Saltar ao contido

Pezoña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Algúns sapos conteñen substancias pezoñentas.
As píntegas son animais considerados pezoñentos.
Ferrón de avespa co veleno a saír.
A faneca brava é típica nas praias galegas, crava as tres espiñas dorsais pezoñentas nos pés dos bañistas.

Pezoña é un líquido velenoso segregado por algúns animais[1].

É unha substancia velenosa ou destrutiva tóxica producida e inoculada noutro animal por aparato inoculatorio presente no ser vivo produtor por picadura ou mordedura[2]. Son toxinas que son utilizadas activamente para caza ou defensa; en contraste, os animais velenosos producen velenos, que se utilizan de forma pasiva para defensa. O termo en galego adoita referirse ao veleno só dalgúns animais como serpes, escorpións, sapos e píntegas etc.[3]. De feito a píntega (tamén a víbora[4]) recibe ás veces mesmo o nome de pezoña[5].

As pezoñas poden estar compostas de diversas formas, sendo común a presenza de proteínas e péptidos.

O termo pezoña (do latín vulgar potionea[6]) (en portugués: peçonha, en castelán ponzoña) está relacionado co francés e inglés: poison que significa veleno, mentres que á pezoña lle chaman venin e venom respectivamente.

Tipos de pezoñas e as súas respectivas accións

[editar | editar a fonte]
  • Pezoña é todo tipo de substancia tóxica animal producida por unha glándula especializada (ou sexa, o animal posúe unha estrutura específica para producir a substancia). Xeralmente cando inxeridas son inactivadas polas encimas dixestivas. A glándula de pezoña pode ou non estar aliada a unha estrutura de inoculación: os sapos posúen unha pezoña de defensa (cando unha serpe vai mordelo, ao premer as glándulas no seu dorso, prodúcese a liberación da pezoña que vai causar irritación na mucosa do agresor). Os animais predadores xeralmente posúen a glándula de pezoña aliada a unha estrutura de inoculación, como as Crotalidae, serpes que posúen un par de caninos anteriores cunha canle central por onde circula a pezoña.
  • A pezoña citotóxica afecta células e tecidos: ocorre unha destrución de células e tecidos, seguida de necrose da rexión afectada.
  • A pezoña hemotóxica afecta a células sanguíneas: os vasos sanguíneos perden a súa capacidade de reter o sangue, a capacidade de coagulación e o sistema imunolóxico son anulados, ocorren hemorraxias internas e outros síntomas.
  • A pezoña miotóxica afecta os músculos: produce lesións de fibras esqueléticas con liberación de encimas e mioglobina para o soro e son posteriormente excretadas polos ouriños. O feito que máis se observa nesta acción, son as dores musculares que permanecen durante un longo período. O tratamento fundamental consiste na aplicación precoz de soro antiofídico por vía endovenosa.
  • A pezoña neurotóxica afecta o sistema nervioso: ocorre debido á fracción crotoxina, unha neurotoxina de acción presináptica que actúa nas terminacións nerviosas inhibindo a acción da acetilcolina, sendo o principal factor responsábel do bloqueo neuromuscular, o que vai ocasionar as parálises motoras.
[editar | editar a fonte]
Crotalus durissus, unha serpe velenosa.

A terapéutica popular contra os animais pezoñentos é moi variada. As raspaduras do dente cairo do porco bravo, bebidas, estimábanse moi eficaces para curar as súas picaduras ou contactos.

Andar feito unha pezoña significa andar sucio e farrapalleiro[7].

  • A pezoña non fai mal a quen a pode aturar[8].

Na literatura

[editar | editar a fonte]

O termo pezoña aparece nos dicionarios galegos xa do século XVIII. Ademais é moi nomeada na literatura galega dende antes do rexurdimento (século XIX), xa que é un termo moi empregado na lingua coloquial, moitas veces non só a nivel científico, senón relacionado coa maxia e os meigallos:

Antonio María de la Iglesia fala xa en 1860 sobre a pezoña:

  • Se houber na romaxe alguén que mal quixer' a teu amo, que salla! que bote fóra a pezoña do seu papo!...

Benito Losada Astray tamén fala da pezoña en 1886:

  • Hai bocas tan pezoñentas com'as cóbregas e as píntigas, que deixan dentro do corpo a pezoña, cando bican...[9]

O termo pezoñento ou pezoñoso refírese ao animal que ten pezoña. Unha substancia ou soro antipezoñoso é aquel que contrarresta a acción do veleno das serpes, tamén chamado antiofídico, antiveleno ou antipezoñento[3].

A herba Tanacetum vulgare, tanaceto, tamén se coñece como herba da pezoña[10].

  1. {{Cita web |url=http://www.portaldaspalabras.gal/buscador?palabra=pezo%C3%B1a&sinom=0&homonimo= |título=Definición do termo en Portal das Palabras da [[RAG |data-acceso=07 de novembro de 2014 |urlarquivo=https://web.archive.org/web/20141107145215/http://www.portaldaspalabras.gal/buscador?palabra=pezo%C3%B1a&sinom=0&homonimo= |dataarquivo=07 de novembro de 2014 |urlmorta=yes }}
  2. Complemento de definición en Diccionario Cumio da lingua galega Vigo, Edicións do Cumio, 1999
  3. 1 2 Diccionario galego de termos médicos, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2002
  4. Constantino García González (1985): Glosario de voces galegas de hoxe, Universidade de Santiago, Verba, anexo 27
  5. Léxico de xeografía, Universidade de Santiago de Compostela, Universidade, 1996; "Zooloxía" en Vocabulario de ciencias naturais, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1991; Gran dicionario Xerais da lingua galega, Vigo, Xerais, 2009; e Dicionario da Real Academia Galega A Coruña, RAG, 2012
  6. Dicionario etimológico do portugês
  7. Juan Sobreira Salgado (1792-1797): Papeletas de un diccionario gallego.
  8. Eladio Rodríguez González (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo
  9. Tesouro Informatizado da Lingua Galega, entrada pezoña.
  10. E. Losada, J. Castro e E. Niño, (1992): Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]