, tomentosa e dehiscente por 2 a 4 valvas, habitualmente 3. Alberga no seu interior varias sementes pardo-alaranxadas, rodeadas por unha substancia resinosa-viscosa esbrancuxada.
Distribución
[editar | editar a fonte]É orixinaria das rexións que rodean o mar da China Oriental: costa oriental da China, o sur de Xapón, o sur de Corea e illas próximas; foi introducida noutras partes do mundo, nalgunhas das cales está asilvestrada.
Na Península Ibérica compórtase como invasora, xa que as aves diseminan as sementes, aparecendo asilvestrada nos bosques lindeiros e aumentando a súa expansión progresivamente. Sería máis recomendable utilizar arbustos de espécies autóctonas para realizar sebes de xardinaría.
Usos
[editar | editar a fonte]É unha planta moi utilizada como ornamental pola súa resistencia á contaminación atmosférica nas grandes cidades.[1] Utilízase en sebes cortaventos nas praias, onde medra ben sobre chan areoso, e onde resiste o vento forte e salobre[2]
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Pittosporum tobira foi descrita primeiro por Carl Peter Thunberg como Euonymus tobira e posteriormente clasificada no xénero Pittosporum por William Townsend Aiton e publicada en Hortus Kewensis, a Catalogue of the Plants Cultivated in the Royal Botanic Garden at Kew. Londres, (2ª ed.), 2, p. 27, 1811.[3]
- Etimoloxía
Pittosporum: do idioma grego πίττα (por πίσσα) 'resina' e σπόρος, 'semente', ou sexa 'sementes pegañentas', pois as sementes están embebidas nunha substancia resinosa-viscosa esbrancuxada.
tobira: epíteto que é o nome da planta en Xapón.
- Sinonimia
- Euonymus tobira Thunb. - basónimo
- Pittosporum chinense Donn
- Pittosporum tobira var. chinense S.Kobay.
- Pittosporum tobira var. tobira
- var. calvescens Ohwi
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Galán Cela P. et alii. (2003): Árboles y Arbustos de la Península Ibérica e Islas Baleares, Madrid, Jaguar, ISBN 84-95537-50-8
- ↑ http://articulos.infojardin.com/articulos/diseno_jardin_mar.htm
- ↑ "Pittosporum tobira". Tropicos.org. Jardín Botánico de Misuri. Consultado o 30 de xaneiro de 2014.
- ↑ Pittosporum tobira en PlantList
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- CONABIO. 2009. Catálogo taxonómico de especies de México. 1. En Capital Nat. México. CONABIO, Cidade de México.
- Comité editorial de Flora de China. 2003. Flora of China (Pittosporaceae through Connaraceae). 9: 1–496. En C.Y. Wu, P.H. Raven e D.Y. Hong (eds.) Fl. China. Science Press y Missouri Botanical Garden Press, Pekín e San Luis.