Partido Autonómico Nacionalista de Castilla y León

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Partido Autonómico Nacionalista de Castilla y León
Tipopartido político español
Data de fundación28 de marzo de 1978
SedeValladolid
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]

O Partido Nacionalista de Castilla y León (PANCAL), fundado en Toro en 1977, foi o primeiro partido político democrático nacionalista de Castela e León. Reivindicaba entre outras cousas a reintegración de Cantabria e A Rioxa en Castela e León, o recoñecemento para esta rexión de nacionalidade histórica española, uns foros fiscais para Castela e León similares aos de Navarra e o País Vasco, e o cesamento da postergación económica e da emigración cara a outras rexións que sofre a rexión castelán-leonesa. Definíase nos seus estatutos como ...un partido de masas, democrático, federal, humanista, liberal e de centro progresista, que con respecto á propiedade privada tende á evolución social, para poñer fin ao ostracismo, postergación e discriminación que o centralismo do Estado someteu a Castela dende 1521 ata a actualidade.

Comezo[editar | editar a fonte]

En novembro de 1977, algúns membros sobranceiros da Alianza Regional de Castilla y León puxeron en marcha unha iniciativa para crear un partido nacionalista. Estaban atestados por Millán Bravo Lozano, leonés de Las Grañeras e Catedrático de Filoloxía da Universidade de Valladolid. O 13 de decembro de 1977, os valisoletanos Benigno Polo Rodríguez, Mariano Manso Besteiros e José David Redondo Sanz crearon o Partido Nacionalista Castelán, baseado nas teses do burgalés Gonzalo Martínez Diez, Catedrático de Historia do Dereito da Universidade de Valladolid e principal ideólogo da Alianza Regional de Castilla y León. Defectos de forma nos seus estatutos impediron a súa legalización e esta iniciativa foi abandonada. O 18 de decembro de 1977 presentouse no instituto de secundaria Juana I de Castela de Tordesillas o Partido Nacionalista de Castilla y León (PANCAL), que quedou inscrito no rexistro de partidos o 28 de marzo de 1978. Entre os seus fundadores estaban o propio Millán Bravo Lozano, o salmantino Eleuterio Ferreira Carretero, o valisoletano José Carlos Conde Quintero ou o burgalés Luis Vivar Nebreda, quen posteriormente en outubro de 2010 fundaría o partido rexionalista Castilla Unida (CUn).[1]

O ámbito de actuación do PANCAL estaba fixado nas once provincias das rexións históricas de León e Castela a Vella, é dicir as nove provincias da actual comunidade autónoma de Castela e León máis A Rioxa e Cantabria. Emporeso, o PANCAL aspiraba a compartir os seus ideais nacionalistas con Castela a Nova, co conxunto do que denomina a nación castelá ou Castela enteira. Ideoloxicamente o PANCAL definíase coma un partido democrático, social, popular e progresista, baseándose na tradición comuneira de liberdade e democracia. Boa parte das ideas castelán-leonesistas do PANCAL estaban baseadas no pensamento do profesor Martínez Díez e da propia Alianza Regional de Castilla y León.

O PANCAL tivo dende a súa fundación serias dificultades para ser legalizado polo Ministerio do Interior, tal e como recoñeceron os seus dirixentes, Millán Bravo e Gonzalo Martínez, na reunión que o partido celebrou en Sahagún o 27 de marzo de 1978. Naquela reunión, criticaron a marxinación sufrida por Castela a Vella ao León, así como ao Grupo Autonómico Leonés e aos outros movementos leonesistas da época, aos que definían como "oligarcas do diñeiro e da mesocracia" e "románticos do Barrio Húmedo".[2] Ao día seguinte daquela reunión, o 28 de marzo, asomade o PANCAL quedaba oficialmente inscrito no Rexistro de Partidos e póis legalizado.

En decembro de 1981 o partido substitúe a denominación "nacionalista" pola de "rexionalista", se ben conserva as siglas PANCAL. Isto debeuse a que así foi requirido por AP para que o PANCAL formase parte da súa Federación de Partidos, e de feito foi un paso previo e provisional para quedar incorporado en febreiro de 1982 á Alianza Popular (AP), unha operación cuxo obxectivo eran as eleccións xerais dese ano. Malia o partido se integrara na federación de AP, certas discrepancias determinaron que o PANCAL presentase en solitario ao candidato ao Senado pola provincia de Segovia, Amador Álvarez Mateo. En 1983, nas primeiras eleccións autonómicas en Castela e León, o PANCAL non presentou listas electorais en ningunha das provincias. Froito do acordo con Alianza Popular, o presidente do PANCAL figurou no número tres da candidatura de AP por Soria, resultando Francisco José Alonso elixido Procurador nas Cortes de Castela e León. Neses comicios autonómicos a única candidatura nacionalista foi a do novo partido Unidad Comunera Castellana (UNCC), que concorreu pola provincia de Palencia. Aos poucos meses das eleccións autonómicas, o PANCAL abandona a federación con Alianza Popular e o procurador Francisco José Alonso pásase ao grupo parlamentario mixto, representando o PANCAL ata o final da lexislatura, que retoma a denominación de "nacionalista".

Territorio reclamado polo PANCAL

Eleccións de 1979 e 1983[editar | editar a fonte]

En 1979 o PANCAL integrouse na Federación Socialdemócrata que lideraba José Ramón Lasuén. Nas eleccións municipais de 1979 presentou candidaturas en Burgos, Valladolid e Castroponce, obtendo en total tan só tres concelleiros nesta última localidade. Nas eleccións xerais dese mesmo ano, o PANCAL presentou candidaturas en Valladolid, Burgos e Palencia, obtendo uns pobres resultados. No congreso do PANCAL celebrado en febreiro de 1980 desprazouse da dirección ao que fora o seu principal impulsor, Millán Bravo Lozano, a pesar das protestas deste sobre a nulidade da xuntanza. A partir dese momento o novo líder do partido sería o novo sociólogo zamorano Francisco José Alonso Rodríguez, que renova boa parte da directiva do partido. Algúns dos históricos membros fundadores do PANCAL, descontentos co novo liderado, abandonarán o partido definitivamente. En xuño de 1981 o PANCAL constituíu unha federación de partidos socialdemócratas con formacións de Andalucía e doutras rexións. Nesa época o PANCAL tivo un vencellamento especial co sobranceiro historiador Claudio Sánchez Albornoz, que permanecía no exilio na Arxentina. Debido á grande influencia que por entón exerceu Sánchez-Albornoz sobre o PANCAL, este pasou a integrar na súa territorialidade tamén a Castela a Nova. En outubro de 1981, Sánchez Albornoz acepta a presidencia de honra do PANCAL.

En 1989 celébranse eleccións ao Parlamento Europeo. O PANCAL intégrase na denominada Coalición Nacionalista, xunto ao Partido Nacionalista Vasco (PNV), as Agrupaciones Independientes de Canarias e Coalición Galega. Francisco José Alonso, secretario xeral do PANCAL, ocupará o cuarto posto na lista europea desta coalición.

Nos anos seguintes a presenza do PANCAL nas eleccións faise máis testemuñal. Nos comicios autonómicos de 1991 só presentou candidatura ás eleccións xerais na provincia de Soria, atestada por César Moreno, namentres nas eleccións locais só conseguiu un concelleiro na localidade zamorana de Alcañices. O partido encóntrase en horas baixas e con moi poucos militantes.

Declive[editar | editar a fonte]

En 1992 o PANCAL, moi debilitado de militancia, participa no inicio do proceso de creación dunha plataforma rexionalista xunto a outros partidos como Democracia Regionalista de Castilla y León, Unidad Palentina, Acción Popular Burgalesa, o último grupiño de Unidad Comunera Castellana e algúns renovadores do CDS de Salamanca e Palencia. O resultado final foi a creación do partido rexionalista Unidad Regionalista de Castilla y León.[3] Nesta nova agrupación integráronse varios militantes sobranceiros do sector máis rexionalista castelán-leonés do PANCAL, como por exemplo o valisoletano Marcelino Gonzalo Piedrahíta, que nas eleccións xerais de 1986 foi candidato ao Congreso polo PANCAL e que posteriormente ingresou en Unidad Regionalista de Castilla y León; Porén, os partidos "nacionalistas" (PANCAL e Unidad Comunera Castellana) non se integraron finalmente nesta nova formación política.

O PANCAL encontrábase xa por estas datas moi baixo de militancia ao terse integrado a meirande parte dos seus membros en Tierra Comunera ou en URCL. A partir das eleccións ao Parlamento Europeo de 1989, a actividade política do PANCAL diminuíu aínda máis e cando concorreu electoralmente resultou un fracaso. Nas eleccións autonómicas de 1995 non presentaron ningunha candidatura. Nas eleccións xerais de 1996 só presentaron candidaturas ao Senado por Madrid e Burgos. En Madrid a testa de lista foi Francisco José Alonso, namentres en Burgos o único candidato ao Senado do PANCAL foi David Díaz Cruz, que posteriormente sería un destacado militante de Tierra Comunera en Miranda de Ebro. Nas eleccións autonómicas de 1999 o PANCAL unicamente presentou unha lista na provincia de Segovia, neste caso encabezada por José Miguel López. En 2002 os restos do PANCAL, xunto a outros pequenos sectores, forman un novo partido denominado Unión Centrista Liberal, presentándose ás eleccións autonómicas de 2003 co nome de Unión Centrista Liberal-PANCAL (UCL-PANCAL).[4] Esta coalición presenta candidaturas en Madrid (atestada por Francisco José Alonso), Zamora e Valladolid. Tamén como UCL-PANCAL se presentou ás eleccións xerais de 2004, conseguindo en Castela e León o 0,02% dos votos. Nas eleccións autonómicas de 2007 ningunha lista se presentou baixo a denominación de Partido Nacionalista de Castela e León (PANCAL), e ás eleccións ao Parlamento Europeo de 2009 preséntanse só xa co nome UCL, contando con apenas votos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El partido Castela Unida nace co obxectivo de cambiar o modelo regional
  2. Reunión do Partido Nacionalista de Castela e León (PANCAL) en Sahagún
  3. Seis grupos políticos fusiónanse nun partido rexionalista en Castela e León
  4. El PANCAL foi o máximo impulsor deste novo partido; de feito, o artigo 1 dos estatutos da UCL establecen que o partido poderá utilizar a denominación de PANCAL en Castela e León se se cree conveniente.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • M. González. "El proceso autonómico de Castilla y León". Fundación Villalar (2004).
  • J.A.Blanco Rguez (Coord.). "Regionalismo y autonomía en Castilla y León". Xunta de Castela e León (2004).
  • E.Berzal. "La larga marcha hacia la Autonomía". El Mundo (2007).
  • M.González, J.V.Pelaz, P.Pérez. "Castilla y León en democracia. Partidos, elecciones y personal político 1977-2007". Xunta de Castela e León (2007).